Www.edu.xunta.gal



PROGRAMACIÓN.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

CURSO 2007-2008.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 1: OS SERES VIVOS

OBXECTIVOS

• Diferenciar entre seres vivos e seres inertes.

• Coñecer as características dos seres vivos.

• Describir as funcións vitais dos seres vivos.

• Aprender que é a célula.

• Coñecer os diferentes niveis de organización dos seres vivos.

• Saber que os seres vivos se clasifican en diferentes reinos.

• Observar e interpretar fotografías, debuxos e esquemas.

• Reflexionar sobre a necesidade de protexer o medio natural.

CONTIDOS

Conceptos:

• Como son os seres vivos.

• Organización interna dos seres vivos.

• Clasificación dos seres vivos.

Procedementos:

• Observación, interpretación e descrición de ilustracións.

• Organización da información en esquemas.

• Lectura comprensiva de textos.

Actitudes:

• Respecto por todos os seres vivos.

• Protección do medio natural.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 1 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto Sobrevivirá o lince ibérico? A continuación suscítanse dúas actividades: na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: Como son os seres vivos, Organización interna dos seres vivos e Clasificación dos seres vivos o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito coma gráfico. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras que teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina das actividades, estas clasifícanse nos apartados Comprender, Razoar e Aplicar. Na segunda páxina das actividades preséntase o apartado Saber facer, onde se inclúe a actividade de carácter procedemental Observar e describir un fungo.

Como peche da unidade 1 preséntase outra dobre páxina de actividades baixo o título Aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Un esquema sobre os seres vivos mediante o cal se organizan os coñecementos.

- Varias cuestións cuxo obxectivo é reforzar aqueles contidos da unidade que todos os alumnos deben coñecer.

- O apartado Infórmome e escribo, onde os alumnos deben realizar un informe por escrito sobre un ser vivo.

- O breve texto Coñecer para protexer, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autorreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

1.ª quincena de outubro.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 1 e 2 de reforzo.

- Ficha 1 de ampliación.

- Ficha 1 de control.

- Recursos na rede

- O lince.

http:elmundo.eselmundo2001graficosjuliosemana4linceportada_lince.html

Gráficos interactivos sobre o lince e as súas características.

- Os fungos.

http:espanolmicrobesfungi.asp

Sitio na Internet en que se dedica unha sección aos fungos: que son, cal é a súa aparencia, como se clasifican, etc.

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- Antes de iniciar a lectura Sobrevivirá o lince ibérico? da páxina 11 preguntar aos alumnos se algunha vez oíron falar de Félix Rodríguez de la Fuente. Se o profesor o cre oportuno, comentarlles que grazas aos seus traballos moitas especies de animais en perigo de extinción en España foron obxecto de especial protección, como o lobo. A súa curiosidade por coñecer os costumes e o comportamento dos lobos, considerados como daniños para o ser humano, levouno a criar unha manda de lobos e a vivir con eles nun barranco da provincia de Guadalaxara.

- Pedir aos alumnos que observen a imaxe da páxina 10 e propoñerlles comentar as características do lince: alimentación, respiración, desprazamento, cuberta corporal, etc.

- Tras a lectura da páxina 11, pedir aos alumnos que expliquen o significado da expresión «seres vivos en risco de extinción». Animalos a dicir e comentar as posibles causas polas que os seres vivos ven ameazada a súa supervivencia no planeta.

Aproveitar os comentarios dos alumnos para explicar que o lince ibérico é o animal carnívoro máis ameazado do planeta. De feito, os últimos estudos indican que só quedan uns cen exemplares en estado salvaxe en todo o mundo. Para evitar a súa desaparición, no Parque Nacional de Doñana desenvolveuse un programa de cría en catividade de linces ibéricos. No ano 2005 naceron os tres primeiros cachorros: Brecina, Brezo e Brisa.

Comentar que o lince ibérico non é a única especie en perigo de extinción. Animar os alumnos a que busquen información (enciclopedias, Internet…) sobre outras especies (animais e plantas) e que completen unha ficha na que aparezan os seguintes datos:

- Nome da especie.

- Características.

- Hábitat.

- Por que se encontra en perigo de extinción.

- Medidas de protección.

- Aproveitar o apartado Falamos da páxina 11 para traballar a autoestima cos alumnos. Este tipo de actividades, nas que os alumnos teñen que expresar as súas preferencias, son idóneas para potenciar o coñecemento que teñen sobre si mesmos. Con autoestima os alumnos percíbense de forma positiva; confían nas súas propias aptitudes e habilidades; son conscientes da influencia do seu esforzo nas situacións de éxito e controlan os seus sentimentos nas situacións de frustración.

- Unha forma de comezar a unidade é invitar á clase a un biólogo (ou a un veterinario…) para que conte aos nenos peculiaridades e características da súa profesión: que hai que facer para ser biólogo, cal é o obxecto de estudo da Bioloxía, que ferramentas ou instrumentos utilizan na súa profesión, como nos beneficiamos todos do traballo dos biólogos…

Se é posible realizar unha visita a un xardín ou a un parque e pedir aos alumnos que anoten nunha folla do caderno todos os seres vivos e non vivos que poidan observar. Despois, propoñerlles que indiquen, por grupos, as diferenzas que aprecian entre os seres vivos e non vivos que observen. Así mesmo, suxerirlles que clasifiquen eses seres vivos en plantas e animais.

- Para activar os coñecementos previos que os alumnos teñen a lección Como son os seres vivos das páxinas 12 e 13, o profesor pode formularlles preguntas como as seguintes: Que é un ser vivo? Que cousas poden facer os seres vivos que os inertes non poden?

- Pedir aos alumnos que observen a ilustración 4 da páxina 13. A continuación, formularlles a seguinte situación: “Que pasaría se destruísemos os ovos de avestruz?”. Dar uns minutos para que os nenos reflexionen e, despois, pedirlles que expresen as súas opinións.

- No desenvolvemento do epígrafe 4 da páxina 13, A función de relación, sería conveniente aclarar aos alumnos que as plantas, malia vivir fixas ao chan, tamén realizan a función de relación. As plantas, como todos os seres vivos, son capaces de captar información do seu medio e responder adecuadamente. Por exemplo, os xirasoles dirixen a súa flor cara a onde hai máis luz.

- Propoñer aos alumnos que expliquen as diferenzas entre as seguintes parellas de termos.

- Ser vivo e ser inerte.

- Relación e reprodución.

- Nutrición e alimento.

- Pedir aos alumnos que observen as fotografías das páxinas 12 e 13. Despois, preguntar:

- Que seres vivos se poden ver nas fotografías?, e que seres inertes?

- Cales poden desprazarse?

- En que se parece a planta da fotografía 1 ao esquío da fotografía 2?

- Propoñer aos nenos elaborar listas con exemplos de seres vivos que se poidan encontrar no xardín, no patio ou noutro recinto do centro escolar. Despois facer unha posta en común, para comparar e corrixir entre todos as listas que realicen.

- Formar grupos de tres alumnos e pedirlles que reflexionen sobre a seguinte situación: «Se encontrásemos un ser que se reproduce, pero non pode alimentarse nin relacionarse co seu medio, considerariámolo un ser vivo?, por que?». Despois, animar a cada grupo a que expoña as conclusións ás que chegue.

- Tras o desenvolvemento da dobre páxina 12 e 13 comentar aos alumnos que o termo biodiversidade fai referencia á cantidade de especies de seres vivos diferentes que habitan nun territorio. No caso da Terra no seu conxunto, esa cantidade aínda non está determinada. De feito para algúns científicos existen uns tres millóns de especies, mentres que outros elevan esa cantidade aos dez millóns. No que si está de acordo toda a comunidade científica é en que, tendo en conta os seres que viviron no pasado e xa se extinguiron (como os dinosauros), o número de especies diferentes que habitaron sobre a Terra podería ascender a cen millóns.

- Contar aos alumnos como dato curioso que, en moitas ocasións, os animais utilizan todo o seu corpo para comunicarse cos seus conxéneres. As aves son mestras nesta técnica. Por exemplo, para emparellarse, os machos exhiben as mellores cores da súa plumaxe e realizan unha serie de movementos para impresionar á súa futura parella. É o que se chama danzas de cortexo. Se teñen éxito, as femias corresponderalles uníndose á danza. Estes bailes poden ir acompañados de cantos especiais cuxo fin é chamar a atención da femia e comunicar aos demais machos que non se acheguen a ela.

- Antes de iniciar a lección da páxinas 14 e 15, Organización interna dos seres vivos, repasar os coñecementos adquiridos o curso pasado. Para iso pedir aos alumnos que completen a seguinte táboa.

|Aparellos do corpo humano |Función que realizan |Órganos que o forman |

|Aparello locomotor. |Permite o movemento do corpo. |Músculos e ósos. |

|Aparello dixestivo. | | |

|Aparello respiratorio. | | |

|Aparello circulatorio. | | |

|Aparello excretor. | | |

|Aparello reprodutor. | | |

- Para explicar as partes dunha célula de forma descritiva realizar esta pequena experiencia. Levar á clase un ovo cocido e explicar aos alumnos que é, en realidade, unha célula grande. Quitar a casca e indicarlles que esta é unha protección dura que se atopa sobre a membrana da célula. Separar a casca da membrana, que é moi fina e transparente. Logo partir o ovo lonxitudinalmente e ensinalo. Comentarlles que a clara (a parte branca) é o citoplasma e a xema (a parte amarela) é o núcleo.

- Se o profesor o cre oportuno, despois de ler a lección das páxinas 14 e 15, Organización interna dos seres vivos, formular as seguintes preguntas:

- Que é un ser pluricelular?

- As persoas somos seres pluricelulares ou unicelulares?, por que?

- Cales son as partes que forman a célula?

- Propoñer aos alumnos a construción dun modelo tridimensional dunha célula, utilizando dous globos (un dentro do outro), auga (para simular o líquido que enche o citoplasma) e anacos de papel (para simular os orgánulos do interior da célula).

- Escribir no encerado palabras relacionadas con seres vivos e con seres inertes (óso, bolígrafo, semente, libro, pel, cadeira…) e pedir aos alumnos que sinalen os que estarían compostos por células. Aproveitar para reforzar a idea de que os seres vivos están formados por células.

- Tras finalizar o desenvolvemento da lección das páxinas 14 e 15, Organización interna dos seres vivos, contar aos alumnos que Robert Hooke (1635-1703) foi un científico inglés que realizou investigacións en todos os campos das Ciencias Naturais.

Foi o primeiro científico en utilizar a palabra célula. Mentres observaba no seu rudimentario microscopio unha lámina porosa de cortiza, descubriu uns espazos especiais de tecido vexetal morto, aos que lles deu o nome de celas (do latín, cellulae).

No seu libro Micrographia, describiu a composición da cortiza do seguinte xeito: «Hai neste numerosas cavidades microscópicas separadas por paredes que recordan ás celas dun panal».

Ademais, levou a cabo numerosos estudos sobre mofos e diversos tipos de fungos e tamén fixo observacións sobre algúns animais, como as abellas, os peixes e os moluscos.

A súa actividade científica estendeuse tamén á Química, á Astronomía e á Física. Por exemplo, recoñeceu a natureza ondulatoria da luz e enunciou unha lei que describía o movemento dos planetas. Ao seu gran talento débense aparellos como o termómetro de alcohol e a bomba de baleiro, que construíu en 1655.

- Para empezar a lección das páxinas 16 e 17, Clasificación dos seres vivos, propoñer aos alumnos facer unha lista cos nomes dos seres vivos que poidan ver no camiño da súa casa ao colexio. Despois, preguntar: Todos eses seres vivos son iguais? En que se parecen as plantas e os animais?, en que se diferencian? Ademais de plantas e animais, hai outros seres vivos?

- Explicar aos alumnos que hai que ter en conta que na clasificación que se realizou nas páxinas 16 e 17 non están presentes o reino das moneras e o reino dos protoctistas. Por iso, se o profesor o cre oportuno, indicar que as bacterias pertencen ao reino das moneras; e que as algas forman parte do reino dos protoctistas.

- Explicar que, segundo a forma en que obteñen o seu alimento, os seres vivos poden dividirse en dous grandes grupos: os que fabrican o seu alimento (autótrofos) e os que se alimentan doutros seres vivos (heterótrofos). As algas e as plantas son autótrofas e os animais e os fungos, heterótrofos.

- Pedir aos alumnos que observen a ilustración 1 da páxina 16. Despois, preguntar: Que características principais teñen os seres que aparecen nas tres fotografías? Como se desprazan eses seres vivos? Como obteñen o seu alimento?

- Preguntar que tipo de seres vivos son un níscalo, un fento, un píntega, un ollomol, un champiñón e un carballo. Despois, pedir aos alumnos que completen o seguinte cadro cos nomes anteriores e que engadan tres máis por cada categoría.

|Características |Seres vivos |

|a) Fabrican o seu propio alimento | |

|b) Aliméntanse doutro ser vivo | |

- Propoñer aos alumnos que busquen fotografías de distintos seres vivos e que elaboren tres murais: un do reino animal, outro do reino das plantas e outro do reino dos fungos.

- Explicar aos alumnos en que consiste a técnica de aprendizaxe do subliñado.

Subliñar consiste en destacar as oracións ou palabras máis importantes dun texto. Para subliñar é necesario realizar, primeiro, unha lectura atenta e, a continuación, destacar o que é realmente importante: definicións, palabras clave…

O subliñado é un paso previo para elaborar resumos e esquemas. Realizar unha lectura do apartado 4 da páxina 17, O reino dos fungos. A continuación, pedir aos alumnos que indiquen a idea principal de cada parágrafo e que a subliñen con lapis. Despois, preguntar:

- Están os fungos formados por células?

- Como se chaman os fíos longos e moi finos que forman as células dos fungos?

- Cal é o órgano reprodutor dalgúns fungos?

- Os fungos desprázanse?

- Como obteñen o seu alimento os fungos?

Para verificar que os alumnos comprenden o obxectivo e a utilidade da técnica, formular preguntas como as seguintes:

- Que relación existe entre as respostas a estas preguntas e as ideas que subliñaches?

- Como poden facilitar a túa aprendizaxe as ideas que subliñaches?

- Realizar cos alumnos un comedeiro de paxaros. Con esta actividade os alumnos terán a posibilidade de observar algúns dos costumes destes seres vivos: como se desprazan, como se aliméntanse, como se relacionan entre si…

Materiais:

- Dous envases de tetra brik baleiros (os do leite poden valer).

- Unha bandexa de plástico alongada.

- Tesoira, un trade, cinta adhesiva, cola.

- Catro anacos de corda dun metro de lonxitude.

- Alimento para aves.

Procedemento:

1. Pedir aos alumnos que abran os envases pola parte superior. Despois de lavalos minuciosamente, indicarlles que os deixen secar ao aire e os volvan a pechar con cinta adhesiva.

2. Animalos a que fagan catro buracos nos extremos da bandexa e que pasen por eles cada un dos anacos de corda.

3. Fixar co pegamento os envases á bandexa e distribuír o alpiste nos envases e na bandexa.

4. Pedirlles que colguen o comedeiro na rama dunha árbore e observen durante algúns días os paxaros que se acheguen a el.

- Antes de realizar as actividades do apartado Aprendín das páxinas 20 e 21, recordar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. Se o profesor o considera conveniente, pode ditalas para que as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- Na natureza pódense distinguir seres vivos e seres inertes.

- As funcións vitais son tres: a nutrición, a relación e a reprodución.

- A célula é a parte máis pequena da que están formados os seres vivos e que está viva.

- As células teñen tres partes: membrana, núcleo e citoplasma.

- As células organízanse en tecidos; os tecidos, en órganos; os órganos, en sistemas e aparellos; e os sistemas e aparellos dan lugar a un organismo.

- Os seres vivos agrúpanse en reinos. Os principais son: o dos animais, o das plantas e o dos fungos.

- Ao finalizar a unidade realizar unha posta en común cos alumnos sobre o traballo realizado nesta unidade. O profesor pode partir de preguntas similares a estas: Que cousas sabiades xa sobre o tema que estudastes na unidade? Que foi o máis fácil de aprender?, e o máis difícil?, por que? Que cousas vos gustaron máis?, e cales menos?, por que? Podedes relacionar o que aprendestes na unidade con outras estudadas en cursos anteriores ou con algún feito da vida cotiá?, con cales?

- Escribir en tarxetas de cores os nomes en inglés dalgunhas palabras desta unidade. Por exemplo:

- célula: cell.

- organismo: organism.

- animal: animal.

- fungo: fungus.

- Propoñer aos alumnos o xogo dos seres vivos. Para realizar este xogo é necesario preparar un glosario co vocabulario específico da unidade: nutrición, relación, reprodución, ser vivo, ser inerte, célula, citoplasma, unicelular, pluricelular, membrana, tecido, órgano, sistema, reino…

Dividir a clase en grupos de catro alumnos. Cada grupo confeccionará un glosario, escribindo unha palabra e o seu significado nunha ficha.

Escribir esas mesmas palabras en pequenos papeis e introducilos dobrados nunha bolsa. Cando terminen de confeccionar o glosario, darlles un tempo para repasalo. Despois, pedir que saia ao encerado un membro de cada grupo. A continuación, extraer da bolsa unha palabra. Cada alumno escribirá no encerado o significado desa palabra.

O primeiro que termine lerá o que escribise. Se é correcto, gañará 5 puntos. Se é incorrecto, os demais participantes lerán a súa definición e levará 3 puntos o que estea máis acertado.

O xogo continuará ata que todos os alumnos saian ao encerado polo menos unha vez. Gañará o equipo que máis puntos sume.

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación para a saúde

- A propósito da función de nutrición, exposta na páxina 12, recordar aos alumnos o importante que é unha boa alimentación para o crecemento.

Educación ambiental

- Aproveitar as páxinas 16 e 17 para transmitir aos alumnos o aprecio pola natureza. Levar á clase xornais e pedir aos alumnos que recorten as noticias que atopen sobre sucesos relacionados co medio natural. Comentar as noticias e propoñer, entre todos, posibles solucións aos problemas propostos.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Diferenza entre ser vivo e ser inerte.

• Recoñece as características principais dos seres vivos.

• Identifica as funcións vitais dos seres vivos.

• Explica as características da célula e localiza nun esquema as súas partes.

• Coñece os diferentes niveis de organización dos seres vivos.

• Clasifica os seres vivos en diferentes reinos.

• Interpreta fotografías, debuxos e esquemas.

• Recoñece a necesidade de protexer o medio natural.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 2: OS ANIMAIS INVERTEBRADOS

OBXECTIVOS

• Saber que é un animal invertebrado.

• Recoñecer os grupos máis importantes de animais invertebrados e describir as súas características principais.

• Identificar os diferentes grupos de artrópodos e as súas características.

• Distinguir os diferentes grupos de moluscos as súas características.

• Utilizar unha clave dicotómica para identificar animais invertebrados.

• Fomentar o coidado responsable dos animais.

CONTIDOS

Conceptos:

• Os animais invertebrados.

• Os artrópodos.

• Os moluscos.

Procedementos:

• Observación e interpretación de fotografías.

• Organización da información en esquemas.

Actitudes:

• Interese por coñecer as características dos animais invertebrados.

• Respecto e coidado dos animais.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 2 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto Esponxas mariñas. A continuación, preséntanse dúas actividades. Na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura; e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: Os animais invertebrados, Os artrópodos e Os moluscos o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito coma gráfico. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras que teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina de actividades, estas clasifícanse nos apartados Comprender, Razoar, Aplicar e Opinar. Na segunda páxina de actividades preséntase o apartado Saber facer, onde se inclúe a actividade de carácter procedemental Identificar cunha clave.

Como peche da unidade 2 preséntase outra dobre páxina de actividades baixo o título aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Un esquema sobre os animais invertebrados mediante o cal se organizan os coñecementos.

- Varias cuestións cuxo obxectivo é reforzar aqueles contidos da unidade que todos os alumnos deben coñecer.

- O apartado. Infórmome e falo, onde os alumnos deben realizar unha exposición oral sobre un grupo de invertebrados.

