3



3. A PROSA DO PRIMEIRO TERZO DO XX: AS IRMANDADES E O GRUPO NÓS (NARRATIVO, ENSAIO E XORNALISMO).

No ano 1916 iníciase un novo movemento político cultural que recibe o nome de Irmandades da Fala. Un dos seus obxectivos fundacionais era a defensa e a difusión do galego a través da práctica. Son achegas das Irmandades no ámbito literario a renovación estética, formal e temática, a promoción do cultivo do galego a través de concursos, revistas e xornais, a ampliación do número de lectores, o espallamento da lingua a novos xéneros (teatral, novelístico e ensaístico), a tradución de obras europeas (Otero Pedrayo traduce o Ulises de Joyce), a promoción do teatro galego e do traballo de coros populares.

Un dos xéneros en que as Irmandades da Fala inician un proceso de modernización e de aumento da presenza da lingua galega é na narrativa, e sobre todo na narrativa breve. Para a súa promoción, créanse coleccións como Lar, Céltiga, Alborada, Libredón, Nós... O proceso de modernización da narrativa lévano adiante eliminando o ruralismo imperante na narrativa do século anterior e incorporando no seu lugar o ambiente vilego e urbano.

Como narradores da época das Irmandades, ademais do Grupo Nós e R.Dieste, pódese mencionar a Lesta Meis, López Abente ou Leandro Carré. O primeiro é un dos autores máis destacados desta etapa, explora novos espazos para a novelística galega, e traslada as súas historias ao ámbito da emigración con obras como Manecho da rúa (relato da vida dun emigrante na Habana que volve a Galicia para morrer), Estevo (reproduce escenas nunha plantación de cana azucreira en Cuba, espazo novidoso na literatura galega) e Abellas de ouro (relatos de ambiente rural protagonizado exclusivamente por mulleres). López Abente, ademais de escribir composicións en verso, compuxo novelas curtas de ambiente mariñeiro (O deputado por Beiramar, O escándalo, O novo xuíz, Buserana, Fuxidos e Vaosilveiro). Finalmente, Leandro Carré Alvarellos é autor de catro novelas breves de ambiente rural (Naiciña, A propia vida, O home que deu a vida a un morto e O xornal de Mavi).

O ensaio servirá para dar a coñecer os ideais nacionalistas e tamén como vehículo na defensa da lingua e das tradicións do noso país., de aí que personalidades unidas ás irmandades, como Antón Villar Ponte (fundador das Irmandades da Fala e autor de numerosos ensaios, conferencias e discursos aparecidos en diversas publicacións e reunidos no volume Pensamento e sementeira) ou Johán Vicente Viqueira (deixou mostras do seu pensamento galeguista en numerosos artigos aparecidos no xornal A Nosa Terra), iniciaran o cultivo deste xénero.

Non obstante, van ser os homes do Grupo Nós os que van conferirlle á cultura galega unha altura intelectual que non tivera até daquela. O nome procede da revista que fundaron, Nós (1920-36), que, co subtítulo de Revista mensual da cultura galega, pretende crear unha conciencia de galeguidade e convértese no órgano da intelectualidade galega. É a publicación máis importante da Galiza de preguerra, ocúpase do estudo das diversas facetas que compoñen a cultura galega (arqueoloxía, antropoloxía, etnografía, xeografía, historia, literatura, etc), adquirindo unha dobre dimensión científica e literaria, achega as novas correntes europeas e serve de escaparate á produción galega da época. Galiza comeza a ser obxecto de estudo e investigación.

O Grupo Nós son escritores nados entre 1880 e 1890, pertencen cronoloxicamente á xeración das Irmandades, e ten como principais integrantes ao grupo ourensán (Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas...) e a Antón Losada Diéguez e Alfonso Rodríguez Castelao.

En principio, o “Cenáculo ourensán”, de rigorosa formación intelectual e de procedencia social acomodada, son os representantes dunha xeración de “inadaptados” na sociedade burguesa (elitistas e individualistas) e evádense cara a culturas afastadas ou teorías irracionais, como o ocultismo. Non existe neles ningún tipo de compromiso social nin galeguista. Non obstante, cara a 1918, incorpóranse ás Irmandades da Fala e, desde unha etapa inicial de cosmopolitismo e exotismo (formación literaria baseada nas correntes estéticas de fins do XIX; esteticismo evasivo, neorromántico; interese pola literatura europea, os mundos exóticos como o oriental ou os temas exotéricos...), evolucionan cara ao galeguismo, desde ese momento, Galicia será o obxectivo das súas preocupacións e da súa obra literaria.