- O breve texto Hai que desparasitar!, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autorreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

2.ª quincena de outubro.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5.

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 6 e 7 de reforzo.

- Ficha 3 de ampliación.

- Ficha 3 de control.

- Recursos na rede:

- Invertebrados.

http:clic.dbact_es.jsp?id=2820

Actividades para repasar os conceptos relacionados cos distintos grupos de animais invertebrados.

http:clic.dbact_es.jsp?id=3121

Divertido xogo interactivo feito por José María Boo, do CEIP de Frións na Coruña, onde os alumnos poderán traballar en galego sobre os invertebrados.

- Vermes.

http:urbanext.uiuc.eduworms_spwormlinksindex.html

Da man dun divertido verme chamado Herman, os alumnos poderán descubrir, xogar e aprender moitas cousas sobre este grupo de animais.

- Tarefas de Ciencias Naturais.

- Animais e plantas 2. Partes externas e órganos internos.

- Animais e plantas 3. Reprodución.

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- Antes de iniciar a lectura do texto da páxina 23 Esponxas mariñas, traballar cos títulos da unidade. Pedir aos alumnos que relacionen as palabras que aparecen neses títulos (invertebrados, artrópodos, insectos, moluscos, etc.) e que constrúan frases con elas.

- Propoñer aos alumnos que observen a fotografía da páxina 22. Despois, preguntar:

- Que seres vivos se poden distinguir na fotografía?

- En que medio se atopan?

- Vistes algunha vez de preto unha esponxa mariña?

- Imaxinade que as podedes tocar, que credes que sentiriades?

- Resaltar que, do mesmo xeito que as esponxas, existen outros animais invertebrados que son útiles para o home, como a cochinilla da que se extrae tintura. Despois, preguntarlles se coñecen outros animais invertebrados beneficiosos para o ser humano (por exemplo, a abella, da que se obtén polen e mel; a miñoca, con cuxos excrementos se produce esterco; a lagosta ou os caracois, que se utilizan como alimento…).

- Levar á clase animais vivos fáciles de conseguir, poden ser escaravellos, miñocas, caracois, etc. A continuación, formar grupos de catro alumnos e pedir a un representante de cada grupo que se achegue a observar a un deses animais e que o describa. Anotar no encerado as características que eles vaian enumerando. Facer que as mostras de animais roten polos diversos grupos co fin de que todos poidan velos de preto e analizalos.

- Unha forma de introducir o tema desta unidade é proxectando na clase algún vídeo sobre animais invertebrados, especialmente recomendables son os da BBC e National Geographic. Sería unha forma de sorprender aos alumnos e de que tomasen conciencia da gran diversidade de animais invertebrados que hai.

- Se preto da localidade en que se atopa o centro escolar hai un Museo de Ciencias Naturais, o profesor podería organizar unha visita para que os alumnos puidesen observar coleccións de insectos e doutros animais invertebrados.

- Se se ten oportunidade, levar os nenos ao patio do colexio ou a un parque e recoller con eles pequenos animais utilizando caixiñas, bolsas ou frascos transparentes con tapa.

Posteriormente, na clase, formar grupos e pedirlles aos alumnos que intenten clasificar eses seres vivos de acordo ás características que observen, como: número de patas, cuberta, división do seu corpo, etc.

- Para repasar os coñecementos adquiridos durante o curso pasado relacionados co tema que se trata na lección das páxinas 24 e 25, Os animais invertebrados, pedir a un dos alumnos que debuxe no encerado un animal invertebrado. A continuación, propoñer ao resto da clase que digan ou enumeren as características que recorden destes animais.

- Insistir en que todos os invertebrados carecen de esqueleto con columna vertebral, pero recordar aos alumnos que si poden ter unha cuberta externa. Explicarlles a diferenza entre cuncha e cuberta dura.

- Recordar aos alumnos que os animais ovíparos son os que nacen de ovos.

- Se o profesor cre conveniente, despois de ler e explicar a lección das páxinas 24 e 25 Os animais invertebrados, pode formular as seguintes preguntas:

- Que teñen todos os animais invertebrados en común?

- Que animais invertebrados teñen tentáculos? En que parte do seu corpo os teñen?

- Como nacen os invertebrados?

- Que animais invertebrados teñen ás?, cantas teñen?

- Como protexen o seu corpo os invertebrados?

- Animar os alumnos a dicir nomes de animais que empecen pola mesma letra inicial do seu nome (por exemplo, se o alumno se chama Carlos, pode dicir caracol; se a alumna se chama Noela, pode dicir nécora). Unha vez dito o nome do animal, entre toda a clase intentarán clasificalo en vertebrado ou invertebrado.

- Pedir aos alumnos que busquen na Internet, nunha enciclopedia ou noutros libros información sobre animais invertebrados que non aparezan nas páxinas 24 e 25 e que sexan representativos dos grupos mencionados. Os alumnos terán que escribir un texto ou unha pequena ficha na que describan como é o seu aspecto, onde viven e de que se alimentan.

- Comentar aos alumnos que un dos animais máis grandes da Terra é un invertebrado: trátase da lura xigante. Este animal, que habita nas profundidades mariñas, pode chegar a medir catorce metros de longo (dos cales, aproximadamente oito ou dez metros corresponden aos tentáculos).

Aínda que non se atopou ningún exemplar de lura xigante vivo, hai noticia da súa existencia polos exemplares que apareceron mortos nas praias.

- Contar aos alumnos que as estrelas de mar son terribles depredadores, atacan, con frecuencia, aos moluscos. Rodéanos firmemente cos seus brazos para que non poidan escapar e poñen en contacto o seu estómago coa parede corporal da presa.

O estómago das estrelas pode saír fóra do seu corpo e comezar a dixestión do molusco. Esta dixestión é tan eficaz que, frecuentemente, pode abrir un orificio na cuncha. Por iso, ás veces atópanse cunchas con buratos.

- Para empezar o desenvolvemento da lección das páxinas 26 e 27, Os artrópodos, dividir o encerado en tres áreas. Na primeira, debuxar un hábitat dunha zona de mar, na que se vexa un crustáceo; na seguinte, debuxar unha zona de terra na que se vexa un miriápodo; e na última, unha gran tea de araña con varios insectos capturados e unha araña no centro. Comentar aos alumnos que se debuxaron os diferentes grupos de artrópodos que van estudar nesta lección. Animalos a que sinalen cales andan, nadan ou voan; cantas patas ten cada un deles; en que partes teñen dividido o seu corpo, etc.

- Indicar que a palabra artrópodo significa «patas articuladas» e que esta é unha das características que distingue a este grupo de animais.

- Se o profesor o cre conveniente, formular as seguintes preguntas:

- En que grupos se dividen os artrópodos?

- Que teñen en común os arácnidos e os insectos?, en que se diferencian?

- Que é o cefalotórax?

- Como é o corpo dos miriápodos?

- Propoñer aos alumnos dicir todos os nomes de artrópodos que coñezan en función das seguintes categorías:

- Artrópodos con dez patas.

- Artrópodos con cuberta dura.

- Artrópodos con segmentos.

- Artrópodos con cuncha…

- Suxerir aos alumnos capturar e observar un insecto (cumprindo, obviamente, coas normas básicas de respecto á natureza e aos seres vivos, e liberando os animais capturados despois da súa observación). Unha vez capturado, pedirlles que o introduzan nun tarro de cristal e que o observen utilizando unha lupa, que conten as súas patas, antenas e ás, distingan as partes do seu corpo e realicen un esquema da forma do animal, indicando a súa cor e calquera característica que lles pareza importante. A retención do insecto farase durante o menor tempo posible e liberarase no mesmo lugar en que se capturou.

- Comentar aos alumnos que a miúdo se utilizou os animais como protagonistas de numerosas fábulas populares, cuxas ensinanzas se expoñen a través dos animais, tal é o caso da fábula da chicharra e da formiga de Félix María Samaniego, onde a formiga representa o traballo e a chicharra a preguiza.

- Contar aos alumnos que Charles Darwin (1809-1882) foi un famoso biólogo británico. Co barco Beagle percorreu gran parte das illas e os continentes do Atlántico, do Pacífico e as costas de América do Sur. Durante a viaxe, que durou cinco anos, recompilou gran cantidade de datos sobre Xeografía, Xeoloxía, Botánica e Zooloxía, que lle serviron para escribir, moitos anos despois, o seu libro Sobre a orixe das especies por medio da selección natural.

Na súa xuventude, Darwin estivo interesado polos insectos. Nunha ocasión paseaba polo bosque e atopou un escaravello descoñecido para el. Como nese momento non dispoñía de nada que lle puidese servir para gardalo, colleuno na súa man e transportouno coidadosamente ata o seu laboratorio. Pero, no camiño, atopou outro exemplar interesante, que gardou na outra man. Quixo o azar que Darwin atopase outro escaravello aínda máis curioso. Ante o dilema de ter que soltar a un dos que levaba na man, decidiu gardar un destes ¡na súa boca! Cando o escaravello se viu encerrado na boca do naturalista mordeu a súa lingua con todas as súas forzas. Darwin, entón, abriu a boca, berrou e o animal saíu disparado. O malo foi que tamén abriu as mans…, e escapáronselle os outros dous valiosos exemplares de escaravellos.

- Antes de ler a lección das páxinas 28 e 29, Os moluscos, propoñer aos alumnos un xogo para pescudar o nome do grupo de animais que van estudar nela. Escribir no encerado o seguinte texto, ao que lle faltan as vogais, e pedir aos alumnos que o copien nos seus cadernos substituíndo os números por vogais.

«4s 1n3m13s 3nv2rt2br1d4s c4 c4rp4 br1nd4 e 5n 23x2 d2 s3m2tr31 c5x4s pr3nc3p13s gr5p4s s4n 4s g1st2r4p4d4s, 4s b3v1lv4s e 4s c2f1l4p4d4s, ch1m1ns2 m4l5sc4s».

- Explicar que os cefalópodos son animais mariños cuxo nome significa «pés na cabeza». En realidade, os pés destes animais convertéronse en tentáculos que parten da cabeza rodeando a boca.

- Ler as seguintes frases e pedir aos alumnos que digan cales delas son falsas e por que.

- O corpo dos moluscos ten cinco eixes de simetría.

- Os principais grupos de moluscos son: gasterópodos, cefalópodos e artrópodos.

- Os bivalvos protexen o seu corpo con dúas cunchas articuladas.

- Os gasterópodos teñen unha cabeza con catro tentáculos nos que se atopan os órganos dos sentidos.

- Os moluscos son animais vertebrados.

- Os cefalópodos teñen cuncha.

- Propoñer aos alumnos que debuxen nos seus cadernos un molusco de cada un dos grupos estudados e que escriban debaixo del as súas principais características: como é o seu corpo, como o teñen cuberto, como se desprazan, etc.

- Escribir no encerado as seguintes series numéricas e pedir aos alumnos que as resolvan. Ao final, indicarlles que substitúan os números por letras e investiguen o nome dun gasterópodo (bígaro).

- 32 - 16 - 8 - 4 - ___ (2)

- 3 - 6 - ___ - 12 - 15 – 18 (9)

- 3 - 2 - 5 - 4 - ___ ( 7)

- 9 - 7 - 5 - 3 - ___ (1)

- 59 - 49 - 39 - 29 - ____ (19)

- 0 - 4 - 8 - 12 - ____ (16)

- Explicar aos alumnos en que consiste a técnica de aprendizaxe de utilizar acrónimos. Contarlles que os acrónimos son palabras fáciles de recordar que se poden formar de dous xeitos diferentes:

- Unindo as letras iniciais de varias palabras.

- Unindo as sílabas iniciais de varias palabras.

Por exemplo, se queremos recordar os tres grupos en que se divide os moluscos, podemos seguir estes pasos.

1. Escribimos o nome de cada grupo: gasterópodos, bivalvos e cefalópodos.

2. Escribimos a primeira sílaba de cada palabra: gas, bi, ce.

3. Combinamos as sílabas para formar unha palabra fácil de recordar. Por exemplo: bicegas.

Dividir a clase en grupos, e propoñerlles que formen un acrónimo coa inicial de cada un dos grupos en que se divide os artrópodos: insectos, crustáceos, miriápodos, arácnidos (por exemplo, CIMA).

Ao final da práctica, suxerir unha posta en común na que os alumnos reflexionen sobre a utilidade desta técnica. Guiar os seus comentarios con preguntas como: Que vos pareceu esta técnica?, é fácil de utilizar?, parécevos fácil formar acrónimos?, para que tipo de temas poden ser útiles?

- O espírito de superación é a actitude que motiva ás persoas a perfeccionarse a si mesmas, vencendo as dificultades que se presenten para lograr os seus obxectivos. Empregar as páxinas de Actividades (30 e 31) para incentivar no alumno o espírito de superación. Por exemplo: propoñer obxectivos e metas que inviten o alumno a mellorar, ensinarlle a superar os fracasos, fomentar unha actitude positiva para a superación das dificultades, etc.

- Propoñer aos alumnos a realización da seguinte actividade. Esta actividade permitirá aos alumnos afianzar os seus coñecementos sobre os animais invertebrados en xeral.

Materiais:

- Fotografías de animais.

- Cartolina.

- Cola.

Procedemento:

1. Dividir os alumnos en seis grupos e asignar a cada un deles un grupo de animais invertebrados.

2. Pedir aos nenos que localicen e leven á aula fotografías ou debuxos de diferentes animais pertencentes ao grupo que lles correspondeu.

3. Cada grupo deberá elaborar un mural coas fotografías que consigan, anotando os nomes de cada animal e incluíndo unha ficha coas principais características dese grupo de animais.

- Antes de realizar as actividades das páxinas 32 e 33, recordar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. O profesor pode ditalas para que os alumnos as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- Os animais invertebrados son os que carecen de columna vertebral.

- Os animais invertebrados poden dividirse en seis grupos: esponxas, celentéreos, vermes, equinodermos, artrópodos e moluscos.

- Os artrópodos teñen o corpo cuberto cunha cuberta articulada.

- Os artrópodos divídense en: insectos, crustáceos, miriápodos e arácnidos.

- Os moluscos son animais que teñen un eixe de simetría, o corpo brando e moitos deles protexen o seu corpo cunha ou varias cunchas.

- Os moluscos divídense en: gasterópodos, bivalvos e cefalópodos.

- Suxerir aos alumnos que formen grupos para debater unha serie de cuestións sobre a aprendizaxe da unidade. Para iso, o profesor pode suscitarlles preguntas como: Que vos pareceu máis importante de todo o que aprendestes? Que vos resultou máis difícil? Que vos chamou máis a atención? Que pensades que ides recordar sempre desta unidade?...

- Propoñer aos alumnos xogar a Enigmas. Para levar a cabo este xogo, dividir a clase en varios grupos. Un deles encargarase de pensar nun animal dos que se viron na unidade e anotar o seu nome nun papel sen que o resto dos seus compañeiros o vexa.

A continuación, os outros grupos deberán adiviñar de que animal se trata. Por quendas, cada un deles irá formulando preguntas (que só se poderán contestar cun si ou cun non), de tal forma que poida identificar o animal en cuestión, baseándose no que viron na unidade. Por exemplo: Ten un eixe de simetría? Ten varias cunchas? Vive fixo nas rochas? As cunchas son de cor negra?...

Despois de cada pregunta, deberán dicir sempre o nome dun animal dos que poidan ser, aínda que ao principio sexan escasas as posibilidades de atinar. En caso de erro, pasará a quenda ao seguinte grupo e así ata que atinen.

O grupo que dea co nome do animal, será o encargado de pensar noutro invertebrado para que os seus compañeiros o adiviñen.

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación ambiental

- A propósito da lectura inicial da páxina 23, explicar aos alumnos que moitas especies mariñas, entre elas as esponxas, están gravemente ameazadas polas actividades humanas, especialmente a pesca de arrastre, modalidade na que se utilizan enormes redes que son arrastradas polo fondo mariño que esnaquizan todo ao seu paso.

Animar os alumnos a que opinen sobre as consecuencias destas accións e as medidas que se poderían levar a cabo para protexer os fondos mariños e as especies que neles habitan.

- Os animais invertebrados adoitan ser moi vulnerables ás capturas por parte dos seres humanos. Explicar aos alumnos que en moitos casos o coleccionismo de cunchas, estrelas de mar, bolboretas, escaravellos, etc., pon en perigo a supervivencia de moitas especies de invertebrados.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Define correctamente o concepto de invertebrado.

• Identifica os principais grupos de invertebrados e describe as súas características básicas.

• Coñece os grupos nos que se dividen os artrópodos e explica as súas características.

• Coñece os grupos nos que se dividen os moluscos e explica as súas características.

• Realiza esquemas cos principais grupos de invertebrados.

• Recoñece a importancia de coidar os animais.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 3: OS ANIMAIS VERTEBRADOS

OBXECTIVOS

• Saber que os animais vertebrados son os que teñen columna vertebral.

• Coñecer as características dos peixes, así como os grupos en que se clasifican.

• Coñecer as características dos anfibios, así como os grupos en que se clasifican.

• Coñecer as características dos réptiles, así como os grupos en que se clasifican.

• Coñecer as características das aves, así como os grupos en que se clasifican.

• Coñecer as características dos mamíferos, así como os grupos en que se clasifican.

CONTIDOS

Conceptos:

• Os peixes e os anfibios.

• Os réptiles e as aves.

• Os mamíferos.

Procedementos:

• Observación, interpretación e descrición de ilustracións.

• Elaboración de diagramas en árbore.

• Lectura comprensiva de textos científicos.

Actitudes:

• Curiosidade por coñecer e distinguir os distintos tipos de animais vertebrados.

• Coidado e responsabilidade con respecto aos nosos animais.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 3 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto Vivindo con gorilas. A continuación, propóñense dúas actividades: na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura; e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: Os peixes e os anfibios, Os réptiles e as aves e Os mamíferos o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito coma gráfico. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras que teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina de actividades, estas clasifícanse nos apartados Comprender, Razoar, Aplicar e Opinar. Na segunda páxina de actividades preséntase o apartado Saber facer, onde se inclúe a actividade de carácter procedemental Elaborar un diagrama para identificar vertebrados.

Como peche da unidade 3 suscítase outra dobre páxina de actividades baixo o título Aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Un esquema sobre os animais vertebrados mediante o cal se organizan os coñecementos.

- Varias cuestións cuxo obxectivo é reforzar aqueles contidos da unidade que todos os alumnos deben coñecer.

- O apartado. Infórmome e escribo, onde os alumnos deben organizar unha mesa redonda sobre animais en perigo de extinción.

- O breve texto Non os abandones, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autoreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

1.ª quincena de novembro.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5.

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 8 e 9 de reforzo.

- Ficha 4 de ampliación.

- Ficha 4 de control.

- Recursos na rede

- Especies protexidas en España.

http:accionespeciesvertebrados.htm

Información sobre especies en perigo de extinción.

- Animais de Galicia.



Páxina feita polo profesor Mario Gómez Penide para dar a coñecer os animais que habitan preto do río Ulla.

- Aprender xogando.

http:

Actividades, xogos e pasatempos relacionados cos animais.

- Tarefas de Ciencias Naturais.

- Animais e plantas 2. Partes externas e órganos internos.

- Animais e plantas 3. Reprodución.

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- Antes de iniciar a lectura da páxina 35 Vivindo con gorilas preguntar aos alumnos se son capaces de identificar o animal da fotografía. A maioría deles recoñecerá que se trata dun gorila. Pedirlles entón que enumeren as características deste animal que lles chamen a atención, como a forma de desprazarse, de alimentarse, o medio no que vive, etc., e que indiquen tamén a que clase de animais pertence: vertebrado ou invertebrado? Que clase de vertebrado?

- Dar algúns datos máis aos alumnos sobre os gorilas. Por exemplo, indicar que habitan exclusivamente nas selvas tropicais de África occidental, un hábitat que tende a desaparecer empuxado pola expansión agrícola, a deforestación e o aumento das poboacións humanas. Os únicos depredadores deste animal son o tigre, ocasionalmente, e o ser humano. Na actualidade, aínda que protexido polas leis, segue ameazado polos cazadores furtivos. Explicar que estes animais se dividen en gorilas de montaña, como aos que Dian Fossey dedicou a súa vida; gorilas de chaira; e gorilas de costa como Copito de Nieve, que viviu moitos anos no zoolóxico de Barcelona.

- Propoñer aos alumnos unha investigación sobre a importancia da conservación das especies de animais en perigo. Os alumnos, durante un período de tempo preestablecido, deberán realizar enquisas entre as persoas do seu contorno para pescudar ata que punto coñecen algunhas das especies que están en perigo e que opinan sobre as posibles medidas de conservación. Ao final, os alumnos deberán reunir os resultados nun informe (do tipo dos que se utilizan na presentación dos resultados das sondaxes), expresando a súa opinión sobre a concienciación das persoas en relación con este problema ecolóxico.

- Aproveitar a lectura da páxina 35 Vivindo con gorilas para presentar a figura de Dian Fossey como un exemplo. Reforzar a valoración positiva do personaxe resaltando o feito de que tivo que facer fronte a moitas dificultades e obstáculos, desenvolvendo así a súa capacidade para facer maiores esforzos co fin de lograr os obxectivos que se propuxera. Invitar os nenos a dar sempre o mellor de si mesmos e a non ser conformistas, estimulándoos para que desenvolvan sempre o traballo máis complexo que sexan capaces de facer.

- Unha forma amena e ilustrativa de comezar a unidade é ver na aula algún documental sobre natureza en que aparezan diversos tipos de animais vertebrados. Pode servir calquera programa sobre a selva tropical, especialmente sobre ecosistemas como a sabana africana ou o mesmo hábitat dos gorilas, as selvas de Congo, Ruanda, etc. Os alumnos deben identificar os vertebrados e describilos cos criterios aprendidos no curso pasado: alimentación, forma de desprazamento, reprodución, etc.

- Animar os alumnos a obteren algúns datos máis sobre a vida e as investigacións de Dian Fossey. Poden buscar información en enciclopedias ou na Internet.

Ver a película Gorilas na néboa pode ser unha magnífica introdución á unidade e un xeito de espertar nos alumnos a curiosidade e o interese polo medio natural e polo estudo do comportamento dos animais.

- Para activar os coñecementos previos dos alumnos sobre a lección das páxinas 36 e 37, Os peixes e os anfibios, o profesor pode formularlles preguntas como as seguintes: Que diferenza fundamental hai entre un peixe e un anfibio? Que características son iguais nos peixes e nos anfibios? Facer cos alumnos un repaso dos modos de reprodución, respiración, alimentación, etc., de ambos os grupos de animais.

- Os nenos e as nenas xa saben que os peixes respiran o osíxeno que se atopa en disolución na auga. Ampliar este dato e explicarlles que son as plantas acuáticas, as algas e o fitoplancto os que producen este osíxeno. De feito, o fitoplancto dos océanos xera as tres cuartas partes do osíxeno do noso planeta.

- Explicar aos alumnos que cando se describe a pel dos anfibios como pel espida faise referencia a que non están cubertos nin por pelo, nin por plumas ou escamas, pero iso non significa que non teñan pel. A pel destes animais é húmida, fría, moi fina e permeable; iso permítelles, a algún deles, respirar a través dela, á vez que os fai especialmente sensibles ao medio.

- Pedir aos alumnos que se fixen nas fotografías da páxina 36 e que contesten ás seguintes preguntas:

- En que se parecen a quenlla e as carpas das fotografías?

- En que se diferencian a raia e os peixes pallaso?

- Que quere dicir que os peixes non prestan coidados ás súas crías?

- Propoñer aos nenos unha pequena pregunta con truco: Cal é o peixe máis grande que existe? Probablemente algún alumno se apresure a contestar que a balea. Recordarlles que a balea é un mamífero, e que é efectivamente o animal acuático máis grande. Con todo, o peixe máis grande é o tiburón balea.

- Explicar aos alumnos que a vida no noso planeta xurdiu primeiro nos mares, e tardou moitos millóns de anos en saír fóra deles. Os anfibios evolucionaron a partir dos peixes e outras criaturas acuáticas, e apareceron na Terra hai uns 400 millóns de anos.

A adaptación ao novo medio requiriu unha serie de cambios significativos con respecto aos peixes, por exemplo:

- Desenvolvemento das extremidades a partir das aletas, pois eran necesarias patas fortes e articuladas para poder arrastrar o corpo do animal.

- Unión dos ósos da pelve para crear unha estrutura máis sólida, capaz de soster o corpo do animal en terra.

- Desenvolvemento do oído, o que permitiu aos anfibios percibir por primeira vez os sons que se transmiten a través do aire. Ademais, este é un sentido moi relacionado co equilibrio, necesario para camiñar.

- Desenvolvemento dunha pel húmida e fina e posterior aparición dos pulmóns.

- Para empezar o desenvolvemento da lección das páxinas 38 e 39, Os réptiles e as aves, invitar os alumnos a enumerar os réptiles e aves que coñezan. Seralles sinxelo recordar moitas aves diferentes, e terano algo máis complicado cos réptiles. Entre os réptiles hai animais con aspectos moi distintos. Mencionar algúns que eles non recorden, como as lagartas, distintas clases de serpes e tartarugas…

- Pedir aos alumnos que conten en voz alta algunha das características que recorden de aves e réptiles. Con seguridade sinalarán a pel cuberta de plumas e o peteiro das aves, e as escamas duras que recobren os réptiles. Comentarlles que esas características están moi relacionadas co medio en que viven eses animais, así como cos seus hábitos alimenticios, que van estudar nesta lección.

- Contar que as escamas que recobren o corpo dos peixes e o dos réptiles son formacións moi diferentes, aínda que ás veces poidan presentar un aspecto parecido. As escamas dos réptiles son moito máis duras e resistentes, chegando a formar placas de gran solidez nalgúns animais, como os crocodilos.

- Explicar que as plumas que recobren o corpo das aves son indispensables para voar, e poden ser de diferentes tipos, dependendo da súa utilidade. Pero ademais serven para outra importante función: manter a temperatura do animal, incluso durante o voo.

- Se o profesor o cre oportuno, formular as seguintes preguntas:

- Como se alimentan os réptiles?

- Por que reptan os lagartos?

- Que diferenza hai entre as extremidades anteriores e as posteriores das aves?

- Se o profesor ten oportunidade, levar á aula un esqueleto dalgunha ave (o máis sinxelo de conseguir será un de polo). Mostrar aos alumnos como o esterno, por exemplo, é moi grande e ten forma de quilla; é aí onde se insiren os músculos que se encargan de mover as ás. Tamén, indicarlles que os ósos son moi lixeiros en comparación cos doutros vertebrados.

- Pedir aos alumnos que localicen e copien no seu caderno todos os adxectivos do epígrafe 2 da páxina 38, Os grupos de réptiles, indicando o seu número e o seu xénero.

- Contar aos alumnos que Carlos Linneo é coñecido como o pai da taxonomía, é dicir, do sistema que se emprega para nomear, ordenar e clasificar os seres vivos.

Nacido no ano 1707 nun pobo do sur de Suecia, desde neno estivo interesado nas plantas e nos seus nomes. Estudou Medicina e chegou a exercer como médico, pero pasaba a maior parte do seu tempo recollendo e observando plantas; nesta época, a Botánica formaba parte da Medicina, xa que os medicamentos consistían sobre todo en preparados a base de herbas e doutras plantas.

Linneo foi profesor na facultade de Medicina. Moitos dos alumnos, baixo a súa influencia, embarcáronse en viaxes por todo o mundo, acompañando expedicións como as do capitán Cook, das que traían exemplares de plantas descoñecidas ou non catalogadas.

O sistema de clasificación de Linneo divide os animais e as plantas en diferentes categorías, das máis xerais ás particulares. Así, os seres humanos pertencen ao reino animal, á clase vertebrados, á orde primate, ao xénero homo e á especie homo sapiens.

- Para empezar o desenvolvemento da lección das páxinas 40 e 41, Os mamíferos, preguntar aos alumnos que teñen eles en común cun can, cun gato, cun cabalo e cunha vaca. Deben recordar como características máis destacadas que todos, incluídos eles mesmos, naceron directamente das súas nais e que mamaron leite cando eran pequenos.

- Explicar aos alumnos que as diferenzas morfolóxicas entre os distintos mamíferos terrestres se deben sobre todo ás súas formas de alimentarse. Mostrar fotografías de ruminantes, insectívoros, carnívoros, etc. Relacionar algúns trazos, como o enorme ventre dos ruminantes, as fortes mandíbulas dos carnívoros, os dentes dos roedores ou os fociños e bocas estreitas dos insectívoros, cos seus modos alimenticios.

- Insistir en que unha das características común a todos os mamíferos é a respiración pulmonar, aínda que existen grupos adaptados a vivir nun medio acuático, como os cetáceos.

- Pedir aos alumnos que elaboren un cadro coas características xerais dos cinco grupos de vertebrados. Deben incluír: o grupo do que se trata, o medio en que viven, a forma de reprodución, o modo en que se desprazan e os subgrupos en que se dividen.

- Suxerir aos alumnos e ás alumnas que busquen fotografías de distintos animais; seralles fácil se recorren a revistas de natureza, pero poden utilizar calquera outra fonte. Se o profesor o cre conveniente, pedirlles que inclúan na súa busca os animais invertebrados. Con todas estas fotos deben elaborar un mural coa clasificación do reino animal, pegando as fotografías dos distintos animais nos seus lugares correspondentes.

- Explicar aos alumnos en que consiste a técnica de aprendizaxe de realizar un esquema. Contarlles que o esquema permite presentar dunha forma resumida e ordenada o contido dun texto. Para facer un esquema é necesario, en primeiro lugar, ler o texto, despois subliñar as ideas principais e, por último, organizar esas ideas por orde de importancia mediante un diagrama en árbore.

Pedir aos alumnos que lean o apartado 4 da páxina 41, Outros grupos de mamíferos, e subliñen o que consideren máis importante. A continuación, propoñerlles que elaboren un esquema a partir da información subliñada.

Ao finalizar a actividade pedir a algúns alumnos que mostren os seus esquemas. Animar o resto a comparalos e corrixir todo aquilo que crean necesario para completalos.

Unha forma de verificar que os alumnos comprenden o obxectivo e a utilidade da técnica é permitíndolles expresar as súas opinións sobre esta. Para iso, o profesor pode formularlles preguntas como as seguintes:

- Que utilidade teñen os esquemas?

- En que temas é conveniente utilizar esquemas?

- Hai información importante que quede fóra do esquema que realizaches?, cal?

- Serviríache o esquema para repasar esta unidade?

- Propoñer aos alumnos que realicen a seguinte actividade. Con esta actividade os alumnos terán a posibilidade de aprender a recoñecer distintas especies de aves e coñecerán os seus nomes.

Materiais:

- Unha guía de aves, ou algún libro con debuxos e fotografías das aves propias dun país ou dunha zona.

- Prismáticos para observar os paxaros.

- Un caderno de campo ou un caderno para anotar as observacións.

Procedemento:

1. Levar os nenos ao campo ou a algún parque onde se poidan observar distintos tipos de aves. A experiencia pódese repetir en diferentes lugares co fin de localizar distintas especies de aves.

2. Cando localicen algunha ave, pedir aos alumnos que a observen con atención para apreciar a súas características.

3. Nos seus cadernos, os nenos deben anotar as características das distintas aves, e ata poden debuxar pequenos esbozos.

4. Por último, deben identificar as aves que observen consultando a guía.

- Antes de realizar as actividades das páxinas 42 e 43, recordar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. O profesor pode ditalas para que os alumnos as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- Os vertebrados son aqueles animais que posúen columna vertebral.

- Hai cinco grupos de animais vertebrados: peixes, anfibios, réptiles, aves e mamíferos.

- Os peixes son animais acuáticos, ovíparos, respiran por branquias e están cubertos de escamas. Divídense en dous grupos: peixes cartilaxinosos e peixes óseos.

- Os anfibios son animais ovíparos que viven na auga ao nacer e na terra cando son adultos. Divídense en dous grupos: anfibios sen rabo e anfibios con cola.

- Os réptiles son animais terrestres, ovíparos, respiran por pulmóns e teñen a pel cuberta de escamas. Divídense en: serpes, lagartos, crocodilos e tartarugas.

- As aves son ovíparas, teñen a pel cuberta de plumas e respiran por pulmóns. Divídense en: corredoras, zancudas, parrulos e gansos, galináceas, rapaces e paxaros.

- Os mamíferos son animais terrestres, vivíparos, respiran por pulmóns, teñen a pel cuberta de pelo e posúen catro extremidades. Divídense en: marsupiais, primates, ruminantes, carnívoros, morcegos, cetáceos, roedores e insectívoros.

- Realizar unha posta en común cos alumnos sobre o traballo realizado nesta unidade. O profesor pode partir de preguntas similares a estas: Que cousas aprendestes con respecto ao estudado no ano anterior? Que foi o máis fácil de aprender?, e o máis difícil?, por que? Resultouvos útil ver imaxes de animais diferentes para comprender mellor as características de cada grupo?

- Propoñer aos alumnos que realicen a seguinte actividade. Esta actividade está indicada para que os alumnos identifiquen as características dos peixes.

Materiais:

- Dous peixes por cada grupo de alumnos (se é posible, un óseo e outro cartilaxinoso).

- Unha bandexa.

- Unhas pinzas.

- Unha lupa.

- Caderno de campo.

Procedemento:

1. Formar grupos de cinco alumnos.

2. Colocar os peixes na bandexa e pedir a cada grupo de alumnos que observen a forma do corpo, o número de aletas, se teñen dentes ou non, como son, e outros detalles característicos.

3. Deben extraer unha escama coas pinzas e observala, a simple vista e coa lupa, e despois debuxar o que observen.

4. A continuación, deben observar e debuxar as branquias. Os alumnos deben ter en conta que nos peixes óseos están cubertas polo opérculo.

5. Cada grupo debe repetir o experimento co outro peixe, e anotar no seu caderno as diferenzas que observe.

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación ambiental

- As emisións de gases contaminantes á atmosfera supoñen un grave problema que afecta a peixes e anfibios. Aos peixes, debido ao quentamento da auga; aos anfibios, porque ao ter a pel espida son moi sensibles a estes contaminantes.

- Incentivar nos alumnos o aprecio pola vida animal e o espírito de protección e coidado de todo canto nos ofreza a natureza. Espertar unha actitude crítica sobre actividades como a caza.

Educación para a saúde

- Aproveitar o desenvolvemento da lección das páxinas 44 e 45 para introducir os alumnos en cuestións tan de actualidade coma a enfermidade das vacas tolas ou a gripe aviar. O modo en que tratamos os nosos animais, especialmente aqueles que se destinan ao consumo humano, pode ter graves consecuencias cando non se respectan as normas de hixiene e seguridade alimentaria, consecuencias sobre os propios animais e tamén sobre a nosa saúde.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Sabe cales son e distingue os cinco grupos de animais vertebrados.

• Recoñece as características principais dos distintos grupos de vertebrados.

• Interpreta fotografías, debuxos e esquemas.

• Elabora diagramas en árbore como forma de organizar a información.

• Recoñece a responsabilidade que supón ter animais de compañía e a necesidade de coidar deles adecuadamente.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 4: AS PLANTAS

OBXECTIVOS

• Distinguir entre plantas con flores e plantas sen flores.

• Saber que as plantas sen flores clasifícanse en musgos e fieitos.

• Coñecer que as plantas con flores clasifícanse en ximnospermas e anxiospermas.

• Aprender como fabrican as plantas o seu alimento: fotosíntese e respiración.

• Explicar como se realiza a reprodución sexual nas plantas e as súas distintas fases.

• Comprender os mecanismos polos que se leva a cabo a reprodución asexual nas plantas.

• Identificar e clasificar plantas partindo de fotografías e debuxos.

• Valorar a importancia da diversidade vexetal para o medio natural.

CONTIDOS

Conceptos:

• A clasificación das plantas.

• A nutrición das plantas.

• A reprodución das plantas.

Procedementos:

• Observación e interpretación de esquemas.

• Identificación de plantas a partir de fotografías.

• Realización de bosquexos e debuxos de plantas.

Actitudes:

• Curiosidade por coñecer e distinguir os diferentes tipos de plantas.

• Interese por coñecer e conservar a biodiversidade vexetal do noso contorno.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 4 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto A chuvia horizontal. A continuación suscítanse dúas actividades: na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura; e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: Clasificación das plantas, A nutrición das plantas e A reprodución das plantas o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito como gráfico. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras que teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina de actividades, estas clasifícanse nos apartados Comprender, Razoar e Aplicar. Na segunda páxina das actividades preséntase o apartado Saber facer, onde se inclúe a actividade de carácter procedemental Debuxar unha planta.

Como peche da unidade 4 suscítase outra dobre páxina de actividades baixo o título Aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Un esquema sobre as plantas mediante o cal se organizan os coñecementos.

- Varias cuestións cuxo obxectivo é reforzar aqueles contidos da unidade que todos os alumnos deben coñecer.

- O apartado. Infórmome e falo, onde os alumnos deben realizar unha descrición oral sobre unha árbore con axuda de imaxes.

- O breve texto Plantas protexidas, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autorreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

2.ª quincena de novembro.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5.

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 3, 4 e 5 de reforzo.

- Ficha 2 de ampliación.

- Ficha 2 de control.

- Recursos na rede:

- Protexamos o bosque tropical.

http:index_flash_content.html

Portal de educación ambiental con xogos, contos e actividades relacionadas cos bosques.

- Plantas dun Parque Natural de Galicia.

cadernos/fragas.pdf

Documento en pdf creado pola Asociación Alvarellos sobre o Parque Natural das Fragas do Eume con actividades para os alumnos sobre a fauna do parque.

- Tarefas de Ciencias Naturais.

- Animais e plantas 2. Partes externas e órganos internos.

- Animais e plantas 3. Reprodución

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- Tras a lectura da páxina 47, preguntar aos alumnos se coñecen ou estiveron algunha vez nas illas Canarias. En caso afirmativo pedirlles que conten que lles pareceu a paisaxe, e se lles chamou a atención por algo en especial. Deben facer un esforzo por recordar coma eran as árbores, as flores e a vexetación en xeral.

- Aproveitar os comentarios dos alumnos e explicarlles que nas illas Canarias hai un gran número de especies vexetais endémicas, é dicir, que só medran neste lugar do planeta. E que por iso a flora canaria é obxecto de estudo para botánicos de todo o mundo.

- Para activar os coñecementos previos dos alumnos, pedirlles que observen a fotografía da páxina 46 e que identifiquen as partes das plantas que poidan verse. Ademais, o profesor pode propoñerlles que clasifiquen esas plantas en árbores, arbustos e herbas.

- Outra forma de repasar os coñecementos aprendidos en cursos anteriores é formulando preguntas como as seguintes:

- Que é unha planta?

- Que necesitan as plantas para vivir?

- Hai plantas en todas partes? Onde se poden atopar?

- Que características teñen en común todos os seres vivos que pertencen ao reino das plantas?

- En que se diferencian as plantas dos animais?

- Aproveitar as distintas actividades que se propoñen nesta unidade para reforzar nos alumnos a importancia de realizar un traballo eficaz. Explicar que, en primeiro lugar, hai que partir sempre dunha boa planificación que recolla todos os obxectivos que se perseguen; tamén é necesario xestionar ben os recursos e materiais que se van empregar, así como facer un bo uso do tempo, especialmente cando se realicen traballos en grupo; por último, hai que repasar sempre as tarefas realizadas e comprobar se se alcanzaron os obxectivos propostos.

- Outra forma de empezar esta unidade é dividir a clase en grupos e propoñerlles que realicen unha investigación sobre as plantas máis características de Galicia. Poden elaborar unha pequena guía, incluíndo os seus propios debuxos das plantas ou ben utilizando fotografías. En cada ficha deben incluír datos como: nome científico da planta, hábitat e orixe, altura media, forma das follas, disposición das ramas, descrición das flores se as ten, forma e cor da copa si se trata dunha árbore, aspecto xeral da árbore e da casca, etc.