En Nós, os inadaptados, Arredor de si e Dos nosos tempos, Risco, Pedrayo e Cuevillas, respectivamente, sintetizan o desenvolvemento da conciencia galeguista nuns homes que, despois dunha viaxe pola cultura europea do seu tempo á busca de espazos exóticos, descobren a Galiza e a súa xente. Isto lévaos a conectar Galiza con Europa nun afán de modernización e de superación do illamento rural da cultura galega. Conxugarán enxebrismo e europeización a través do atlantismo celtista (amósanolo o seu interese pola literatura irlandesa e a cultura bretoa).

Os homes da xeración Nós consolidaron e modernizaron a prosa literaria galega, tanto no ámbito da narrativa (relatos, novelas, narracións curtas) como no ensaio Na novela superan o ruralismo costumista decimonónico coa introdución do espazo urbano, a diversificación de novos temas, a introdución de técnicas narrativas da literatura europea e a renovación da linguaxe (cultismos, lusismos...). Na prosa científica axeitan o idioma a este xénero e promoven o estudo das diversas facetas da cultura galega (arqueoloxía, historia, xeografía, etnografía), conforme aos modelos vixentes en Europa, predominando a temática social e política vistas desde unha perspectiva nacionalista.

Politicamente participaron nas teses do nacionalismo, militan no PG (1931) e colaboraron na elaboración do Estatuto de Autonomía (1936); culturalmente colaboraron activamente no Seminario de Estudos Galegos e nos xornais e revistas da época.

Ramón Otero Pedrayo (1888-1976),

Como escritor é considerado “o patriarca das Letras Galegas”, o creador da prosa galega moderna. A importancia da súa prosa, ademais de cuantitativamente (é un dos narradores máis prolíficos), radica na transcendencia da mesma: aporta á literatura galega, sen tradición novelesca, a ampliación temática e de xéneros (novela culturalista, histórica, relato breve, contos, ensaio literario...), inscribindo as nosas letras nas grandes correntes estéticas europeas (simbolismo, expresionismo...) na procura dunha lingua literaria para narrativizar a historia galega e amosando gran capacidade de creación de lugares, de ambientes e de personaxes.

Revélase tardiamente como narrador e son temas recorrentes da súa narrativa: a tradición (conforma a cultura espiritual do pobo; de aí a súa xenreira contra os “tendeiros” –comerciantes de orixe foránea- que irrompen na vida galega, traendo uns ideais materialistas destrutores dos modos de vida tradicionais e xerando unha cultura mimética e antigalega.), a fidalguía (simboliza para Otero a vida tradicional da aldea, sometida aos ciclos naturais; ataca a esta caste pola súa deserción da aldea e polo éxodo cara á cidade, onde rematará alienada, renegando da súa condición galega e crea unha fidalguía ideal, consciente da súa función na rexeneración e na redención de Galiza), a paisaxe (a súa narrativa énchese de naturezas humanizadas que non son simple escenario senón consubstanciais co ser humano porque, para Otero, a paisaxe, dotada de vida, goberna ao home, configurando a súa psicoloxía; na conformación da paisaxe actúa tres elementos fundamentais que establecen o seu propio tempo: o factor cósmico -forzas xeolóxicas, astronómicas e atmosféricas- correspóndese co tempo planetario; o factor biolóxico -flora e fauna-, o tempo vital e o factor humano -agricultura, arquitectura, arte-, o tempo histórico).

A súa obra narrativa agrúpase tematicamente en dous núcleos: as obras de temática galega e as de temática non galega. Neste segundo grupo, Fra Vernero narra a vida dun personaxe histórico, Zacarías Werner (1768-1823), que tras levar unha vida disoluta acaba facéndose bautizar e ordenar sacerdote, a novela é unha visión da Europa daquel tempo, concibida como escenario de ideas polo que desfilan Mozart, Voltaire, Chateaubriand, Stendhal, Hegel....

A súa produción xenuinamente galega estrutúrase en narracións realistas, ofrecen unha visión obxectiva, ás veces quebrada con xuízos persoais e preocupacións doutrinarias, a vida rural da sociedade galega do século XIX e novelas culturalistas, as accións e os personaxes perden protagonismo en prol da exposición de ideas e referencias culturais, claves para a interpretación de Galiza.