- Levar á aula diferentes froitos e sementes, mostralas aos alumnos e pedirlles que diferencien uns de outros. Aproveitar para explicar a utilidade que froito e semente teñen para a planta.

- Suscitar aos alumnos repetir un sinxelo experimento: a xerminación dunha semente. É unha actividade que todos os nenos realizaron algunha vez, pero que é sen dúbida moi gráfica.

- Para empezar o desenvolvemento da lección das páxinas 48 e 49, Clasificación das plantas, pedir aos alumnos que digan o nome das distintas plantas que coñezan, indicando se teñen flores ou non. Lembrarlles que existen flores de moitos tipos e que, ademais, non todas as flores constan dos mesmos elementos (cáliz, corola, estames, etc.) nin teñen pétalos de cores rechamantes; poden estar agochadas, ou ser moi pequenas, ou ter a mesma cor que o resto da planta, etc. Pero iso si, todas as flores conteñen os órganos sexuais da planta.

- Ao falar das plantas ximnospermas, no epígrafe 3 da páxina 49, resaltar o feito de que se trata na súa maioría de árbores de folla perenne. Os alumnos xa saben algunhas cousas sobre as árbores; aproveitar esta ocasión e achegarlles algún dato máis. A casca da árbore, por exemplo, está formada por tecido morto; a súa función é ofrecer protección á planta. Os alumnos observarán que adoita estar agretada e que se desprende do tronco con facilidade; isto débese a que a árbore medra sen parar, engrosando o seu tronco e rachando a casca.

- Pedir aos alumnos que observen as fotografías da páxina 49. Despois, preguntar:

- Que diferenzas hai entre as plantas anxiospermas e ximnospermas?

- Que órganos da planta forman as piñas dos piñeiros?

- Propoñer aos nenos que nomeen plantas que coñezan ou que sexan habituais no seu medio, e que indiquen se se trata de anxiospermas ou ximnospermas baseándose na súa observación.

- Pedir aos alumnos que, tendo en conta o que aprenderon na lección das páxinas 48 e 49, debuxen no seu caderno:

- Unha planta ximnosperma.

- Unha planta anxiosperma.

- Contar aos alumnos que o ser humano se interesou polas propiedades das plantas desde tempos inmemoriais. Ao principio, os seus descubrimentos foron casuais: na súa busca de novos alimentos, os homes e mulleres atrevéronse a probar todo tipo de plantas, atopando que algunhas delas lles causaban vómitos, ou os facían suar, ou repentinamente facían desaparecer algunhas das súas dores. Así, con este sistema de ensaio e erro, fóronse coñecendo as propiedades de moitos vexetais.

Durante moito tempo este saber pasou dunha xeración á seguinte de forma oral. Despois, ao aumentar o seu volume, fíxose necesaria certa especialización e xurdiu a figura do bruxo ou xamán, quen conservaba estes saberes, engadía os seus propios descubrimentos e encargábase de aprenderllos ao seguinte bruxo. Poderiamos considerar esta figura como o antepasado do médico.

En culturas como a chinesa e a hindú, as clases máis humildes seguen recorrendo a este tipo de ciencia en lugar de á medicina moderna.

Do total de plantas existentes na natureza, estímase que polo menos un 10% ten algún tipo de propiedade terapéutica ou curativa.

- Para empezar o desenvolvemento da lección das páxinas 50 e 51, A nutrición das plantas, pedir aos alumnos que recorden o estudado en cursos anteriores sobre como se alimentan as plantas e suscitar estas preguntas: Por onde toman a auga as plantas? Que é o zume bruto?, e o zume elaborado? Por que é importante o sol para as plantas?

- Para introducir na aula o tema da circulación do zume, o profesor pode realizar o seguinte experimento. Necesítase unha flor branca cortada. Porá nun vaso con auga na que disolva colorante ou un pouco de tinta azul. Ao cabo dun intre será fácil apreciar como ascende esta auga pola planta e colorea os pétalos da flor.

- Explicar aos alumnos que, en xeral, as follas presentan unha gran superficie en comparación co resto da planta, talos, raíces, etc. A razón é sinxela: a maior superficie exposta ao sol, mellor se realiza a fotosíntese, é dicir, máis facilmente elaborará a planta o seu alimento.

- Despois de ler a lección das páxinas 50 e 51, A nutrición das plantas, pode formular as seguintes preguntas:

- Que procesos comprende a nutrición das plantas?

- Que pasaría se encerrasen unha planta nun recipiente de cristal? E se non a regaran?

- Debuxar o esquema da fotosíntese e pedir aos alumnos que o copien nos seus cadernos, rotulando o camiño que realizan o zume bruto e o zume elaborado, así como o intercambio de gases que se produce.

- Pedir aos alumnos que fagan unha lista coas palabras novas que aprendan nas páxinas 26 e 27 e que escriban o seu significado. Para iso, poden buscalas nun dicionario ou no glosario do final do libro. Despois, terán que escribir unha oración con cada palabra.

- Contar aos alumnos en que consiste a técnica de aprendizaxe de realizar esquemas de procesos.

Ás veces, os esquemas poden integrar textos e debuxos para explicar e describir un proceso. Á hora de interpretar un esquema deste tipo, débese seguir a orde correcta de lectura, que adoita vir indicada por números, por letras, por frechas ou pola disposición dos propios textos no debuxo.

Ademais, débese ler o título ou o pé que acompaña o esquema, xa que adoita ser moi explicativo.

Analizar cos alumnos o esquema da ilustración 2 da páxina 50. Pedirlles que lean o pé da ilustración e deixar que sexan eles quen fagan a súa interpretación, facendo énfase no lugar concreto no que acontece cada paso do proceso.

Unha vez realizada a actividade anterior, pedir aos alumnos que reflexionen sobre as vantaxes que ofrece estudar con esquemas. Por exemplo:

- Fai o estudo máis variado e entretido.

- Facilita a memorización dos contidos.

- Posibilita o repaso rápido dunha materia.

- Desenvolve a capacidade de síntese e análise.

- Converte o estudo en algo persoal.

- Para empezar a desenvolver a lección das páxinas 52 e 53, A reprodución das plantas, preguntar aos alumnos polas súas experiencias coas plantas. Viron algunha vez como se obteñen novas plantas? Algún deles xa veu como se corta e se planta un gallo, ou no caso das cintas, como saen as novas plantiñas, etc. Pedir aos que o viron algunha vez que llelo expliquen aos seus compañeiros.

- Preguntar como cren que se reproducen as plantas do campo, as que medran de forma espontánea: Poden reproducirse polos mesmos sistemas ca as plantas das nosas casas?

- Para explicar o proceso da reprodución das plantas, páxina 52, pode ser interesante realizar en clase a disección dunha flor. Desta forma, os alumnos poderán observar as partes que se mencionan no texto e localizar onde suceden os procesos da reprodución. Utilizar, preferiblemente, unha flor de gran tamaño. Diseccione a flor abrindo o xineceo e explicar que cambios se producen en cada momento do proceso, especialmente tras a fecundación, coa formación do froito.

- Se o profesor o considera oportuno, despois de ler a lección das páxinas 52 e 53 pode formular as seguintes preguntas:

- De que dúas formas se pode producir a polinización?

- Que tipo de flor é polinizada polo vento?

- Que partes da flor interveñen na reprodución asexual?

- Que é un embrión?

- Que diferenza hai entre os rizomas e os estolóns?

- Pedir aos alumnos que observen a ilustración 3 da páxina 52 co esquema do froito e a semente. Despois, preguntar: Que outros froitos deste tipo coñecedes? Vistes algún froito de características diferentes?, cal?

- Levar á aula dúas ou tres plantas diferentes e pedir aos alumnos que realicen un bocexo, a man alzada e con lapis, dalgunha delas.

Para axudarlles, o profesor pode poñer como exemplo os debuxos que aparecen en moitas guías de plantas.

- Contar aos alumnos que os criadores árabes de cabalos da Antigüidade xa sabían que algúns trazos dos individuos se transmitían á súa descendencia, pero descoñecían as leis que rexían a herdanza. Foi Johann Mendel quen, no século XIX, definiu estas leis. Mendel (1822-1884) naceu na actual República Checa, entón imperio Austro-Húngaro. De familia moi pobre, unha das súas irmás renunciou ao dote matrimonial para que el puidese continuar os seus estudos. Estudou Ciencias Naturais, que nesa época incluían materias como Matemáticas, Física, Botánica ou Bioloxía. Finalmente fíxose monxe, aínda que sempre se dedicou aos seus experimentos científicos.

Mendel comezou como botánico, obtendo plantas ornamentais mediante distintos cruzamentos. Ao cruzar as plantas, puido comprobar que determinados carácteres aparecían con regularidade, polo que decidiu aplicar os seus coñecementos matemáticos a formular as leis que regulan a herdanza. Colleu os chícharos como obxecto do seu estudo e realizou con eles máis de 28.000 experimentos, o que lle permitiu extraer conclusións, aplicables tanto a plantas coma a animais.

Aínda que el era consciente da importancia dos seus descubrimentos, a comunidade científica ignorou as súas leis e a súa obra ata 1900, 16 anos despois da súa morte.

- Explicar aos alumnos como se din en inglés algúns dos termos estudados nesta unidade.

- planta: plant.

- árbore: tree.

- herba: herb.

- arbusto: bush.

- froito: fruit.

- semente: seed.

- Propoñer aos alumnos a elaboración dun herbario. Comentarlles que un herbario é unha colección de plantas prensadas e secas coas que se pode confeccionar un álbum, e que recolle a flora propia dunha comarca ou rexión.

Con esta actividade os alumnos terán a posibilidade de observar de preto algunhas das características das plantas.

Materiais:

- Papel de periódico.

- Libros pesados.

- Algunhas plantas diferentes.

- Cartolina branca.

Procedemento:

1. Recoller cos alumnos pequenas plantas (pode ser en leiras, montes, etc.). Despois, limpalas ben de terra.

2. Indicar aos alumnos que coloquen cada planta entre dúas follas de papel de periódico e que as prensen cuns libros. Indicarlles que cambien a miúdo os papeis, xa que absorben a humidade da planta e poden coller mofo.

3. Preparar, coas cartolinas brancas, as fichas correspondentes de cada planta e os datos da recolección. Unha vez secas, pegar as plantas en cada ficha. Se o profesor o cre oportuno, pode pedir aos alumnos que confeccionen con elas un álbum.

- Antes de realizar as actividades das páxinas 54 e 55, recordar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. O profesor pode ditalas para que os alumnos as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- As plantas clasifícanse en dous grupos: plantas sen flores, que son os mofos e os fentos; e plantas con flores, ximnospermas e anxiospermas.

- As plantas fabrican o seu propio alimento: toman substancias do solo e do aire, transforman esas substancias en alimento e repárteno por todas as partes da planta.

- Durante a fotosíntese, o zume bruto transfórmase en zume elaborado por efecto da luz do Sol.

- As plantas respiran durante todo día, tomando osíxeno do aire e expulsando dióxido de carbono.

- A reprodución sexual é aquela na que interveñen as flores. A polinización é a súa primeira fase; tras ela, os óvulos transfórmanse en sementes e o resto do xineceo convértese en froito.

- Na reprodución asexual interveñen outras partes da planta que non son as flores, como estolóns, rizomas ou tubérculos.

- Dividir a clase en grupos e propoñerlles que se convertan en guías dun Xardín Botánico por un día. Cada grupo encargarase de elaborar unha serie de preguntas relacionadas co mundo das plantas, o respecto á natureza, as dificultades de aprendizaxe, etc. Para orientalos o profesor pode propoñerlles algúns exemplos como:

- Como podemos identificar os distintos grupos de plantas?

- Que podemos facer para conservar as plantas?

- Que vos resultou máis interesante e máis complicado de todo o que vimos nesta unidade?

- Contar aos alumnos que os mofos adoitan medrar en zonas húmidas e sombrías, ás veces tamén sobre algúns tipos de rocha, como as calcarias. Pódese realizar unha pequena plantación de mofos utilizando un recipiente grande, como unha cubeta.

En primeiro lugar, hai que recolectar mofo. Aínda que parecen todos iguais, unha vez que medran e producen esporas aprécianse as diferenzas.

Realizar dous buratos no fondo da cubeta para drenar a auga. Se se trata dun material que non se pode perforar, como o vidro, colocar no fondo da cubeta uns 2 cm de grava.

Cubrir o fondo do recipiente (uns 4 cm) cunha mestura de terras vexetais e plantar o mofo. Ter en conta que non se debe encher toda a superficie coas plantas, senón pequenas áreas. Regalas de vez en cando ou cun pulverizador.

Tapar o recipiente cun vidro, apoiándoo nuns pequenos topes de madeira, de modo que quede unha fenda pola que poida entrar o aire.

Colocar o recipiente nun peitoril ou próximo a unha ventá para que reciba a luz do Sol, pero evitar a exposición á luz directa, especialmente no verán.

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación para a saúde

- Comentar cos alumnos que os principios activos que se atopan de forma natural nas plantas son os mesmos que conteñen os medicamentos, e que, logo, hai que tomalos con control médico e nas cantidades adecuadas, se non poden resultar tóxicos e ata perigosos.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Distingue entre plantas con flores e plantas sen flores.

• Sabe que as plantas sen flores se dividen en mofos e fieitos, e coñece as súas características.

• Coñece que as plantas con flores se dividen en ximnospermas e anxiospermas, e identifica as súas características.

• Comprende e explica como levan a cabo a función de nutrición as plantas.

• Entende como realizan as plantas a reprodución sexual e asexual.

• Comprende a importancia de conservar a diversidade vexetal do noso planeta.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 5: A NUTRICIÓN HUMANA

OBXECTIVOS

• Saber que son os nutrientes e coñecer os principais tipos.

• Coñecer algunhas pautas para conseguir unha dieta saudable.

• Aprender como realiza o noso organismo a dixestión, a absorción de nutrientes e a eliminación de refugos.

• Comprender como se realizan a respiración e a excreción, e coñecer os órganos que interveñen en ambos os procesos.

• Explicar a circulación do sangue, distinguindo entre circulación pulmonar e xeral.

• Valorar a importancia de adoptar medidas hixiénicas cando manipulamos alimentos.

CONTIDOS

Conceptos:

• A alimentación e a saúde.

• O proceso dixestivo.

• A respiración e a excreción.

• A circulación.

Procedementos:

• Observación e interpretación de imaxes.

• Interpretación e elaboración e esquemas anatómicos.

• Elaboración de fichas.

Actitudes:

• Recoñecemento da relación dieta e saúde.

• Interese por aprender a previr enfermidades relacionadas cos hábitos alimenticios.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 5 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto Máis de cen anos! A continuación suscítanse dúas actividades: na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura; e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: Alimentación e saúde, O proceso dixestivo, A respiración e a excreción e A circulación o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito coma gráfico. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras que teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina de actividades, estas clasifícanse nos apartados Comprender, Razoar, Aplicar e Opinar. Na segunda páxina de actividades preséntanse no apartado Saber facer, onde se inclúe a actividade de carácter procedemental Realizar un experimento.

Como peche da unidade 5 suscítase outra dobre páxina de actividades baixo o título Aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Un esquema sobre a función de nutrición mediante o cal se organizan os coñecementos.

- Varias cuestións cuxo obxectivo é reforzar aqueles contidos da unidade que todos os alumnos deben coñecer.

- O apartado Infórmome e escribo, onde os alumnos deben realizar unhas fichas sobre enfermidades relacionadas coa nutrición.

- O breve texto Mellor previr que curar, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autorreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

1.ª quincena de decembro.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5.

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 10, 11 e 12 de reforzo.

- Ficha 5 de ampliación.

- Ficha 5 de control.

- Ficha de Avaliación 1.o trimestre.

- Recursos na rede

- Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación.

http:esesnindex_es.stm

Información sobre hábitos alimenticios e necesidades nutricionais.

- Saúde e alimentación.

http:espindex.cfm

Xogos, receitas e contos relacionados coa nutrición infantil.

- Tarefas de Ciencias Naturais.

- Corpo humano 3. Aparellos dixestivo, respiratorio, excretor e circulatorio.

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- Pedir aos alumnos que centren a súa atención na fotografía da páxina 58. Explicar que se trata dun prato típico da cociña asiática, elaborado con pasta, verduras frescas e carne de ave. Despois, formular preguntas como as seguintes:

- Comen o mesmo todas as persoas ou cómese diferente nos distintos lugares do mundo? (Pedir aos alumnos que poñan exemplos.)

- A que se deben as diferenzas na dieta nos distintos países?

- A pesar das diferenzas que poida haber, todas as persoas son omnívoras?

- Tras a lectura de Máis de cen anos!, páxina 59, preguntar aos alumnos que cren que quere dicir o texto cando menciona que os dous anciáns levaron sempre unha vida saudable. Despois pedirlles que expliquen que significa para eles levar unha vida saudable.

- Aproveitar os comentarios dos alumnos e invitalos a analizar os seus propios hábitos e que decidan se son saudables ou non. Deben tratar de identificar hábitos variados, non cinguirse soamente á alimentación. Preguntar despois como cren que inflúen na súa saúde eses hábitos. Por exemplo, saben de que modo os beneficia facer deporte con regularidade?

- Aproveitar o apartado Falamos da páxina 59 para traballar a autoestima dos alumnos. A infancia é o período en que se forxa o concepto dun mesmo e os sentimentos cara á propia persoa, bases do autoconcepto que serán duradeiras no tempo. Este tipo de actividades, nas que os alumnos comentan as súas propias experiencias, permítenlles á vez coñecerse mellor e tamén darse a coñecer aos demais, aspectos fundamentais para chegar a desenvolver unha valoración positiva da propia persoa.

- Propoñer aos alumnos un sinxelo xogo para refrescar o que estudaron na etapa anterior sobre a función de nutrición. Para comezar, debuxar en cartolina e coloree todos os órganos implicados nesta función. Recortalos, poñelos nunha caixa e preparar outras tantas caixas cos nomes dos aparellos correspondentes: respiratorio, circulatorio, dixestivo e excretor.

Dividir a clase en grupos de cinco ou seis nenos. Por quendas, os alumnos deberán colocar cada debuxo na caixa do aparello que lle corresponda. Cronometrar o tempo que tarda cada equipo en colocar correctamente todos os órganos. Gañará o grupo que tarde menos tempo.

- Propoñer unha investigación en grupo sobre a dieta familiar. Cada membro do grupo deberá preguntar aos seus familiares sobre a súa dieta, tomar os datos, agrupalos nun cadro e relacionalos coa idade dos seus familiares e a existencia de posibles causas para que sigan dietas especiais. A continuación, os alumnos do grupo poñerán os seus datos en común e obterán conclusións sobre se a dieta cambia coa idade e sobre se existen enfermidades que requiren un tratamento dietético especial. Avaliar a súa capacidade de traballo en equipo, as súas destrezas científicas á hora de recoller a información e a presentación orixinal dos resultados.

- Para introducir a lección das páxinas 60 e 61, Alimentación e saúde, pedir aos alumnos que vaian nomeando en voz alta alimentos que consideren importantes e imprescindibles na súa dieta (leite, carne, peixe, froitas, etc.). Explicar que os alimentos nos axudan a medrar, outros nos achegan a enerxía que necesitamos para realizar as nosas actividades… Poñer o seguinte exemplo: a gasolina pode parecer o máis importante para que un vehículo se mova, pero se ao motor lle falta aceite, ou non hai suficiente líquido na batería, non poderá funcionar.

- Repetir a experiencia anterior, pedindo aos alumnos que nomeen nesta ocasión os alimentos que menos lles gustan ou os que non adoitan comer. Despois, comparar os resultados.

- Entre as recomendacións para unha dieta saudable menciónase reducir o consumo de doces, pasteis, bebidas con azucre, etc. Explicar aos alumnos que este tipo de alimentos achegan fundamentalmente enerxía ao organismo. Cando esta enerxía non se consome, xa sexa con exercicio físico ou realizando calquera outra actividade, transfórmase en graxa, que se acumula no noso corpo en forma de sobrepeso.