Sitúanse entre as narracións realistas: Pantelas, home libre (1925, relato breve que adianta os motivos que se converterán en constantes na súa obra: a paisaxe, a tradición e os fidalgos; narra o regreso do protagonista, Pantelas, á súa terra despois de pasar doce anos no cárcere e experimenta a fonda vinculación entre o home e a terra), Os camiños da vida (1928. A acción transcorre en Trasouto –Trasalba-, Ourense e Santiago. Protagonizada por dúas familias fidalgas: os Doncos -carlistas e representantes dunha fidalguía en decadencia que non se adapta á nova realidade histórica; amosará a súa decadencia económica, física e moral- e os Puga -liberais e capaces de aclimatarse aos cambios-. Construída como un gran mural, amósanos a sociedade galega rural no transo da súa transformación durante o século XIX -entre 1835 e 1868, aproximadamente a época do provincialismo-, desde a desamortización até a revolución de 1868. Obsérvase o paso da economía natural á monetaria, coa desfeita do poder secular dos mosteiros, as guerras carlistas impulsadas polos partidarios do Antigo Réxime, a decadencia da fidalguía e o ascenso da burguesía comerciante de tendeiros foráneos, o que traerá como consecuencia a alteración dos modos tradicionais de vida), Contos do camiño e da rúa (1932, sete relatos que tratan o tema da decadencia da fidalguía rural, enfocado cunha certa melancolía), O mesón dos ermos (1936, novela curta conformada por retratos realistas da vida da aldea e a descrición da paisaxe)

Como novelas culturalistas mencionar: Escrito na néboa (1927, semella unha preparación ou bosquexo de Arredor de si no que preséntanos a figura de Adrián Solovio, mozo fidalgo que soña con vivir unha vida intelectual e ofrécenos as análises do seu mundo interior), Arredor de si (1930. Novela de tese que é unha especie de biografía espiritual do propio Otero e, nun sentido máis amplo, dos homes do Cenáculo ourensán, antes da súa chegada ao galeguismo e da súa conversión. O protagonista, o intelectual Adrián Solovio, viaxa por diversos lugares de España e Europa á procura da súa propia identidade -atoparaa cando se identifique coa terra- e vai experimentando unha evolución ideolóxica motivada por unha crise que, desde a cultura europea, escéptico e desacougado, lévao de regreso a Galiza, cun reencontro consigo mesmo e coa terra. A estrutura da novela relaciónase co relato mítico de tipo iniciático, adaptado ao mundo contemporáneo; a viaxe física é soporte da viaxe interior, viaxe iniciática que cambia a súa personalidade e o converte nun ser maduro e consciente. A obra carece de acción exterior, dado que o realmente importante acontece na mente do protagonista, na viaxe interior, na acción interna, psicolóxica, que se nos mostra), A romaría de Xelmírez (1934, novela histórica de asunto medieval na que expón a súa concepción sobre o século de Xelmírez e realiza a apoloxía deste prelado galego, que encarna o ser dunha Galiza románica e europea, vencellada á cultura do seu tempo), Devalar (1935, pecha un ciclo sobre a formación da conciencia galeguista, é a súa novela máis moderna desde o punto de vista técnico xa que se compón dunha serie de cadros que conforman todos xuntos unha representación da Galiza do tempo do Seminario de Estudos Galegos, vista nun clima de esperanza e plenitude).

A súa obra ensaística é extensísima e dedicada a temas moi diversos (xeografía, historia, literatura, filosofía...), mais case sempre relacionados directa ou indirectamente con Galiza. A maior parte destes escritos atópanse dispersos en libros, folletos e revistas variadas. A temática é semellante á que desenvolve na súa produción narrativa, e a fronteira entre novela e ensaio é ás veces difícil de establecer.

A crítica literaria está representada en Romantismo, saudade, sentimento da raza e da terra (1931); Morte e resurrección (1932) representa a súa primeira pescuda sobre as esencias da galeguidade; da súa paixón pola historia xérase o seu Ensaio histórico sobre a cultura galega (1933) (1930)?, onde fica explícita a súa idea de Galicia: unión da Terra e o pobo, a lingua, o sentimento relixioso e o galeguismo como manifestación do europeísmo e Síntese histórica do século XVIII en Galiza (1969); tamén cultivou os libros de viaxes (Pelerinaxes,1929, ten como base o relato da camiñada a Santo André de Teixido e está ateigado de reflexións críticas, evocacións históricas e interpretacións culturais, mesturando o ensaio etnográfico, histórico e xeográfico co libro de viaxes; e Polos vieiros da saudade,1952, é a crónica da primeira viaxe que realizou a América en 1947) e as lembranzas (Libro dos amigos,1953, é unha emocionada homenaxe á amizade, retrata amigos e mestres desaparecidos, facendo un mosaico do ambiente dos escritores da Época Nós; e O espello no serán,1966, amosa visións e vivencias da cidade xacobea).

Otero Pedrayo emprega unha linguaxe popular, cun estilo espontáneo e baseado na improvisación e na inspiración. O seu é un estilo épico, con predominio da frase curta, a concisión e abundancia de elipses e asíndetos, procedementos que favorecen o dinamismo discursivo; pero, á súa beira, sobre todo nas evocacións da paisaxe, aflúe un estilo lírico e barroco, con longos parágrafos ateigados de suxestivas imaxes. A combinación destas dúas formas configuran unha prosa fluída e chea de ritmo e musicalidade.

Vicente Risco (1884-1963).

Á parte da súa transcendencia como ideólogo e orientador dun movemento cultural, Risco quedou para a historia da nosa literatura como un creador que renovou a nosa narrativa ao abandonar o ruralismo que a caracterizaba até ese momento e introducir na súa obra unha ambientación urbana, motivos esotéricos, humor crítico, exploración etnográfica e intencionalidade didáctica. Procura a creación de mitos compensadores da alienación cultural do país; entre eles, a liñaxe celta do pobo galego, a exaltación do medievo –a época anterior ao sometemento político e cultural de Galiza-, a valoración do natural e rural fronte ao histórico e urbano...

A súa narrativa ten un carácter intelectual que se vencella coa súa obra ensaística e vén sendo unha continuación do seu pensamento filosófico: irracionalismo gnoseolóxico (fronte ao racionalismo científico, a validez do sentimento como facultade cognoscitiva e potencia mística que nos revela a cerna das cousa; de aí a súa fascinación polo mito, o esoterismo, as filosofías orientais, a valoración da tradición para reconstruír un pasado céltico e atlántico oposto á civilización mediterránea), visión cíclica da historia (teoría espiritualista pola que as diferentes épocas históricas, segundo Risco, caracterízanse polo predominio dun dos tres arquetipos humanos: homes:Hylicos –materialistas-, Psíquicos –racionalistas- e Pneumáticos –espiritualistas-) e o sentimento da Terra (constante antropolóxica e cultural dun pobo de labradores que arraigou nos devanceiros celtas e transmitiuse no inconsciente colectivo dos galegos ; a cultura galega é o resultado dunha simbiose coa Terra e ten como substrato común a saudade, que conforma a cosmovisión e a psicoloxía dos galegos; a fala é o elemento máis espiritual da cultura, modela o pensamento e a maneira de ser das xentes até o punto de que a substitución lingüística determina a dexeneración espiritual do pobo).

A súa prosa adoita ser bastante directa e presenta poucos artificios retóricos. A claridade, agudeza e sobriedade expresivas son as características básicas da súa narrativa.

Inicia a súa produción coa obra Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros (1919), narración humorística con notas críticas referidas ás materias ocultistas e na que o protagonista, da man da momia de Tutankamon, lévanos ao mundo de ultratumba. Amosa o seu interese pola etnografía en O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán (1925), inspiradas nas lendas tradicionais galegas do lobishome e dos mouros, respectivamente. A Coutada (1926), máis que unha narración é un diálogo filosófico no que o protagonista, inadaptado na sociedade urbana, trata de convencer a muller para regresaren á Coutada, a casa herdada que simboliza a fidelidade á terra e ás orixes. No 1927 aparecen fragmentos na revista Nós da novela inacabada Os europeos en Abrantes, constitúen unha sátira de persoas e lugares da vida ourensá.

Pero é na súa única novela longa, O porco de pé (1928), onde a sátira e a caricatura convértense nunha obra mestra e é considerada pola crítica como a primeira novela galega moderna. Constitúe unha sátira contra a burguesía, encarnada na figura de don Celidonio, comerciante de orixe castelá, que chega a ser alcalde dunha cidade galega, Oria, e que é caracterizado con atributos “porcinos”. Representa a vulgaridade e o materialismo da nova burguesía, a parodia dunha sociedade urbana vulgar e consumista, das estruturas sociais ourensás, satirizada de modo grotesco. Se D.Celidonio representa a materia (non ten cultura nin psicoloxía, senón unicamente necesidades materiais), o intelectual doutor Alveiros –o seu antagonista- é o espiritualista que, non obstante, impulsado polo demo, acaba cedendo ante os encantos da vida burguesa e así certifica o triunfo da masa e da vulgaridade. A novela –chea de personaxes caricaturizados e con elementos humorísticos- chega á súa apoteose final cando don Celidonio é homenaxeado mentres arde a Biblioteca Municipal. Os recursos expresivos vencéllanse coa estética expresionista e supón unha síntese do seu pensamento, onde apareceron as ideas que desenvolve nos seus ensaios.

Risco é un ideólogo cunha marcada propensión ao didactismo, polo que é no ensaio onde atopa a súa forma máis natural de expresión. Fóra dos seus múltiples e valiosos traballos como etnógrafo (especializouse en temas de etnografía, mitografía e historia), foi autor de ensaios que poñen de manifesto as súas ideas sobre o noso país e a súa intención eminentemente didáctica. Considerado o ideólogo do grupo Nós, coa publicación de Teoría do nacionalismo galego, convértese no líder e primeiro teórico do galeguismo, daralle gran influencia entre os galeguistas até a II República e vai propiciar a triunfo da liña culturalista no galeguismo.