- Pedir aos alumnos que observen as fotografías da páxina 60. Despois, preguntar:

- Que alimentos nos achegan enerxía?

- Que alimentos nos proporcionan vitaminas?

- Que alimentos debemos consumir en maior cantidade?

- Propoñer aos nenos que nomeen comidas e alimentos ricos en hidratos de carbono, graxas ou proteínas que formen habitualmente parte da súa dieta.

- Contar aos alumnos que o colesterol é unha substancia que se atopa de xeito natural no noso organismo. É transportado a través do sangue a todas as partes do corpo, e está relacionado, entre outras funcións vitais, por exemplo, coa produción de hormonas. Pero tamén obtemos colesterol a través da dieta, cando comemos produtos de orixe animal, como carne, ovos e produtos lácteos. Os alimentos de orixe vexetal non conteñen colesterol. Un exceso de colesterol no noso sangue pode orixinar moitos problemas de saúde, como arterosclerose, enfermidades cardíacas, etc.

Os altos niveis de colesterol adoitan ir asociados co sobrepeso, problemas os dous que a miúdo comezan na nenez. Os hábitos alimentarios que se adquiren a estas idades marcarán o comportamento ante a comida na idade adulta. O consumo habitual de hamburguesas, bocadillos, doces e outras comidas con demasiadas graxas e proteínas son hábitos alimentarios inadecuados que poden afectar gravemente á nosa saúde. A educación é unha ferramenta indispensable na prevención de futuros trastornos e enfermidades relacionadas coa alimentación.

- Para introducir a lección das páxinas 62 e 63, O proceso dixestivo, propoña na aula a realización dun modelo de aparello dixestivo con plastilina. Deben utilizar unha cor distinta para cada órgano, de maneira que se poidan distinguir con claridade. Esta actividade permitiralles facerse unha idea máis realista destes órganos e a súa disposición.

- Explicar aos alumnos que o aparello dixestivo é un tubo longo, cunha serie de glándulas que producen substancias, e cuxa función consiste en triturar os alimentos e separar as substancias que conteñen, recollendo aquelas que necesitamos e rexeitando as que non son útiles. Para realizar esta función é necesario que cada órgano desempeñe un papel concreto.

- Se o profesor o cre conveniente, realizar a seguinte actividade: botar unha pouca auga nun barreño pequeno. Engadir aceite, ata formar unha capa fina na superficie da auga. A continuación, verter unhas pingas de lavalouza e pedir aos alumnos que describan o que sucede. Explicar que, de forma similar, o estómago e o intestino producen substancias que dividen os alimentos en substancias máis sinxelas.

- Se o profesor o cre oportuno, pode formular as seguintes preguntas aos alumnos:

- Cales son as glándulas anexas?

- Que pasaría se tragasen os alimentos sen mastigalos?

- Para que serven as pilosidades do intestino?

- Propoñer aos alumnos que observen a ilustración 1 da páxina 62. Despois, preguntar: Cal é o órgano máis longo do aparello dixestivo? Cal é o órgano máis voluminoso? Onde están situadas as glándulas salivares? Por que ao aparello dixestivo se lle chama tamén tubo dixestivo?

- Pedir aos alumnos que escriban palabras que pertenzan á familia de alimento.

- Explicar aos alumnos en que consiste a técnica de aprendizaxe de coller apuntamentos.

En ocasións, para comprender unha lección non é suficiente cos contidos do libro do alumno.

As explicacións do profesor completan e clarifican eses contidos, proporcionando exemplos novos e deténdose nos aspectos que presentan maior dificultade para os nenos.

Coller pequenas notas das explicacións durante a clase axudará os alumnos a comprender mellor os contidos e servirá tamén para que estean máis atentos durante a lección, o que facilitará o seu posterior estudo.

Pedir aos alumnos que presten especial atención ás súas explicacións sobre o proceso dixestivo e que collan breves notas. Ao acabar deben repasar as notas que tomaron e decidir se lles achegan algunha información nova e se lles servirán para estudar.

Comprobar que os alumnos comprenderon a utilidade dos apuntamentos como técnica de estudo. Animar a algún deles a explicar en voz alta e coas súas propias palabras o contido dun epígrafe desta lección, axudándose dos seus apuntamentos. Despois, preguntar ao resto de alumnos: Incluíu na súa exposición algún dato ou explicación que non estivese xa no libro? Comprendestes correctamente a explicación do voso compañeiro?

- Para introducir a lección das páxinas 64 e 65, A respiración e a excreción, pedir aos alumnos que palpen unha vea do seu pulso e localicen o latexo. Despois, invitalos a saltar durante un minuto e a que tomen o seu pulso de novo ao acabar. Deste xeito, comprobarán como se acelerou a súa circulación por efecto do exercicio. Preguntar agora se o exercicio os fixo suar. Indicarlles que a transpiración tamén forma parte da eliminación de refugos do noso organismo.

- Aproveitar o debuxo dun fol que aparece na páxina 64 para indicar aos alumnos o feito de que non é a entrada e saída do aire nos pulmóns o que orixina que estes se inchen ou se desinchen, senón que se produce xusto ao contrario: os pulmóns ínchanse para obrigar ao aire a entrar neles e desínchanse para expulsalo, unha vez absorbido o osíxeno.

- Se o profesor o cre conveniente, explicar sobre o esquema 3 da páxina 65 que o sangue chega aos riles a través da arteria renal (tubo pintado en cor vermella) e sae dos riles a través da vea renal (tubo de cor azul).

- A función que realizan os riles é vital para o noso corpo. Explicar aos alumnos que os riles son uns órganos sumamente eficaces: ata cun só ril que funcione ao 25 por cento da súa capacidade, o organismo é capaz de realizar a función de excreción.

- Se o profesor o cre conveniente, formular as seguintes preguntas aos alumnos:

- A que chamamos vías respiratorias?, cales son?

- Cal é a función dos riles no organismo?

- Para que serve a vexiga?

- Que é a caixa torácica?

- Pedir aos alumnos que observen a ilustración 3 da páxina 65. Despois, preguntar:

- Onde están situados os riles?

- Que forma ten a vexiga da urina?

- Que forma teñen os riles?

- A uretra e os uréteres, son o mesmo?,en que se diferencian?

- Comentar aos alumnos que a excreción é unha función vital para a vida, xa que as substancias que se eliminan coa urina (provenientes da dixestión e doutras actividades do organismo) poden chegar a ser moi tóxicas se se acumulan no noso corpo. Por iso, cando os riles non son de realizar a súa función adóitase recorrer ao transplante.

O transplante de ril é dos máis habituais, xa que tanto o donante coma o enfermo poden vivir cun único ril.

Con todo, hai casos en que o transplante non é posible e é necesario recorrer a unha máquina que se encargue de substituír os riles, é dicir, que sexa capaz de filtrar as substancias de refugo e eliminalas. A diálise é o que poderiamos chamar un ril artificial. O paciente conéctase durante varias horas ao día á unha máquina, que se encarga de recoller o sangue, filtralo e devolvelo ao organismo.

- Para empezar a desenvolver a lección das páxinas 66 e 67, A circulación, propoñer aos alumnos que formen parellas e escoiten o corazón do compañeiro. Preguntarlles en que parte do corpo teñen que poñer a orella para escoitar o corazón. Despois, pedirlles que conten as veces que latexa o corazón do compañeiro durante un minuto.

- Antes de comezar a estudar A circulación é conveniente resaltar o feito de que esta función se realiza de xeito constante por todo o noso corpo, e que garda relación con todos os órganos e coas outras funcións vitais que realizamos.

- Os alumnos adoitan comprender a diferenza entre arterias e veas. Con todo, o concepto de capilares cústalles máis. Explicar que os capilares son como as veas pero moito máis finos. Atópanse por todas partes do corpo e encárganse de que o sangue chegue ata o último recuncho e ata a última célula.

- Explicar que a función do plasma consiste en transportar as substancias alimenticias e de refugo. Só o osíxeno e o dióxido de carbono son transportados por células.

- Preguntar:

- Que é a circulación sanguínea?

- En que se diferencian os glóbulos vermellos dos brancos?

- Cal é a diferenza entre o sangue que sae do corazón polas arterias pulmonares e a que volve a el polas veas cavas?

- Propoñer aos alumnos a realización dunha maqueta do corazón utilizando diversos materiais (porespán, papel engurrado e mollado, etc.). Os alumnos deberán reflectir as cavidades do corazón e a posición das veas e arterias.

- Repetir o experimento de tomar o pulso. Explicar que o habitual é contar os latexos que se producen durante dez segundos e multiplicar esa cifra por seis. Así, obterán o número de pulsacións por minuto.

- Contar aos alumnos que Miguel Servet naceu en Villanueva de Sijena, Huesca, no ano 1511. Sendo adolescente abandonou España e marchou a Francia, onde realizou estudos de Teoloxía, Dereito e Medicina.

Como outros homes da súa época, Servet estivo interesado en moitas disciplinas distintas e destacou en todas elas, aínda que os seus contemporáneos afirmaban que de ter menos intereses lograría maiores descubrimentos. Tiña, ademais, un don para as linguas, e escribía e falaba en varios idiomas: latín, grego, hebreo, español, francés, italiano e alemán.

Servet chegou a ser un médico reputado e pasou á historia como o descubridor da dobre circulación do sangue, a xeral e a pulmonar.

O seu descubrimento foi moi peculiar, xa que non o levou a cabo tras un gran período de estudo ou investigación, senón dun xeito intuitivo e baseándose en conceptos filosóficos e relixiosos.

A relixión marcou en moitos sentidos a vida deste home, que foi condenado pola Inquisición á idade de 20 anos, e morreu queimado na fogueira no ano 1553.

- Propoñer aos alumnos que realicen a seguinte experiencia.

Con esta actividade os alumnos terán a posibilidade de observar como funciona o aparello respiratorio e repasarán ademais que órganos o forman.

Materiais:

- Unha xiringa desbotable de plástico.

- Un globo.

- Unha cortiza do mesmo grosor que a xiringa.

- Un tubiño de plástico transparente (pode servir o dun bolígrafo).

Procedemento:

1. Indicar aos alumnos que corten a base da xiringa.

2. Introducir o globo pola parte recortada, de maneira que a súa boca quede dobrada cara a fóra, asome e se axuste polos bordos da xiringa.

3. Perforar a cortiza polo centro e encaixar no oco o anaco de bolígrafo.

4. Axustar a cortiza á xiringa.

Ao finalizar, poderán comprobar que ao tirar e introducir o émbolo se reproducen os procesos de ventilación pulmonar, inspiración e expiración, respectivamente.

- Antes de realizar as actividades das páxinas 70 e 71, recordar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. O profesor pode ditalas para que os alumnos as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- Os nutrientes son aqueles compoñentes dos alimentos que necesitamos para vivir. Os máis importantes son: hidratos de carbono, graxas e proteínas.

- Unha dieta completa e equilibrada debe proporcionarnos os nutrientes que necesitamos nas cantidades adecuadas.

- O proceso dixestivo transforma os alimentos en substancias e nutrientes que o noso corpo pode asimilar. Consta de tres fases: dixestión, absorción e eliminación de refugos.

- A respiración consiste na obtención de osíxeno do aire e a expulsión de dióxido de carbono.

- O aparello excretor encárgase da expulsión dos refugos que se atopan no sangue. Os seus principais órganos son os riles.

- A circulación do sangue permite o transporte por todo o noso corpo dos nutrientes, o osíxeno e as substancias de refugo.

- Realizar unha posta en común con todos os alumnos sobre os contidos desta unidade. Utilizar as opinións que expresen os alumnos para avaliar o nivel de interese que espertou neles o tema da nutrición. As preguntas para a posta en común poden ser as seguintes:

- Que órganos do corpo non coñeciades antes de estudar esta unidade?

- Que vos chamou máis a atención do estudado e por que?

- Da función de nutrición, que é o que vos pareceu máis sorprendente?

- Que ides facer para non esquecer o aprendido?

- Propoñer aos alumnos xogar a facer a compra. O obxectivo do xogo é comprobar que aprenderon os alumnos sobre como elaborar unha dieta equilibrada. Para comezar, é necesario dividir a clase en grupos duns cinco alumnos. Cada grupo debe deseñar un menú, que inclúa o almorzo, a comida (primeiro prato, segundo prato e sobremesa) e a cea. En función do menú elixido, deberán escribir a súa propia lista da compra. O profesor será quen xulgue que menús son os máis completos e equilibrados.

Antes de comezar, recordar aos alumnos algúns pequenos consellos: deben incluír pratos sinxelos que non lles obriguen a elaborar unha lista demasiado longa; sempre que sexa posible, empregar produtos xenéricos, que non teñan marca ou que se poidan atopar en moitas marcas distintas (arroz, fariña, etc.); seleccionar aqueles produtos co empaquetado máis sinxelo e fuxir dos demasiado embalados e que se venden un e un (como a froita comprada ao peso fronte á que se vende en bandexas cunha ou dúas pezas).

Por último, comentar aos nenos que ao facer a compra de verdade hai outro factor importante que considerar: mirar sempre a data de caducidade dos produtos.

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación para o consumidor

- Na actualidade véndese unha ampla gama de alimentos baixo o cualificativo de light ou baixos en calorías. Comentar aos alumnos que ao comprar un produto deste tipo é aconsellable ler ben a etiqueta e asegurarnos de que eses produtos nos achegan os nutrientes necesarios para medrar correctamente.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Sabe que son os nutrientes e distingue os principais tipos.

• Coñece algunhas pautas básicas para a elaboración dunha dieta saudable.

• Comprende o proceso dixestivo e describe como se realiza a dixestión, incluídas a absorción de nutrientes e a eliminación de refugos.

• Describe como funciona o aparello respiratorio, así como os órganos que o forman.

• Entende o funcionamento do sistema circulatorio e explica o mecanismo da excreción.

• Comprende e adopta medidas de hixiene na manipulación dos alimentos.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 6: A MATERIA

OBXECTIVOS

• Comprender que é a materia.

• Aprender que a materia está formada por átomos.

• Distinguir entre substancias puras e mesturas.

• Comprender as propiedades xerais da materia: masa, volume e densidade.

• Distinguir entre cambios físicos e cambios químicos.

• Coñecer os principais cambios de estado da materia.

• Calcular masas e volumes.

• Reflexionar sobre a importancia da reciclaxe.

CONTIDOS

Conceptos:

• A materia e as súas propiedades.

• Os cambios da materia.

• Os cambios de estado.

Procedementos:

• Cálculo de masas e volumes.

• Elaboración de fichas.

• Exposición oral de sinxelos traballos de investigación científica.

Actitudes:

• Curiosidade por coñecer a natureza da materia que forma o Universo.

• Interese por aprender a coidar o medio natural mediante a reciclaxe.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 6 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto Rafting, aventura na auga. A continuación, suscítanse dúas actividades: na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura; e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: A materia e as súas propiedades, Os cambios da materia e Os cambios de estado o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito coma gráfico. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina de actividades, estas clasifícanse nos apartados Comprender, Razoar e Aplicar. Na segunda páxina de actividades preséntase o apartado Saber facer, Opinar, onde se inclúe a actividade de carácter procedemental Calcular masas e volumes.

Como peche da unidade 6 suscítase outra dobre páxina de actividades baixo o título Aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Un esquema sobre a materia mediante o cal se organizan os coñecementos.

- Varias cuestións cuxo obxectivo é reforzar aqueles contidos da unidade que todos os alumnos deben coñecer.

- O apartado Infórmome e falo, onde os alumnos deben realizar unha exposición sobre o funcionamento das salinas.

- O breve texto A reciclaxe, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autorreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

2.ª e 3.ª semana de xaneiro.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5.

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 13 e 14 de reforzo.

- Ficha 6 de ampliación.

- Ficha 6 de control.

- Recursos na rede:

- A materia que nos rodea.

http:roble.pntic.mec.es~csotomateria.htm

Definición, formas de presentarse e clasificación da materia, con multitude de exemplos gráficos.

- Cambios na materia.

http:icarito.latercera.clenc_virtualc_natindex6.htm

Portal educativo con multitude de artigos relacionados coa materia.

- Tarefas de Ciencias Naturais.

- Materia e enerxía.

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- Tras a lectura da páxina 73, preguntar aos alumnos que outros fenómenos meteorolóxicos, ademais das nevadas, coñecen. Pedirlles que os vaian enumerando e que mencionen o estado en que se atopa a materia en cada un deles, así como os cambios de estado que se producen.

- Se o profesor o cre conveniente, preguntar aos alumnos se saben que é o rafting e se algún deles practicou ou viu practicar este deporte. En caso negativo, explicarlles que se trata dun deporte que consiste en descender, a bordo dunha balsa pneumática, as augas dun río de montaña.

- Pedir aos alumnos que centren a súa atención na fotografía da páxina 73 e que digan os estados da materia que poden identificar nela. Os nenos recoñecerán a auga en estado líquido e o xeo e a mesma flor en estado sólido. Recordarlles que arredor da planta hai aire en estado gasoso.

- Invitar os nenos a observar ao seu arredor e a mirar os obxectos que os rodean desde o punto de vista científico, comprendendo que todo canto perciben cos seus sentidos é materia, incluído o aire que os rodea.

- Pedir aos alumnos que identifiquen na fotografía da páxina 72 materiais coas seguintes calidades:

- Transparente.

- Fráxil.

- Duro.

- Brillante.

- Resistente.

- Outra forma de introducir esta unidade é formar grupos de catro alumnos. A continuación, escribir no encerado palabras clave da unidade, como masa, volume, densidade, sólido, líquido, homoxéneo, heteroxéneo, evaporación, sublimación… Cada un dos grupos escollerá catro desas palabras e escribirá o concepto e o seu significado en cadansúa ficha.

Unha vez rematen, os alumnos lerán as súas fichas, corrixiranas entre todos e pegaranas nas paredes da aula, co fin de que cando saian eses termos ao longo da unidade poidan recordar o que significan.

- Realizar cos alumnos un pequeno xogo con ritmo. Pedirlles que vaian mencionando obxectos ou materiais en estado sólido, líquido e gasoso alternativamente, seguindo un ritmo que toda a clase debe marcar con palmadas.

Seralles moi fácil dar con obxectos sólidos sen perder o compás, pero os líquidos e sobre todo os gases causarán algún atranco.

- Para introducir a lección das páxinas 74 e 75 A materia e as súas propiedades, propoñer aos alumnos a seguinte situación: imaxinade que entrades nunha tenda de ultramarinos e queredes comprar algo, como llo pediriades ao dependente? Cada alumno mencionará un produto e o xeito en que o pediría; desta forma, seguro que dirán unidades de masa. Por exemplo, 100 gramos de pemento.

- A propósito da diversidade da materia, páxina 74, explicar aos alumnos que todo (eles mesmos, o encerado, o aire que respiran, a cadeira na que se sentan, etc.) está formado polos mesmos átomos. A diferenza entre unha materia e outra radica nas diferentes combinacións dos átomos.

- A densidade é a propiedade da materia menos intuitiva para os alumnos. A densidade é a relación entre a masa e o volume. Así, se hai moita masa en pouco volume, a densidade é alta. Unha boa forma de explicar a densidade é debuxar no encerado dous cubos coas mesmas dimensións e pedir aos alumnos que imaxinen un cubo cheo de migas de pan e outro cheo de gomas de borrar. Este cubo é máis denso porque ten máis masa no mesmo volume.

- Preguntar aos alumnos:

- Que unidade se utiliza para medir a masa dun corpo?, e para medir o seu volume?

- Como se calcula a densidade dun corpo?

- Pedir aos alumnos que observen as fotografías da páxina 74 e enumeren diversas substancias que se poden atopar habitualmente na cociña indicando de que tipo é: pura ou mestura, e o tipo de mestura.