Podemos distinguir tres etapas na súa traxectoria intelectual, que se reflicten na produción ensaística:

-1ª Etapa (pregaleguista, anterior a 1920). Foi explicada por el mesmo en Nós, os inadaptados (1933), óllase a traxectoria e evolución ideolóxica desde o individualismo da mocidade até o compromiso co galeguismo. Estuda a evolución ideolóxica dos integrantes do Cenáculo Ourensán, o pensamento e formación cultural do seu grupo xeracional antes da chegada ao galeguismo. Describe o decadentismo finisecular, no cosmopolitismo, no interese polas filosofías orientais.

-2ª Etapa (nacionalista, 1920-1934). Princípiase coa conversión de Risco ao galeguismo, o seu ingreso nas Irmandades e a fundación da revista Nós. Sen mudar os seus presupostos ideolóxicos, troca teosofía, budismo e orientalismo por cristianismo, celtismo e atlantismo. Con Teoría do nacionalismo galego (1920) pretende exaltar Galiza a través da lingua (conformadora do ser da xente), a terra (a nai sagrada).e a raza (orixe étnica común), nunha concepción orgánico-historicista da nación (manifesta e xustifica os pensamentos acerca do nacionalismo galego).

-3ª Etapa (posnacionalista, 1934-1963). Comeza coas crónicas da súa viaxe a Centroeuropa para ampliar os seus coñecementos de etnografía e folclore, publicadas en Nós e logo reunidas en Mitteleuropa (1934), onde mestura o libro de viaxes co ensaio. Percíbese o desencanto polas direccións que tomaba o galeguismo ao aliarse coa esquerda da Frente Popular. Apréciase un cambio ideolóxico, a súa concepción cíclica e espiritualista da historia deixa paso a un simple providencialismo segundo o cal a historia fica reducida á loita entre Deus e o Demo. En Leria (escritos asinados desde 1920 até 1955 e reunidos en1961) céntrase no estudo da tradición galega e publica unha colección de textos filosóficos e crítico-literarios.

Florentino López Cuevillas evolucionou, do mesmo xeito que Risco e Otero Pedrayo, desde unha preocupación cosmopolita ao descubrimento e reintegración na cultura galega. A súa prosa caracterízase pola riqueza léxica, a expresividade sintáctica cunha ollada impresionista sobre un mundo que ve ameazada a súa diversidade e singularidade cultural. Con respecto á súa produción destacou no xénero ensaístico : Dos nosos tempos (1920) é un breve ensaio no que, como en Nós, os inadaptados de Risco e Arredor de si de Pedrayo, refire a evolución intelectual dos homes do grupo ourensán, alude ao desengano ante a civilización moderna e industrial que os leva ao orientalismo e ao elitismo intelectual, e os efectos que van ter nas súas conciencias a I Guerra Mundial e a Revolución Rusa; Prosas Galegas (virán a luz entre 1920 e 1958, e publicado o volume postumamente en 1962) recompila breves ensaios, homenaxes a escritores galegos e estudos varios (“A idade de ferro na Galiza”, “Catálogo dos castros galegos”, “Prehistoria e folclore do Barbanza”...), nos que, como arqueólogo e prehistoriador do Grupo Nós, difunde e explica a cultura galega (considera que a paisaxe, a psicoloxía, a relixiosidade ou a arquitectura popular galegas teñen as súas raíces na prehistoria, época de esplendor do país).

Antón Losada Diéguez foi unha figura fundamental dentro do nacionalismo galego. A súa amizade con Risco e Otero Pedrayo foi fundamental para a incorporación destes ás Irmandades da Fala. É autor dalgúns textos de carácter político, filosófico e social dispersos en publicacións periódicas, como o titulado “Encol da prosa galega” na revista Nós. Escribiu tamén contos e a obra teatral A domeadora.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950) revélase como un profundo coñecedor da psicoloxía do pobo galego e cunha acertada visión crítica da realidade, coñecemento reflectido nunha obra enchida de comprensión e humanidade. Clásico da cultura galega e da historia do galeguismo, debido tanto á significación das súas obras no campo artístico (artes plásticas, prosa narrativa, teatro) como á produción ensaística e á transcendencia do seu labor político.

Aínda que rigorosamente coetáneo dos membros do Grupo Nós e vencellado a eles, Castelao presenta características singulares que o arredan do grupo ourensán. A súa procedencia social era máis popular ca a dos ourensáns, e tamén a súa obra, sen prexuízo da universalidade, é máis próxima ao pobo galego; lonxe do culturalismo de Risco e Otero, a narrativa do rianxeiro gaña en calor e fondura humanas.

A lingua é para Castelao elemento configurador e diferenciador do pobo: a súa alma; e o instrumento da súa expresión literaria. Nos seus escritos emprega unha lingua dominada pola claridade e pola viveza, procurando a riqueza literaria e a precisión nos contidos. Elementos principais no seu estilo son : o humor, o lirismo, o ton emotivo, a prosa rítmica e a escaseza da descrición. E, na meirande parte da súa obra, xúntanse as diversas facetas artísticas: debuxante, humorista, escritor e polemista. Isto coa mestura da simplicidade da arte popular e a estética culta, é o que lle dá á súa narrativa esa condición sintética que a singulariza.

Inicia a súa traxectoria narrativa coa novela curta Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922). Utiliza o recurso do narrador-editor que se dirixe ao lector para explicarlle, no prólogo, como obtivo esas memorias e promete, no epílogo, unha continuación destas memorias relativa a un cemiterio rural que Castelao, que se saiba, non chegou a compor. De carácter humorístico e centrada no tema de ultratumba, un esqueleto refire en primeira persoa sucesos da súa vida e da vida no cemiterio de cidade, percibidos a través dun ollo de vidro; a temática de ultratumba, xa tratada por Risco, cobra en Castelao un tratamento singular ao aproximar a ficción á realidade social do momento xa que os sucesos narrados ao igual que a presentación de tipos (o poeta, o filántropo, o vampiro que en vida fora un famoso cacique sátira de carácter anticaciquil-...) serven de crítica a aspectos da sociedade galega en consonancia coa concepción do humor de Mark Twain.

Cousas (primeiro libro: 1926, segundo libro: 1929, recolle as dúas coleccións en 1934). Corenta e cinco relatos breves acompañados dunha ilustración (ou 44 relatos máis unha introdución) publicadas previamente na prensa. Nelas ofrece un mosaico da realidade galega do seu tempo e predomina o dramatismo, o humor ou o lirismo.

Comeza cunha introdución titulada “A carón da Natureza” no que, a modo de xustificación da obra, Castelao sinala a incapacidade da pintura para expresar a realidade (por iso utiliza a escritura, que complementa o debuxo) e manifesta o seu posicionamento a prol da cultura popular e natural contrapoñéndoa ao mundo artificial no que vivimos. Aínda así, cada cousa leva unha ilustración que complementa o texto, onde se desenvolven brevemente asuntos de temática variada (descricións de personaxes, de paisaxes –a Galiza máxica e misteriosa, a soidade, a emigración, as traxedias do mar...-), en moitos casos de ambiente labrego ou mariñeiro, comprimidos por un procedemento semellante á súa técnica de debuxo.

A cousa constitúe a fórmula literaria máis orixinal e característica de Castelao. Adoitan narrar historias ou acontecementos, pero algunhas son de carácter lírico e aproxímanse ao poema en prosa. O final de cada cousa está coidadosamente traballado. Esta fórmula literaria está presente en toda a obra narrativa de Castelao, até o punto de que, como di Carballo Calero, poderíase explicar a estrutura de Un ollo de vidro, Retrincos e Os dous de sempre como cousas xustapostas, coordinadas ou subordinadas.

Retrincos (1934). Colección de cinco contos, precedidos dun “Limiar”, que se teñen considerado como autobiográficos polo que o narrador di no prólogo (“ofrézovos hoxe uns anacos da miña vida e prégovos que os tomedes por certos e verdadeiros”). Pero, esta afirmación queda atenuado pola advertencia irónica “pero se coidades que son mentiras eu perdóovos por adiantado”. Os relatos representan a transformación do narrador ou dalgún personaxe e sitúanse en espazos vitais do autor (“O segredo” e “O inglés” desenvólvense na pampa arxentina e conta dúas anécdotas da estadía do narrador cando neno neste país, “Peito de Lobo” e “Sabela” sitúanse na súa vila natal e “O retrato” en Pontevedra).

Os dous de sempre (1934). Única novela longa do rianxeiro na que cada capítulo, breve ao estilo de Cousas, leva unha ilustración do propio Castelao. Cun narrador omnisciente en terceira persoa –que xulga e comenta os acontecementos-, é unha biografía paralela de dous personaxes, amigos desde a infancia, que seguen camiños diverxentes e que encarnan dous xeitos diferentes de concibir a vida. Son estes dous protagonistas antitéticos (o conformista, inactivo e materialista Pedriño e o inquedo e espiritualista Rañolas; caracterizados negativa e positivamente, respectivamente) os que lle dan unidade á novela. A biografía de Rañolas ten unha estrutura semellante á das novelas picarescas (humilde condición, eivado de corpo, sucesivos oficios...). Os temas tratados, criticamente e con ironía en moitos casos, son os habituais no autor: o caciquismo, a emigración, o materialismo, a alienación, a liberdade, a Administración...Dirixido á mocidade galega, pretende adoutrinala presentando o fracaso e frustración do home na sociedade burguesa e propondo a superación dos dous modelos establecidos na mesma, como fórmula para chegar a conseguir a Galiza coa que soñaba.