- Pedir aos alumnos que observen o debuxo da páxina 75 e que indiquen se as seguintes frases son correctas:

- A culler ten menos masa que o envase de tetra brik. (V)

- O envase de tetra brik ocupa máis volume ca o cubo. (F)

- A culler ten a mesma masa ca o cubo. (F)

- Explicar aos alumnos que é moi importante saber multiplicar e dividir por dez, cen e mil para realizar con eficacia os cambios de unidades. Por iso, poñer exercicios nos que os alumnos teñan que realizar estas operacións.

- Explicar aos alumnos que, tras séculos de observación e traballo científico, o home chegou á conclusión de que toda a materia que nos rodea está formada por átomos.

Átomo é unha palabra que vén do grego e que significa literalmente «indivisible», e de feito é a parte máis pequena de materia que se pode obter, conservando as súas propiedades. Aínda que non é certo que sexa indivisible, o átomo está formado á súa vez por outras partículas aínda máis pequenas, as chamadas partículas subatómicas, pero estas non conservan xa as características do elemento ao que pertencen.

Os elementos puros están formados por unha soa clase de átomos. Existen algo máis de cen tipos de átomos diferentes, é dicir, cen elementos puros.

O científico ruso Mendeleiev foi quen os ordenou por primeira vez nunha táboa, a Táboa Periódica, de tal xeito que os elementos con propiedades químicas semellantes aparecen na mesma columna.

- Os alumnos coñecen xa a diferenza entre cambio químico e cambio físico. Para introducir a lección das páxinas 76 e 77, Os cambios da materia, pedirlles que investiguen os cambios da materia que suceden ao seu arredor, tanto físicos coma químicos: o gas do acendedor, a xeada que se forma sobre os cristais dos coches, a froita cando bota mofo...

- Unha forma práctica para que os alumnos comprendan os cambios físicos da materia é poñer exemplos. Así, cando se pinta un mural nunha parede, esta segue sendo a mesma. Se mesturamos aceite e vinagre, estas dúas substancias seguen sendo as mesmas. Ao quentar unha variña de metal, esta dilátase, é dicir, aumenta a súa lonxitude e o seu grosor; ao arrefriarse, recupera as súas dimensións orixinais.

Facer o mesmo con respecto aos cambios químicos da materia. Explicar que as persoas realizamos moitos cambios químicos para obter novas substancias e produtos útiles. Por exemplo, ao queimar azucre, este convértese en caramelo, que se emprega para a elaboración de doces. O mesmo ocorre co pan, o queixo ou a callada.

- Se o profesor o cre oportuno, despois de ler a lección das páxinas 76 e 77, Os cambios da materia, pode formular as seguintes preguntas:

- Por que dicimos que a rotura dun cristal é un cambio físico?

- Cal é o cambio químico que máis a miúdo podes observar?

- Que tipo de cambio se produce cando se consome un misto?

- Suxerir aos alumnos a elaboración dun mural, con debuxos e fotografías, no que reflicten os distintos cambios da materia: movemento, dilatación, oxidación, putrefacción, etc.

- Explicar aos alumnos a técnica de aprendizaxe consistente en subliñar de distintas formas.

Contarlles que, á hora de estudar, é importante xerarquizar os contidos, o que significa distinguir que conceptos son os máis importantes e cales son os secundarios.

Para iso, convén empregar un código que nos permita diferencialos dunha soa ollada. Por exemplo, pódese subliñar utilizando distintas cores. Así, para subliñar a idea xeral pódese utilizar un dobre trazo vermello; para as ideas principais, un trazo sinxelo vermello; para as ideas secundarias, cor azul; e para os detalles, unha liña descontinua azul.

Realizar unha lectura colectiva do epígrafe 2 da páxina 76, Os cambios físicos, e pedir aos alumnos que subliñen con cores diferentes a idea principal e as secundarias. Despois, invitar a algúns alumnos a que mostren os seus textos e corrixilos entre todos.

Ao final da práctica, propoñer unha posta en común en que os alumnos reflexionen sobre a utilidade desta técnica. Guiar os seus comentarios con preguntas como: Por que é interesante utilizar distintas cores para subliñar?, para que tipo de temas pode ser útil?, é máis fácil repasar un tema subliñando con distintas cores?, por que?

- Para empezar o desenvolvemento da lección das páxinas 78 e 79, Os cambios de estado, pedir aos alumnos que expliquen como cambia unha paisaxe de montaña ao longo das estacións. Dirixir a descrición cara aos estados en que se atopa a materia e os cambios de estado que se producen ao longo do ano. Preguntar tamén que é o que provoca eses cambios de estado e se son reversibles ou non.

- Preguntar aos alumnos de onde veñen o orballo ou a xeada que aparece no campo pola mañá. Explicar logo que tanto a auga do orballo coma a da xeada proceden do vapor de auga que contén o aire. En función da temperatura, o vapor de auga convértese en auga líquida (orballo) ou en auga sólida (xeada).

- Os alumnos xa estudaron os cambios de estado. Pero moitos non saben que pasa, por exemplo, cando se evapora a auga dun charco ou se seca a roupa. Comentar que a materia non desaparece nestes cambios de estado, senón que o líquido se transforma nun gas que non pode percibirse e que se disolve no aire. Poñer algún exemplo que sirva para mostrar que o aire ten vapor de auga disolto.

- Se o profesor o cre conveniente, formular as seguintes preguntas:

- Que é un cambio de estado?

- Como se producen os cambios de estado?

- Que tipos de cambios de estado hai?

- Realizar a seguinte experiencia en clase. Coller tres panos de papel e botar en cada un deles unha pinga de auga, unha pinga de alcohol e unha pinga de acetona, respectivamente. Despois, preguntar:

- Que sucede ao cabo dun tempo?

- Que líquido se evapora máis axiña?, por que?

- Pedir aos alumnos que copien o primeiro parágrafo do epígrafe 3 da páxina 79, Características dos cambios de estado, sinalando nel os pronomes persoais que atopen. Despois, invitalos a substituír os suxeitos das oracións polos pronomes persoais adecuados.

- Contar aos alumnos que o astrónomo e físico italiano Galileo Galilei (1564-1642) está considerado como o pai da ciencia moderna, xa que foi o primeiro que empregou o método científico, é dicir, o método experimental: calquera cousa que se afirma no terreo da ciencia debe ser verificada pola experiencia.

Galileo foi un gran inventor, que ideou entre outros aparellos o telescopio. Tamén foi o creador do primeiro termómetro. O seu instrumento estaba formado por unha bóla oca de vidro cun tubo conectado a ela. No interior da bóla e do tubo había aire, que se expandía ao ser quentado. O extremo do tubo somerxíase nun recipiente cheo de auga coloreada. Cando se apoiaba a man ou calquera obxecto quente na bóla, o aire contido no seu interior quentábase e expandíase, empuxando a auga do tubo cara abaixo. O cambio de altura na auga do tubo indicaba o quentamento do aire.

Este termómetro era moi pouco preciso, pero a idea en que se basea, a dilatación dos corpos ao quentarse, conduciu ao desenvolvemento dos actuais termómetros, moito máis exactos e elaborados.

- Propoñer aos alumnos a seguinte experiencia de cálculo de densidades.

Recordarlles que a densidade dun corpo é a relación que existe entre a súa masa e o seu volume. Calculala é moi sinxelo.

Materiais:

- Bólas de diferentes materiais: cristal, ferro, chumbo, aluminio, plástico, papel, etc.

- Pequenos obxectos de materiais distintos: un lapis, diversas pedras, un xoguete de madeira…

- Probeta graduada, balanza e calculadora.

Procedemento:

1. Para calcular a súa densidade, é necesario saber o volume destes obxectos. Para facelo, indicar aos alumnos que sigan o procedemento que se detalla no epígrafe Saber Facer da páxina 81, empregando a probeta graduada ou o vaso de medir.

2. Calcular a masa dos distintos obxectos pesándoos na balanza.

3. Dividir a masa de cada obxecto polo seu volume. O valor obtido será a densidade.

- Antes de realizar as actividades do apartado Aprendín das páxinas 82 e 83, recordar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. Se o profesor o considera conveniente, pode ditalas para que as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- Todos os corpos sólidos, líquidos e gasosos están feitos de materia. A materia está formada por átomos.

- As propiedades xerais da materia son a masa e o volume; as propiedades características son o brillo, a densidade, a cor, o olor, etc.

- A materia pode sufrir cambios químicos e físicos. Cambios físicos son a fragmentación, a dilatación, o movemento ou os cambios de estado. Cambios químicos son a oxidación, a combustión ou a putrefacción.

- Os sólidos teñen forma e volume constantes; os líquidos teñen volume constante e forma variable; e os gases teñen forma e volume variables.

- Os cambios de estado prodúcense quentando ou arrefriando os corpos. Os máis importantes son: fusión, que é o paso de sólido a líquido; solidificación, o paso de líquido a sólido; vaporización, o paso de líquido a gas; condensación, o paso de gas a líquido; e sublimación, que é o paso de sólido a gas.

- Dividir a clase en tres grupos. Cada grupo dedicarase a un proxecto: a materia e as súas propiedades, os cambios da materia e os cambios de estado. Suxerir aos alumnos que realicen unha colaxe imaxinativa na cal se resalte o aprendido de xeito visual mediante debuxos, fotografías, recortes, pezas de obxectos… Cada grupo presentará a súa colaxe ao resto dos alumnos e estes deberán explicar o que ven. Ao final, facer as seguintes preguntas:

- Que vos gustou máis desta unidade?

- Lembrades as ideas principais da unidade?

- Que descubristes?

- Realizar cos alumnos a seguinte experiencia para medir a masa, o volume e a densidade.

Materiais:

- Un acuario con auga.

- Pelotas de distintos materiais: plástico, tenis, aceiro, etc.

- Balanza e regra.

Procedemento:

1. Agrupar as esferas pola súa masa. Utilizar a balanza para facelo.

2. Tras medilas coa regra, agrupalas por tamaño en grandes e pequenas.

3. Calcular a densidade de cada material.

4. Ir probando no acuario todos os materiais, anotando cales flotan e cales non.

5. Por último, completar un cadro como o seguinte:

|CORPO |MASA (g) |TAMAÑO |FLOTA (si/non) |DENSIDADE |

|Pelota de plástico | | | | |

|Pelota de cristal | | | | |

|… | | | | |

| | | | | |

| | | | | |

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación ambiental

- A propósito da lectura que abre a unidade, falar sobre as graves consecuencias que para a saúde dos ríos e dos mares ten o vertido de augas residuais contaminadas, e a necesidade dun proceso de depuración para evitar a morte de plantas e animais. Así mesmo, facerlles ver que eles poden contribuír a paliar o problema se teñen un comportamento adecuado ca auga que utilizan. Por exemplo, non tirar polos desaugadoiros aceites, pinturas, disolventes, residuos sólidos, etc.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Sabe que é a materia e como está formada por átomos.

• Distingue entre substancias puras e mesturas, e coñece a diferenza entre mesturas homoxéneas e heteroxéneas.

• Coñece e define as propiedades xerais da materia.

• Aprende os tipos de cambios da materia e explica algúns deles, tanto físicos coma químicos.

• Entende os cambios de estado da materia e explica os máis importantes.

• Comprende a necesidade de reciclar os materiais.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 7: A TERRA, O NOSO PLANETA

OBXECTIVOS

• Describir a atmosfera terrestre, coñecer as súas características e enumerar as capas que a forman.

• Diferenciar algúns dos fenómenos atmosféricos.

• Explicar a importancia da atmosfera para a vida no noso planeta.

• Identificar a hidrosfera e describir o ciclo da auga.

• Saber que é a xeosfera e enumerar as súas partes.

• Explicar que é unha roca e identificar algúns tipos de rochas.

• Recoñecer os cambios que se producen na superficie da Terra.

• Explicar a importancia que ten a auga e o vento no modelado do relevo.

CONTIDOS

Conceptos:

• A atmosfera.

• A hidrosfera.

• A xeosfera.

• Os tipos de rochas.

• Os cambios da superficie terrestre.

Procedementos:

• Observación e interpretación de imaxes.

• Realización de esquemas de procesos.

• Aplicación de estratexias para a solución de problemas.

Actitudes:

• Interese por coñecer como é o planeta Terra.

• Preocupación por manter a atmosfera sen contaminación.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 7 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto O planeta azul. A continuación, propóñense dúas actividades: na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura; e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: A atmosfera, A hidrosfera, A xeosfera e Os cambios da superficie terrestre o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito coma gráfico. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras que teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina de actividades, estas clasifícanse nos apartados Comprender, Razoar, Aplicar e Opinar. Na segunda páxina de actividades preséntase o apartado Saber facer, onde se inclúe a actividade de carácter procedemental Construír un modelo.

Como peche da unidade 7 suscítase outra dobre páxina de actividades baixo o título Aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Un esquema sobre o planeta Terra mediante o cal se organizan os coñecementos.

- Varias cuestións cuxo obxectivo é reforzar aqueles contidos da unidade que todos os alumnos deben coñecer.

- O apartado Infórmome e escribo, onde os alumnos deben elaborar un póster sobre o ciclo da auga.

- O breve texto Menos fumes, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autorreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

4.ª semana de xaneiro e 1.ª semana de febreiro.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5.

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 15, 16 e 17 de reforzo.

- Ficha 7 de ampliación.

- Ficha 7 de control.

- Recursos na rede:

- Auga e aire.

http:viewindex.asp?pageMs=4854&ms=

Experiencias divertidas para aprender moitas cousas sobre a auga e o aire.

- Augas subterráneas.

http:

Ploppy, unha simpática pinga de auga, descóbrenos o mundo das augas subterráneas.

- Rochas e minerais de Galicia.



Información sobre os minerais e as rochas de Galicia a través de mapas e fotografías.

- Tarefas de Ciencias Naturais.

- O Sistema Solar e a Terra.

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- Antes de ler o texto da páxina 85, O planeta azul, suxerir aos alumnos que observen fotografía inicial. Dirixir a súa observación e pedirlles que se fixen na forma e nas cores dos continentes, dos océanos, das nubes… Despois, preguntar:

- Desde onde pode estar tirada a fotografía?

- Que elementos podemos ver nela?

- En que estado se atopa cada un deses elementos?

- Que cor predomina?

- É a Terra unha esfera perfecta? Que forma ten?

- Propoñer aos alumnos que elaboren un esquema do noso planeta visto desde o espazo e que debuxen unha persoa no polo Norte e outra no polo Sur.

- Para introducir o tema desta unidade, pedir aos alumnos que indiquen en que parte da Terra poderíamos topar os seguintes elementos.

- A auga dun río.

- As rochas dunha montaña.

- A area da praia.

- O aire que respiramos.

- As nubes.

- A auga do mar.

- Aproveitar que no texto que abre a unidade (páxina 85) se fala da figura de Yuri Gagarin para transmitir aos alumnos a necesidade de realizar as súas tarefas con enerxía e entusiasmo. Explicarlles que as persoas enérxicas e entusiastas son as que se senten impulsadas a actuar e a transformar a realidade, e que grazas a elas o mundo progresou.

- Para estimular e espertar este tipo de actitudes nos alumnos o profesor pode, entre outras cousas, suscitarlles retos creativos, facerlles sentir que son protagonistas das súas propias aprendizaxes, e animalos a participar de forma activa e positiva nas actividades que se vaian suscitando na aula.

- Os alumnos xa coñecen de cursos anteriores o ciclo da auga. Por iso, para introducir esta unidade dunha forma diferente, o profesor pode propoñerlles que, por grupos, escriban unha obra teatral con monicreques representada por unha pinga de auga.

Os monicreques pódenos confeccionar con calcetíns, cartolina, anacos de tea ou doutro material fácil de traballar.

Despois de escribir os textos e elaborar os monicreques, cada grupo representará na clase a súa particular forma de ver e entender o ciclo da auga na natureza.

- Outra forma de introducir o tema desta unidade é proxectar unha película. Son moitos os filmes cuxa temática xira en torno a catástrofes naturais. Por exemplo, Twister, Terremoto ou Viaxe ao centro da Terra, baseada na novela de Jules Verne.

- Para introducir a lección das páxinas 86 e 87, A atmosfera, comentar algunha noticia recente sobre unha catástrofe relacionada cos fenómenos atmosféricos (por exemplo, un furacán). Por medio desta conversación, estimular aos alumnos para que describan distintos fenómenos atmosféricos: unha tormenta, as choivas máis fortes que vivisen, unha nevada, un temporal de vento, etc.

- Para detectar as ideas que os alumnos teñen sobre algúns dos conceptos que aparecen nas páxinas 86 e 87, pedirlles que, nunha folla de papel, contesten brevemente ás seguintes preguntas: Que é a atmosfera?, de que está composta a atmosfera?, que son os fenómenos atmosféricos? Recoller as follas, introducilas nunha carpeta e explicar que ao final da lección comprobarán entre todos se as súas respostas foron correctas.

- Se o profesor cre conveniente, explicar a importancia da atmosfera para os seres vivos, pois o seu papel protector e amortecedor de temperaturas garante a continuidade da vida no planeta. O seu contido en osíxeno, por exemplo, débese á intensa actividade fotosintética das algas e das plantas. E, á súa vez, ese contido posibilita a existencia da inmensa maioría dos seres vivos.

- Preguntar aos alumnos:

- Que é a atmosfera?, e o aire?

- Cal é o gas máis importante que contén a atmosfera?

- Que tipo de precipitacións se poden observar nas fotografías da páxina 87?

- Houbo esta semana precipitacións deste tipo na nosa localidade?, cal?, que pasou?

- Contar aos alumnos que, desde sempre, o home quixo voar como os paxaros. Para iso, realizou innumerables inventos con mecanismos que substituían as ás ou ben con aparellos que permitían ascender.

En 1782, os irmáns Montgolfier inventaron o primeiro globo, que ascendeu polo aire e alcanzou unha altura de 500 metros. O sistema que utilizaron foi o mesmo que hoxe se emprega para os globos comerciais e deportivos: prender lume nun cestiño e quentar o aire contido dentro do globo; deste xeito o aire expándese, faise máis livián que o aire frío e o globo ascende. Ao ano seguinte fíxose a primeira viaxe con seres vivos: un galo, un parrulo e unha ovella; pouco tempo despois, os globos foron tripulados por persoas. Restaba entón atopar o modo de dirixir o rumbo dos globos. En 1852, o enxeñeiro francés Henri Giffard construíu un aeróstato e, cara a fins do século XIX, o conde alemán Ferdinand von Zeppelín construíu un dirixible de aluminio. Neses anos, cun globo meteorolóxico equipado con instrumental para medir as condicións climáticas, chegou a ascender ata os 18.000 metros e rexistrou unha temperatura de sesenta graos baixo cero.

Na actualidade, os observatorios meteorolóxicos utilizan globos con instrumental para sondar as condicións da troposfera.

- Para introducir a lección das páxinas 88 e 89, A hidrosfera, levar a clase un globo terráqueo e mostrar a zona do océano Pacífico comprendida entre Australia e a costa oeste de América, en que case todo o que se ve é auga. Reflexionar cos alumnos se non sería máis lóxico chamar ao noso planeta Auga e non Terra.

- Para afondar na importancia da auga, pedir aos alumnos que imaxinen e describan como sería a vida se só tivésemos auga para cociñar e beber.

- Utilizar o esquema do ciclo da auga da páxina 88 para repasar os cambios de estado deste elemento. Recordar conceptos como fusión (cando o xeo pasa a ser auga líquida), evaporación (cando a auga líquida pasa a ser vapor de auga), condensación (cando o vapor de auga pasa a ser auga líquida) e solidificación (cando a auga líquida pasa a ser xeo).

- Aclarar que as nubes están formadas por pequenas pingas de auga e non por vapor de auga.

- Ao finalizar a lección das páxinas 88 e 89, ademais das preguntas do libro, o profesor pode formular as seguintes:

- En que lugares podemos atopar auga no planeta?

- Que é a auga doce?

- Que son as mareas?

- Como chega a auga desde a superficie da Terra ata a atmosfera?

- Debuxar o ciclo da auga no encerado e pedir aos alumnos que o completen incluíndo as frechas do ciclo. Suxerirlles que distingan con cores as frechas que representan cambios de estado (evaporación da auga dos mares, fusión dos xeos, etc.).