O seu labor complétase cos seus ensaios: Sempre en Galiza (publicada en 1944 no exilio bonaerense, recolle textos escritos entre 1935 e 1947) é o texto máis significativo e emblemático na historia do pensamento galego, obra dobremente importante, por ser unha crónica da época republicana e por recoller nas súas páxinas todo o seu pensamento político e o futuro que el propuña para a sociedade galega.

[Composta por unha especie de prólogo, baixo o título de “Adro”, e catro libros nos que expón o seu pensamento político (a súa doutrina federalista sobre a patria, a nación e o Estado) e analiza os problemas de Galiza desde unha óptica nacionalista.

No “Adro” alterna a visión da vida cotiá en Badaxoz –onde sufría desterro en 1935- coa galega do momento, compara a realidade estremeña coa nosa e constitúe, literariamente, a parte máis interesante do libro. No “Libro primeiro”, escrito en Barcelona e Valencia no 1937, expón os argumentos con que trata de convencer os republicanos españois da causa galeguista. Os libros segundo, terceiro e cuarto compúxoos no exilio e fai unha defensa de Galiza contra o modelo centralista do Estado que a República herdara da monarquía.

Con esta obra pon de manifesto o seu compromiso político, o seu anti-imperialismo, amosa a marxinación da nosa terra, as inxustizas sufridas polas clases populares e propón accións concretas para construír unha Galiza máis xusta, integrada dentro dunha federación de pobos e guiada por unha política progresista.]

Completan os seus ensaios Diario (1921) e As cruces de pedra na Galiza (Bos Aires,1950) e As cruces de pedra na Bretaña (1930), estudos comparativos deste tipo de construción nas dúas zonas (Galicia e a Bretaña francesa).

Como representante da Vangarda, salienta Rafael Dieste. Malia a súa escasa produción literaria, é autor dun libro de relatos, Dos arquivos do trasno (1926). A obra é un conxunto de vinte relatos nos que retrata de xeito maxistral a psicoloxía dos galegos a través do comportamento dos personaxes en situacións extraordinarias, pero que trata de cribar na peneira da razón. No texto que serve de prólogo reflexiona sobre a teoría do conto, destacando de forma especial a unidade emotiva e o remate como momento cara ao que se dirixe todo o relato. Tecnicamente os seus relatos son un exercicio de estilo, neles bota man da técnica do encaixe, da retrospección, da apelación ao oínte, dos ambientes tabernarios, do narrador en primeira persoa en ton serio e confidencial e o discurso sinxelo de períodos breves.

Con referencia ao xornalismo, os galeguistas de principios do XX vían neste vehículo de comunicación unha clave importantísima para a defensa e promoción do idioma. De aí a proliferación de revistas e xornais en galego, compárese coa precaria situación actual, tanto como ferramenta ideolóxica como divulgadores da literatura galega (animando o cultivo literario do galego mediante a convocatoria de concursos, publicando relatos curtos e poemas ou mesmo xerando a creación de coleccións de narrativa).

Destacan, alén do mencionado boletín Nós, publicacións periódicas monolingües como A Nosa Terra (voceiro das Irmandades), Rexurdimento, etc. ou centradas na defensa dos intereses galegos e dignificadoras da cultura propia a través de frecuentes seccións en galego na prensa en castelán, como o diario Galicia de Vigo (dirixido por Valentín Paz Andrade e clausurado pola ditadura de Primo de Rivera en 1926) ou El Noroeste (do que nace a colección ¡Terra a Nosa!).

Amplíanse, polo tanto, a presenza de textos en galego na prensa periódica e os círculos de lectores na nosa lingua. Os axentes creadores deste artigo xornalístico recádanse do ambiente galeguista da época, vinculados, frecuentemente, á órbita das Irmandades (Antón Villar Ponte, Lugrís Freire, Valentín Paz Andrade, Eladio Rodríguez González…) e, en moitas ocasións, derivados do mundo literario (Castelao, Risco, Dieste…).

RESUMES:

OTERO PEDRAYO e RISCO

Otero Pedrayo é un dos narradores máis prolíficos do tempo das Irmandades da Fala. A súa obra narrativa podemos agrupala tematicamente en dous grandes apartados, as obras que teñen como tema Galicia e as obras de tema non galego. Neste segundo grupo só escribiu Fra Vernero, obra que narra a vida dun personaxe histórico, Zacarías Werner. O resto da súa produción xenuinamente galega estrutúrase en narracións realistas, ofrecen unha visión obxectiva, ás veces quebrada con xuízos persoais e preocupacións doutrinarias, a vida rural da sociedade galega do século XIX (Pantelas, home libre, Os camiños da vida, Contos do camiño e da rúa, O mesón dos ermos) e novelas culturalistas, as accións e os personaxes perden protagonismo en prol da exposición de ideas e referencias culturais, claves para a interpretación de Galiza, (Escrito na néboa, Arredor de si, A romaría de Xelmírez, Devalar. Os camiños da vida (1928) analiza a decadencia de dúas familias fidalgas cos cambios históricos que o liberalismo do XIX provoca en Galicia: o protagonista, o fidalgo Paio Soutelo, atopa un sentido á súa vida na dedicación a Galicia, exercendo a medicina entre os labregos da súa comarca. En Arredor de si (1930), a través do protagonista, Adrián Solovio, copia do propio autor, relata a súa evolución ideolóxica e a da súa xeración. Adrián, tras peregrinar por diversos lugares e culturas, encontra un sentido á súa vida na volta a Galicia e no compromiso co ideario galeguista.

A súa obra complétase co labor ensaístico, que abarca estudos científicos, conferencias, guías, artigos xornalísticos... moi vencellados ao seu labor de xeógrafo e historiador, centrado sempre na realidade galega. Podemos destacar dentro da súa produción ensaística, Ensaio histórico sobre a cultura galega , O libro dos amigos e Historia de Galicia.

Outro dos membros destacados da xeración Nós é Vicente Risco. O autor ourensán segue unha traxectoria semellante á dos seus compañeiros, Pedrayo e Cuevillas. Partindo dunha primeira etapa de “inadaptados”, na que as súas miradas se dirixen cara ao exterior, chegan a descubrir a realidade galega (etapa galeguista). No caso de Risco, a Guerra Civil supuxo un abandono do galeguismo e da escrita en galego. O didactismo é o eixe fundamental da súa produción.

A súa produción literaria iníciase coa publicación en 1919 de Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros, obra na que o autor nos leva ao mundo de ultratumba da man do protagonista e da momia de Tutankamon. En 1935 publica O lobo da xente e A trabe de ouro e a trabe de alquitrán, dúas obras relacionadas moi directamente coas lendas tradicionais galegas do lobishome e dos mouros, respectivamente. No ano 1927 aparecen algúns fragmentos na revista Nós de Os europeos en Abrantes, unha crítica á sociedade ourensá do momento que pola polémica creada nunca chegou a rematar. A súa obra narrativa máis sobranceira aparece no ano 1928, O porco de pé, sátira do ascenso da burguesía foránea en Galicia a través da figura de don Celidonio.

Na súa produción ensaística destacan Teoría do Nacionalismo Galego (1920), Mitteleuropa (1934) e Leria (1961). O primeiro supón o manual de desenvolvemento do nacionalismo na época das Irmandades da Fala e do pensamento filosófico do autor; o segundo nace da súa estadía en Alemaña e a última é unha selección de traballos escritos entre 1920 e 1955.

CASTELAO

A obra literaria de Castelao ábrese con Un ollo de vidro, historia dun esqueleto que conta os acontecementos que se producen nun cemiterio e que serven de crítica a aspectos da sociedade galega. A colección de relatos autobiográficos Retrincos recolle cinco momentos da vida do autor. Unha das súas obras narrativas máis sobranceiras é Cousas. A cousa reflicte un equilibrio entre o debuxo e o texto, e supón unha síntese da visión de Galicia do Castelao pintor e escritor. A súa única novela é Os dous de sempre, a historia de Pedriño e Rañolas, as dúas caras do espírito humano, a emprendedora, simbolizada polo eivado Rañolas, e o conformista, por Pedro.

O seu labor complétase cos seus ensaios: Sempre en Galiza (publicada en 1944 no exilio bonaerense, recolle textos escritos entre 1935 e 1947) é o texto máis significativo e emblemático na historia do pensamento galego, obra dobremente importante, por ser unha crónica da época republicana e por recoller nas súas páxinas todo o seu pensamento político e o futuro que el propuña para a sociedade galega. Completan os seus ensaios Diario (1921) e As cruces de pedra na Galiza (Bos Aires,1950) e As cruces de pedra na Bretaña (1930), estudos comparativos deste tipo de construción nas dúas zonas (Galicia e a Bretaña francesa).

-----------------------

14

................
................

In order to avoid copyright disputes, this page is only a partial summary.

Google Online Preview   Download