- Suxerir a seguinte situación: «Se todos os seres vivos tomamos auga do medio e, ademais, as persoas gastamos auga en diversos usos, como é posible que siga habendo auga?». Guiar os seus comentarios no sentido de que a auga dos canos volve aos ríos ou respostas parecidas que lles permitan comprender que a auga do planeta está en constante movemento.

- Explicar aos alumnos que no noso idioma hai moitas expresións que conteñen a palabra auga. Por exemplo, «afogarse nun vaso de auga», «como auga de maio», «nadar entre dúas augas» ou «estar ca auga ao pescozo». Propoñerlles que busquen nun dicionario outras expresións que conteñan esta palabra e que expliquen o seu significado.

- Contar aos alumnos que, na Antigüidade, a auga se consideraba un elemento simple, sen mestura algunha. Ata hai relativamente pouco descoñecíase que, en realidade, se trata dunha substancia composta de osíxeno e hidróxeno.

Dous científicos foron os responsables de determinar a estrutura da auga.

- Henry Cavendish (1731-1810) consagrou a súa vida ao estudo da Química. Dedicouse a medir e a calcular, pero non se preocupou demasiado por interpretar os seus achados. En 1776 descubriu un gas, o hidróxeno, e chamouno aire inflamable. Ao queimalo no aire, advertiu con sorpresa que obtiña auga.

- Antoine-Laurent Lavoisier (1743-1794) foi o primeiro en investigar cun verdadeiro método científico, e das súas observacións puido extraer deducións moi interesantes. Determinou a composición da auga non só por síntese senón por análise, e deu o nome de hidróxeno ao aire inflamable de Cavendish.

- Para introducir a lección das páxinas 90 e 91, A xeosfera, pedir aos alumnos que sinalen onde hai rochas no contorno. Probablemente non mencionarán as que hai no subsolo, debaixo dos edificios, nin tampouco revestindo as paredes dalgúns edificios. Chamarlles a atención sobre o feito de que os materiais de construción máis importantes proveñen das rochas, e de que estas son as que forman o chan que pisamos. Aínda que non recoñezan a area como rocha, explicar que aquela non é máis que unha acumulación de pequenos anacos de rochas.

- Unha forma de explicar as partes da xeosfera é comparala cun ovo cocido. Indicar que o ovo enteiro é a xeosfera. A continuación dividir o ovo en dúas metades. Sinalar que a casca do ovo sería a codia; a clara, o manto; e a xema, o núcleo.

- Preguntar aos alumnos :

- Que é a xeosfera?

- Como se chama a capa externa da xeosfera?

- Que diferenza hai entre unha rocha e un mineral?

- Como se forman as rochas ígneas?

- Pedir aos alumnos que realicen un esquema cos grupos nos que se dividen as rochas atendendo á súa orixe. O profesor pode suxerirlles, ademais, que o completen con fotografías de rochas de cada un dos tres grupos.

- Suscitar a seguinte situación: «Dous amigos recolleron mostras de rochas. Un deles afirma que as rochas pertencen á xeosfera. O outro di que pertencen á codia». Cal ten razón? Por que? (Ambos amigos teñen razón porque a codia forma parte da xeosfera.)

- Animar os alumnos a realizar unha investigación sobre a importancia dos minerais e as rochas na súa Comunidade Autónoma. Para iso, pedirlles que busquen información que trate de responder ás seguintes preguntas.

- É importante a actividade mineira na túa Comunidade?

- Coñeces algún mineral ou algunha rocha da túa Comunidade que se obtivese no pasado e tamén na actualidade?, cal?

- Cales son os minerais ou as rochas que teñen maior importancia económica actualmente? A que usos se destina eses minerais?

- Propoñer aos alumnos elaborar con plastilina de diferentes cores un modelo de xeosfera coas súas diversas capas.

- Explicar aos alumnos en que consiste a técnica de aprendizaxe de poñer palabras en negriña.

Comentarlles que un modo de destacar os contidos ou datos relevantes nun texto é empregar un tipo de letra denominada negriña na linguaxe tipográfica.

Xeralmente, utilízase este tipo de letra para sinalar os títulos, para destacar definicións e os conceptos máis relevantes dun texto, ou ben ao principio de cada novo parágrafo para indicar o seu contido, etc.

Pedir aos alumnos que pechen os seus libros e ditarlles o texto do epígrafe 2, As partes da xeosfera (páxina 90).

A continuación, indicarlles que subliñen as palabras que eles consideren que deben destacarse. Despois, preguntar a varios deles as palabras que subliñaron e pedirlles que expliquen por que o fixeron así.

Para finalizar a actividade, animar os alumnos a que lean o texto orixinal e que o comparen co seu. Por último, preguntarlles por que cren eles que se destacaron esas palabras e non outras.

- Para introducir a lección das páxinas 92 e 93 pedir aos alumnos que observen as fotografías da páxina 93. Despois, preguntar: Que diferenzas hai entre as tres fotografías? Que lugar de Galicia coñecedes que se pareza a algunha destas fotografías? Foron sempre así estas paisaxes? Nunca sufriron cambios? Que cousas fan que as paisaxes cambien?

- A propósito da fotografía 2, páxina 92, do volcán Teide, explicar aos alumnos que a orixe do arquipélago canario é volcánico. Isto significa que as rochas que o forman son de tipo ígneo na súa gran maioría. Na Península e en Baleares os terreos volcánicos son escasos, e non manifestan actividade como en Canarias. Contar que esta peculiaridade fai ás illas Canarias únicas e, por iso, é necesario fomentar a súa conservación.

- Pedir os alumnos que indiquen cales dos seguintes fenómenos poden cambiar lenta ou rapidamente a paisaxe dun lugar:

- Os ríos.

- O mar.

- A neve que cae no inverno.

- Un volcán en erupción.

- Un terremoto.

- O vento.

- Dividir os alumnos en grupos e suxerirlles que elaboren unha maqueta dun volcán. Indicarlles que utilicen unha táboa de 20 x 30 centímetros, un tubo de papel de cociña, plastilina de cor marrón e vermella (para a lava). Sinalar que identifiquen as distintas partes do volcán: cráter, cono e a cheminea.

- Propoñer aos alumnos unha investigación sobre algunha forma do relevo curiosa e característica da súa Comunidade. Deben atopar datos para describir esa forma do relevo, así como referencias que expliquen a súa orixe e mencionen a súa composición rochosa, etc. Comprobar se saben exactamente que datos necesitan buscar e se relacionan correctamente os datos obtidos cos contidos do tema que acaban de estudar.

- Suxerir aos alumnos que falen sobre algunha paisaxe que coñezan (unha ría, un cantil, unha praia, unha serra, etc.). Avaliar a súa capacidade de expresarse oralmente, explicando e describindo adecuadamente esa paisaxe.

- Explicar aos alumnos que tsunami é a palabra xaponesa utilizada para denominar ás ondas mariñas de orixe sísmica. Literalmente, significa «ondas do porto». Trátanse de grandes ondas xeradas por un terremoto submarino, ou maremoto, cando o solo do océano bascula durante o tremor ou se producen corrementos de terra. A maioría dos tsunamis orixínanse ao longo do chamado Círculo de Fogo, unha zona de volcáns con importante actividade sísmica de 32.500 km de lonxitude que rodea o océano Pacífico.

Un tsunami pode viaxar centos de quilómetros por alta mar e alcanzar velocidades en torno aos 725 ou 800 km/h. A onda, que no mar pode ter unha altura de só un metro, convértese subitamente nun muro de auga de 15 metros ao chegar as augas pouco profundas da costa, e é capaz de destruír canto atope nela.

Un dos tsunamis máis devastadores, que causou miles de vítimas, foi o que se produciu no océano Índico o 26 de decembro de 2004. Os países máis afectados foron Indonesia e Tailandia, no continente asiático, aínda que os efectos chegaron a sentirse en zonas situadas a miles de quilómetros, como en Somalia, un país situado en África.

- Propoñer aos alumnos a seguinte actividade sobre a distribución da auga no planeta Terra.

Con esta actividade, os alumnos comprobarán graficamente que cantidade de auga potable dispoñemos no planeta.

Materiais:

- Contagotas

- Catro vasos de plástico transparente

- Auga

- Catro etiquetas adhesivas

Procedemento:

1. Formar grupos de catro alumnos e pedirlles que escriban nas etiquetas os seguintes títulos: augas continentais (lagos e ríos), glaciares, océanos e total.

2. Pegar as etiquetas nos vasos, indicarlles que co contagotas boten 100 gotas de auga no vaso de total. Este vaso representa o auga da Terra.

3. Depositar a cantidade de gotas que lle corresponda a cada vaso, partindo da seguinte información:

Augas continentais ( 1 gota

Glaciares ( 3 gotas

Océanos ( 97 gotas

4. Finalmente, propoñerlles comparar os vasos e falar na clase sobre por que se debe coidar a auga dos ríos e lagos.

- Antes de realizar as actividades do apartado Aprendín das páxinas 96 e 97, recordar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. Se o profesor o considera conveniente, pode ditalas para que as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- A atmosfera, que é a capa de aire que rodea a Terra, contén o osíxeno necesario para a respiración dos seres vivos e o dióxido de carbono que empregan as plantas na fotosíntese.

- Na atmosfera distínguense varias capas: a troposfera, que é onde se desenvolve a vida e se producen os fenómenos atmosféricos; a estratosfera; e a capa de ozono.

- A hidrosfera é o conxunto das augas do planeta.

- O ciclo da auga comprende os cambios de estado e de posición que experimenta a auga na Terra.

- A xeosfera é a parte sólida da Terra. As súas partes son: codia, manto e núcleo.

- As rochas, que están compostas por minerais, son os materiais naturais que forman a codia terrestre. As rochas poden ser: sedimentarias, ígneas e metamórficas.

- Os volcáns son lugares polos que sae á superficie o magma do interior da Terra.

- Os terremotos son movementos da codia terrestre producidos polas forzas internas da Terra.

- A auga e o vento modifican a superficie terrestre mediante a erosión, o transporte e a sedimentación.

- Unha vez finalizado o estudo desta unidade, o profesor pode realizar unha posta en común cos alumnos sobre os seus contidos. Con iso preténdese que se afagan a expresar as súas opinións libremente, respectando as dos demais. Ao mesmo tempo, o profesor poderá valorar o interese espertado pola unidade e cales son as cuestións que máis atraeron a súa atención.

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación para a saúde

- Explicar como nas grandes cidades ou en sitios pechados as persoas respiramos aire contaminado producido polo fume dos coches, das calefaccións, do tabaco… Insistir en que sempre que sexa posible debemos evitar sitios nos que haxa persoas fumando, xa que ao respirar ese fume nos convertemos en fumadores pasivos e podemos desenvolver enfermidades relacionadas co aparello respiratorio.

- Explicar aos alumnos o impacto ambiental producido polas explotacións mineiras. Pedirlles que eles mesmos xulguen a alteración do ambiente que supón a instalación destas explotacións.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Sabe que é a atmosfera terrestre e coñece as súas características e a súa estrutura.

• Diferencia os fenómenos atmosféricos máis relevantes.

• Explica a importancia da vida.

• Comprende a importancia da atmosfera para a vida no noso planeta.

• Sabe que é a hidrosfera e describe o ciclo da auga.

• Explica que é a xeosfera e identifica as súas partes.

• Sabe que é unha rocha e recoñece os distintos tipos de rocha.

• Recoñece os cambios que se producen na superficie da Terra.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 8: O RELEVO

OBXECTIVOS

• Definir o concepto de relevo.

• Recoñecer as montañas e as chairas como formas do relevo.

• Coñecer o relevo de España.

• Identificar as distintas formas do relevo de Galicia.

• Definir o concepto de costa.

• Distinguir os tipos de costa e os accidentes costeiros.

• Coñecer as características da costa de España.

• Obter información xeográfica a partir de diferentes documentos visuais.

• Reflexionar sobre a necesidade de conservar o medio natural.

CONTIDOS

Conceptos:

• O relevo: concepto, montañas e chairas.

• Montañas e chairas de España.

• A costa: concepto, tipos, accidentes.

• A costa de España.

• O relevo de Galicia: montañas, terras baixas e costa.

Procedementos:

• Lectura comprensiva de textos informativos.

• Observación e interpretación de mapas, ilustracións e fotografías.

• Organización de información en esquemas.

Actitudes:

• Responsabilidade na conservación do medio natural.

• Interese por coñecer a Xeografía de España e de Galicia.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 8 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto A nova autoestrada. A continuación propóñense dúas actividades: na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura; e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: O relevo, O relevo costeiro e O relevo de Galicia o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito coma gráfico. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras que teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina das actividades, estas clasifícanse nos apartados Comprender, Razoar, Aplicar e Opinar. Na segunda páxina de actividades preséntanse no apartado Saber facer, onde se inclúe a actividade de carácter procedemental Elixir un itinerario.

Como peche da unidade 8 suscítase outra dobre páxina de actividades baixo o título Aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Un esquema e unha descrición sobre o relevo da Comunidade Autónoma.

- O apartado Infórmome e escribo, onde os alumnos deben realizar unha descrición por escrito dunha paisaxe.

- O breve texto Coidemos o medio natural, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autorreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

2.ª e 3.ª semana de febreiro.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5.

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 18 e 19 de reforzo.

- Ficha 8 de ampliación.

- Ficha 8 de control.

- Recursos na rede:

- Relevo de España.

.é/eos/MaterialesEducativos/mem2000/geografia/

Distintas actividades con mapas para recoñecer as principais formas do relevo español.

- Praias de Galicia.



Páxina de Turgalicia onde se pode buscar información, fotos e mapas das rías e das praias galegas.

- Actividades con mapas.

- Galicia.

- Atlas Escolar Primaria.

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- Antes de iniciar a lectura do texto da páxina 103, A nova autoestrada, traballar cos títulos da unidade e do texto propiamente dito. Pedir aos alumnos que relacionen as palabras relevo e autoestrada; que constrúan frases ou expliquen situacións que vinculen ambos conceptos. Se o profesor o cre conveniente, anotar algunhas das ideas no encerado, en especial, aquelas que estean relacionadas co relevo.

- Traballar coa fotografía que abre a unidade (páxina 102) e propoñer aos alumnos que a describan utilizando conceptos relacionados co relevo. Logo, pedirlles que expliquen como a autoestrada superou as dificultades do terreo neste caso. Aproveitar para recordar a diferenza entre os elementos naturais da paisaxe e os derivados da acción humana.

- Formar grupos que valoren a proposta do equipo de profesionais (ao que fai referencia o texto da páxina 103) tendo en conta o respecto ao medio natural. O profesor pode guiar as súas reflexións con preguntas como: Que transformacións sufriu a paisaxe natural?, como afecta a apertura do túnel na serra?, como inciden as pontes nos vales? Finalmente, pedirlles que escriban unha conclusión explicando a súa postura.

- Comente que o relevo inflúe, e moito, nas formas de vida dos habitantes dun lugar. Pode poñer un exemplo dunha poboación de montaña (por exemplo, Pedrafita do Cebreiro), os seus habitantes dedícanse á gandaría e á explotación da madeira. Nos meses do inverno adoitan pasar días incomunicados, debido ás nevadas. En cambio, os habitantes das vilas da costa, como por exemplo Sanxenxo, traballan en profesións relacionadas co mar e co turismo e son poboacións que están ben comunicadas.

- Aproveitar o apartado Falamos da páxina 103 para reflexionar cos alumnos sobre o que é a responsabilidade. Explicar que responsabilidade é a capacidade de dar resposta dos propios actos ante un mesmo e ante os demais. Para que os alumnos se fagan responsables hai que darlles oportunidades para selo, aínda que poidan cometer erros. Educar na responsabilidade implica: deixar espazo ao alumno para que tome as súas propias decisións; axudarlle, dándolle a información necesaria para que poida tomar unha decisión concreta; recompensarlle cando o faga ben e facerlle saber que se vai a aceptar o resultado da súa decisión, aínda que non se estea totalmente de acordo con ela.

- Se o profesor conta con alumnos que proveñen doutros países, pode iniciar o desenvolvemento desta unidade pedíndolles que traian fotografías dalgunhas paisaxe ou forma de relevo importante do seu país. Esas fotografías poden servir para crear murais ou se poden analizar do mesmo xeito que a que abre a unidade. Ademais, se hai algunha que achegue algún elemento pouco común, como os volcáns, pode dar pé a un afondamento sobre o tema.

- Se o profesor ten oportunidade, utilizar vídeos que amosen imaxes do relevo desde o aire ou desde a perspectiva dun escalador ou montañeiro. Deter a imaxe para que poidan apreciar as diferenzas entre, por exemplo, como se ve unha montaña desde o chan e como se aprecia desde o aire.

- Se o profesor coñece a algún ambientalista, topógrafo, arquitecto, enxeñeiro de camiños, xeógrafo ou algún outro profesional que poida estar relacionado co tema, invitarao a visitar a aula e a falar cos alumnos sobre como se desenvolve o seu traballo, cal é a súa función, cales son as súas ferramentas de labor, de qué xeito inflúe o relevo no exercicio da súa profesión, etc.

- Para empezar esta lección (páxinas 104 e 105) recordar aos alumnos que o relevo pode ser costeiro ou de interior e que, neste caso, imos estudar o de interior, é dicir, o relevo de montaña e de chaira.

- Aínda que os alumnos xa viron o tema do relevo noutros cursos, sería conveniente formular preguntas antes do inicio do tema para coñecer o seu nivel de coñecementos e saber os conceptos que teñen que reforzar.

- Para que os alumnos recoñezan as características de cada unha das formas do relevo, sería conveniente, a medida que se desenvolve a explicación, fixar a súa atención sobre a ilustración 2 da páxina 104, na que se mostran dunha forma clara e sinxela as distintas formas do relevo.

- Propoñer aos alumnos que observen a ilustración 2 da páxina 104 e que nomeen as formas de relevo que se poidan apreciar. Despois, pedirlles que identifiquen en qué partes da paisaxe hai asentamentos de poboación. A continuación, preguntarlles por que cren que as persoas elixen eses lugares para crear pobos ou cidades.

- Propoñer aos alumnos que elaboren un cadro para clasificar as formas do relevo propias de montaña e da chaira.

- Pedir aos alumnos que ordenen as seguintes formas do relevo segundo a altitude respecto ao nivel do mar: val, montaña, depresión, meseta e chaira.

- Escribir no encerado os principais picos de España e pedir aos alumnos que, tras unha observación atenta do mapa do relevo de España, relacionen cada pico con montaña ou sistema ao que pertencen.

- Explicar aos alumnos que un mapa do relevo é un tipo de mapas que representa as diferentes alturas do relevo dun lugar, que pode ser un país, unha Comunidade ou un pequeno territorio. Para analizar un mapa deste tipo débese prestar especial atención á lenda na que aparecen diferentes cores que indican, de maior a menor, as distintas altitudes.

Tamén se ha de prestar atención á escala, que nos indica a proporción existente entre o tamaño real do territorio representado e o tamaño que lle corresponde no mapa.

Pedir aos alumnos que observen o mapa da páxina 105. Despois preguntar:

- Que escala se utilizou no mapa? Que significa?

- De que cor se representaron as máximas altitudes do mapa? Que formas de relevo son: montañas ou chairas?

- Cal é o pico máis elevado? Onde se atopa?

- Que cor predomina no centro do mapa? E no norte? Que diferenzas hai no relevo destas dúas zonas?

Para finalizar esta actividade reflexionar cos alumnos sobre como lles pode axudar esta técnica de aprendizaxe (os mapas de relevo) a comprender o tema do relevo.

- Iniciar a lección das páxinas 106 e 107, O relevo costeiro, a partir da observación e a comparación entre as fotografías da costa alta e da costa baixa incluídas na páxina 106. Pedir aos alumnos que expliquen as semellanzas e as diferenzas entre as dúas paisaxes.

- Utilizar a ilustración 2 da páxina 106 para axudar os nenos a comprender as características que definen cada un dos accidentes costeiros. O profesor pode nomear un accidente, por exemplo, cabo e pedirlle aos alumnos que o localicen na ilustración e que digan unha palabra que describa como é. No caso de cabo poderían dicir: punta, frecha, triángulo… Logo, o profesor lerá a definición que aparece no libro.

- Traballar co mapa das costas de España da páxina 107 indicando aos alumnos o nome das Comunidades Autónomas que abarca cada zona costeira.

- Ademais das preguntas do libro, o profesor pode formular as seguintes:

- Como se chaman as baías que son moi pequenas?

- En que se diferencian unha illa dun arquipélago?

- Que é unha marisma?

- Pedir aos alumnos que observen o mapa de España da páxina 107 e propoñerlles que imaxinen unha viaxe por mar desde o cabo Matxitxako ata o cabo da Nave. Deberán identificar as zonas costeiras que atravesan e as súas características, e citar os accidentes costeiros que ven durante a viaxe.

- Contar aos alumnos que ao percorrer a costa dun país podemos contemplar variadas e fermosas formas do relevo: acantilados, rías, cabos, golfos, praias, etc. Pero, unha das máis belas paisaxes costeiras é a dos fiordes.

Os fiordes formáronse hai miles de anos polo ascenso das augas mariñas causado pola fusión dos xeos. Caracterízanse por ser montañas rochosas moi escarpadas, estreitas e profundas que se mergullan directamente na auga. Recentemente, a UNESCO incluíu na lista do Patrimonio Mundial os fiordes de Geirangerfjord e Naeroyfjord, en Noruega, cuxas alturas alcanzan os 1.400 metros sobre o nivel do mar e 500 metros por baixo do mar.

- Explicar aos alumnos que o fondo dos océanos é tan variado e ten tantos accidentes coma o relevo dos continentes. Un dos accidentes máis espectaculares son as foxas mariñas, tamén chamadas foxas abisais ou oceánicas, que son profundas incisións no fondo mariño. A súa profundidade é tal que superan a altitude das montañas máis altas do planeta como o Everest.

No océano Pacífico atópanse as foxas máis profundas como a Challenger, que alcanza os 11.033 metros, e a foxa das Marianas con 10.915 metros.

- Pedir aos alumnos que observen o mapa da páxina 108 que dá inicio á lección de O relevo de Galicia. Percorrer con eles o mapa de norte a sur e de leste a oeste e nomear as formas do relevo que van aparecendo.

Preguntar aos alumnos se visitaron algún dos lugares que foron nomeados. En caso afirmativo, animalos a que relaten a súa experiencia: que viron, que fixeron, por que foron alí, que lles chamou máis a atención…

- É importante que os alumnos non queden coa idea de que as unidades de relevo de Galicia acaban e empezan dentro dos límites desta. Por iso, sería interesante utilizar un mapa do relevo de España (pódense utilizar os que se inclúen no libro nas páxinas 108; ou o do Anexo da páxina 204) e ver de forma completa as zonas montañosas que conforman o noso relevo.

- Explique o significado das palabras setentrional, que está ao norte, e meridional, que está ao sur, como palabras que se empregan habitualmente en xeografía.

- Para traballar a localización das unidades do relevo de Galicia, realizar actividades nas que os alumnos teñan que investigar o nome dalgunhas formas do relevo de Galicia. Por exemplo:

- É o pico que está máis ao norte de Galicia.

- É o monte máis próximo á capital da Comunidade.

- É unha depresión que vai de norte a sur de Galicia ao longo de 150 km.

- Outra posibilidade son as actividades nas que os alumnos teñan que sinalar se unha afirmación é verdadeira ou falsa. Por exemplo:

- As rías son vales fluviais inundados polo mar.

- O cumio máis alto de Galicia está na costa.

- As serras de menor tamaño situadas ao leste de Galicia forman a Dorsal Galega.

- Propoña aos alumnos que realicen itinerarios utilizando a información do mapa. Por exemplo, se vives en Tui e queres chegar ao pico do Xistral, que unidades do relevo terás que atravesar?

- A propósito da escala do mapa, formular aos alumnos diferentes problemas. Por exemplo, «se un centímetro do mapa equivale a 22 quilómetros, a cantos quilómetros equivalerán tres centímetros?».

- Galicia é un país de relevo complexo, onde dominan as áreas inclinadas sobre as zonas chás. O terreo vai gañando altitude de leste a oeste, ou sexa, os terreos máis baixos están na costa e, a medida que imos cara ao interior, a altitude aumenta.

- A paisaxe galega é unha sucesión de vales e montañas, con predominio de ladeiras con pendentes habitualmente fortes, pero existen tamén pequenas depresións. A montaña, pois, é un elemento da paisaxe moi importante en Galicia; mesmo se di popularmente que «En Galicia, o que non é val é monte».

A costa galega

- Galicia é un país aberto ao mar e ten 1.309 km de liña costeira. En moitos tramos da costa galega alternan as zonas altas e rochosas coas baixas e areentas. Ás veces, as caídas da terra ao mar son impresionantes, como na Capelada, preto do cabo Ortegal, onde os cantís superan os 600 metros de altura, os máis elevados de Europa occidental.

- Elaborar o mapa físico de Galicia.

Materiais:

- Folios en branco.

- Rotuladores e lapis de cores (especialmente, marrón, laranxa, verde, azul e amarelo).

- Acetatos.

- Fotocopia do mapa da Comunidade Autónoma incluído na páxina 208.

Procedemento:

Dividir a clase en grupos de catro alumnos e entregar a cada un deles unha copia do mapa da Comunidade.

A continuación, propoñerlles calcar nun folio a silueta do mapa. Indicarlles que reproduzan nos acetatos, con rotuladores de cores, as diferentes unidades do relevo da Comunidade en función da altitude: as montañas, marróns; as mesetas, laranxas; as chairas, amarelas; os ríos, lagos ou lagoas, azuis..., e que inclúan unha lenda para explicar o contido do mapa.

Por último, facer que superpoñan os acetatos sobre o mapa.

- Antes de realizar as actividades do apartado Aprendín das páxinas 112 e 113, recordar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. Se o profesor o considera conveniente, pode ditalas para que as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- O relevo pode ser de montaña, de chaira ou de costa segundo as características que presente.

- O relevo de montaña é aquel no que se alternan montañas e vales.

- As chairas son grandes extensións de terreo liso e horizontal.

- O relevo de España é variado, cunha ampla Meseta Central rodeada de montañas.

- Galicia ten terras altas, con montañas suaves e redondas, e terras baixas, con vales fluviais, depresións e chairas. Na costa destacan as rías.

- As costas poden ser altas ou baixas, e nelas atopamos varios tipos de accidentes xeográficos.

- En España distínguense tres zonas costeiras: a costa cantábrica, a costa atlántica e a costa mediterránea.

- Propoñer unha reflexión de grupo sobre a utilidade práctica que ten o coñecemento do relevo. O profesor pode guiar os seus comentarios con preguntas como: Para que serve saber como é o relevo da nosa Comunidade? Con que actividades da vida cotiá se pode relacionar o relevo? En que momentos, traballos ou situacións pode ser útil saber onde o relevo é elevado, ou onde hai chairas…?

- Indicar aos alumnos como se din en inglés algunhas palabras desta unidade.

- montaña: mountain.

- chaira: flat.

- río: river.

- illa: island.

- costa: coast.

- mar: sea.

- Realizar cos alumnos a seguinte actividade e xogar a o preguntón do relevo.

Materiais:

- Fichas de cartolina de 10 x 5 cm.

- Dous dados.

- O libro de Coñecemento do medio.

Procedemento:

1. Entregar aos alumnos as fichas e pedirlles que escriban preguntas, e as súas respostas, relacionadas coa unidade.

2. Escoller a un alumno para facer de preguntón. El será o encargado de ler as preguntas e validar as respostas.

3. Formar grupos de catro alumnos. Cada grupo tirará os dados, e o que saque a puntuación máis alta será o que comece o xogo.

4. Poñer as tarxetas nunha caixa ou nunha bolsa e entregarlla ao preguntón. Este sacará unha tarxeta e fará a pregunta ao primeiro grupo. Se o grupo responde correctamente, o preguntón anotaralle dous puntos positivos. Se responde mal, anotará un punto negativo; e así sucesivamente, por orde, cos demais grupos.

5. O xogo finalizará cando se terminen as tarxetas. O grupo que acumule máis puntos será o que se proclame campión.

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación ambiental

- Aproveitar a lección das páxinas 104 e 105 para facer ver aos alumnos a importancia das formas do relevo, tanto polo seu valor natural coma polo goce que podemos facer delas respecto ao lecer, o divertimento, o relax e a práctica de deportes.

- Un dos grandes problemas que sofren as zonas costeiras son os vertidos de produtos tóxicos e de petróleo, que matan miles de animais non só mariños, senón os que viven do mar. Isto produce un desequilibrio ecolóxico enorme. Propoñer aos alumnos que opinen sobre as consecuencias destas accións e as medidas que tomarían para protexer as costas.

- Aproveitar as páxinas 110 e 111 para resaltar a gran diversidade do relevo español e as adaptacións que se produciron na forma de vida das persoas por mor destas diferenzas (montaña, chaira e costa).

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Identifica as formas do relevo.

• Recoñece e localiza as principais formas do relevo de España e de Galicia.

• Distingue tipos de costa e diversos accidentes costeiros.

• Identifica as zonas costeiras de España.

• Valora a información que brindan os mapas, os debuxos e as fotografías.

• Describe paisaxes utilizando o vocabulario adecuado.

• Admite a necesidade de conservar o medio natural.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 9: OS RÍOS, O CLIMA E O MEDIO NATURAL

OBXECTIVOS

• Coñecer as diversas formas nas que se pode encontrar auga na superficie da Terra.

• Definir río e distinguir os seus elementos.

• Identificar as vertentes hidrográficas de España e os seus trazos principais.

• Coñecer as características dos ríos de Galicia e sinalar os máis importantes.

• Explicar a diferenza entre tempo e clima e identificar as zonas climáticas do mundo.

• Sinalar os tipos de clima que hai en España.

• Coñecer o clima, a vexetación e a fauna de Galicia.

• Reflexionar sobre o consumo excesivo de auga.

CONTIDOS

Conceptos:

• Os ríos e os seus elementos.

• As características dos ríos e das augas de Galicia.

• O tempo e o clima.

• O clima, a vexetación e a fauna de España e de Galicia.

Procedementos:

• Lectura comprensiva de textos informativos.

• Observación e interpretación de mapas, de ilustracións e de fotografías.

• Interpretación dun gráfico de temperatura.

Actitudes:

• Valoración da auga como recurso natural imprescindible para a vida.

• Responsabilidade no consumo de auga.

• Valoración dos espazos naturais protexidos.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 9 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto Un temporal inesperado. A continuación suxírense dúas actividades: na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura; e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: Os ríos, Os ríos de Galicia, O clima e o medio natural e O clima e o medio natural da Galicia o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito coma gráfica. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras que teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina de actividades, estas se clasifícanse nos apartados Comprender, Razoar. Opinar e Aplicar. Na segunda páxina de actividades preséntase o apartado Saber facer, onde se inclúe a actividade de carácter procedemental Interpretar un gráfico de temperatura.

Como peche da unidade 9 suscítase outra dobre páxina de actividades baixo o título Aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Un esquema e un resumo sobre os ríos, o clima, a fauna e a vexetación de Galicia.

- O apartado. Infórmome e falo, onde os alumnos deben realizar unha exposición oral na que presenten un río.

- O breve texto A auga, un recurso valioso, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autorreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

4.ª semana de febreiro e 1.ª semana de marzo.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5.

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 20, 21 e 22 de reforzo.

- Ficha 9 de ampliación.

- Ficha 9 de control.

- Recursos na rede

- Instituto Nacional de Meteoroloxía.



Páxina na que se ofrece información sobre o tempo.

- Ministerio de Medio natural.



Páxina para coñecer os Parques Nacionais de España.

- Actividades con mapas.

- Galicia.

- Atlas escolar primaria.

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- Antes de iniciar a lectura da páxina 115, Un temporal inesperado, preguntar aos alumnos o que entenden por temporal ou as cousas que ocorren cando hai un temporal, se viron imaxes en televisión de temporais, etc.

- Tras a lectura, pedirlles que se poñan no lugar de Xavier e que expliquen que tempo vai. Despois, animalos a predicir o tempo que irá ao día seguinte. É importante que utilicen un vocabulario variado nas explicacións. Por exemplo, se vai calor, que especifiquen se é intenso ou suave; se o ceo está despexado ou anubrado, etc.

- Preguntar as catástrofes que poderían ocorrer se Xavier non advertise o temporal e as medidas que cren que se tomaron para evitar que o temporal ocasionase unha catástrofe.

- Pedir aos alumnos que reflexionen e que observen a roupa que visten segundo varían as temperaturas ou se chove; a roupa que se poñen para ir a clase tamén cambia.

- Aproveitar as actividades de expresión oral que se presentan ao longo da unidade para traballar as habilidades de comunicación. Interpretar un papel e comentar experiencias e sentimentos require que os alumnos se expresen de forma clara e estruturada, cun vocabulario específico e que fagan un bo uso do tempo dispoñible e dos recursos ao seu alcance. Fomentar estas habilidades, pois con elas os alumnos gañarán en seguridade en si mesmos, motivaranse máis e desenvolverán as súas capacidades de liderado.

- Formar grupos de catro alumnos. A continuación, escribir no encerado algunhas das palabras clave da unidade (río, curso, réxime, caudal, vertente, nacemento, desembocadura, clima, tempo, vexetación…). Cada grupo terá que escoller e definir catro desas palabras, buscando o seu significado no libro, en dicionarios... O grupo que o faga máis rápido e teña menos erros será o gañador.

- Presentar varios mapas do tempo e pedir aos alumnos que localicen e expliquen os símbolos meteorolóxicos máis usuais: sol, sol entre nubes, nube con chuvia, folerpa de neve… A continuación, propoñerlles inventar símbolos que se poidan utilizar para describir o tempo que fai ese día.

- Gravar un segmento do tempo de calquera telexornal. Velo cos alumnos e dicirlles que anoten a información máis relevante. Despois, realizar preguntas de comprensión. Segundo o meteorólogo, que tempo irá mañá?, cales serán as temperaturas máximas e mínimas?, teremos que utilizar o paraugas? Ademais, se o considera conveniente, pode pedirlles que identifiquen o tipo de imaxes e mapas que utilizou o meteorólogo. Polo xeral, adoitan ser imaxes feitas desde satélites e mapas do tempo.

- Propoñer aos alumnos que observen a fotografía 1 da páxina 116. Despois, animalos a que describan as tres imaxes e preguntar o que cren eles que é a auga que ven. Se din río, pedirlles que expliquen por que.

- Suxerir aos alumnos que expliquen en que se diferencian a auga dos ríos da auga do mar. Preguntarlles o que é a auga doce, de onde se obtén auga doce e para que se utiliza. Deste xeito os alumnos tomarán conciencia da importancia dos ríos.

- Elaborar un mural con fotografías dun mesmo río en distintas épocas do ano. A partir da súa observación o profesor poderá explicar os conceptos de caudal e réxime.

- Propoñer unha observación atenta do mapa da páxina 116 e explicar que as vertentes hidrográficas toman o seu nome dos mares e océanos nos que desembocan os ríos.

- Pedir aos alumnos que expliquen as diferenzas entre estas parellas de termos.

- Río e torrente.

- Encoro e lago.

- Caudal e réxime.

- Propoñer dúas palabras para que os alumnos expliquen a relación que teñen entre si. Por exemplo: caudal e precipitacións; curso e velocidade; embalse e canle.

- Anotar no encerado a definición das palabras vertente e hidrográfica. Explicalas e pedir aos alumnos que as utilicen en oracións para comprobar que comprenderon o seu significado.

- Escribir no encerado os nomes das tres vertentes hidrográficas e pedir aos alumnos que observen o mapa do libro da páxina 116. Deberán identificar os ríos que pertencen a cada vertente e escribilos no encerado onde corresponda.

- Contar aos alumnos que desde a Antigüidade, os ríos xogaron un papel fundamental no nacemento e desenvolvemento de pobos e civilizacións.

Fai miles de anos, uns 4.000 a. C., xurdiron as primeiras civilizacións en torno a ríos moi importantes. Así foi o caso de Mesopotamia ao redor do Tigris e do Éufrates; Exipto en torno ao Nilo; A India nas proximidades do Indo; e China ao redor dos ríos Amarelo e Azul.

Nestas zonas, as terras eran moi fértiles e fáciles de regar, o que permitiu un gran desenvolvemento da agricultura. Deste xeito podíase alimentar a máis cantidade de xente, polo que a poboación medrou. Así, pouco e pouco, naceron pequenas aldeas que co paso do tempo se converteron en cidades e algunhas delas fixéronse tan poderosas que crearon imperios.

Por exemplo, no imperio exipcio, o río Nilo tiña un carácter sagrado para os seus habitantes e servía de vía de comunicación para transportar persoas e mercancías. Ademais, os principais monumentos, Luxor, Karnak, Abú Simbel, e as sucesivas capitais de Exipto, como Menfis, Tebas e Alexandría, sempre estiveron preto do río Nilo.

- Pedir aos alumnos que observen o mapa de Galicia da páxina 118. Despois, indicarlles que identifiquen o río máis longo e o que cren eles que é o máis importante.

Para axudarlles a localizar o río máis importante, sinalar que, en xeral, nos mapas utilízanse letras maiúsculas para destacar a información máis relevante.

- Preguntar na clase se alguén estivo ou viu algún dos ríos que aparecen no mapa. En caso afirmativo, pedirlles que relaten a súa experiencia ou que expliquen o que lembran do río.

- Colocar no encerado un mapa físico de Galicia que inclúa o relevo e os ríos. Utilizalo para explicar a dirección en que corren os ríos e onde están situados os encoros e as lagoas tendo en conta as formas do relevo.

- Antes de falar sobre os ríos de Galicia, explicar que un afluente é un regato ou río secundario que desemboca nun río máis importante.

- Preguntar aos alumnos:

- Por que son curtos os ríos de Galicia?

- Por que son caudalosos os ríos de Galicia?

- Por que os ríos de Galicia pertencen á vertente atlántica ou á cantábrica?

- Pedir aos alumnos que ordenen estes ríos segundo a súa importancia e que sinalen de que ríos son afluentes e cal é o río principal: Avia, Tea, Ladra, Sil, Miño, Neira e Arnoia.

- Levar á clase noticias sobre o estado dos encoros de Galicia. Isto servirá para que os alumnos comprendan a importancia dos encoros no abastecemento de auga. Ademais, estes textos adoitan incluír gráficos que lles permitirán aos alumnos visualizar mellor a información.

Dicir aos alumnos que hoxe en día vemos como algo habitual que sobre o curso dalgúns ríos existan grandes presas que reteñen a auga. Con todo, a construción dunha presa ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes, polo que sempre hai posturas a favor ou en contra.

- A favor da presa pódese argumentar que permite a produción de enerxía hidroeléctrica, é dicir, electricidade a partir da forza da auga. E, ademais, unha enerxía limpa, polo que non contamina, e é renovable. As presas tamén se usan como reserva de auga para o consumo das persoas ou a rega dos campos.

- En contra da presa pódese argumentar que os encoros supoñen a inundación de grandes zonas e terreos, polo que se perde a vexetación e a fauna do lugar. Algúns lugares quedan inundados, polo que os seus habitantes teñen que abandonar os seus lugares de orixe forzosamente. A construción da presa pode xerar un novo microclima ao formarse un gran lago, co que a evaporización e a humidade aumentan. Ademais, os sedimentos que transportaba o río e servían de fertilizantes no curso baixo quedan retidos nas presas, polo que o solo se empobrece.

- Aproveitar os fenómenos como furacáns, tifóns e ciclóns, que adoitan espertar o interese nos alumnos, para introducir a lección das páxinas 120 e 121, O clima e o medio natural. O profesor pode utilizar fotografías ou vídeos que amosen algún destes fenómenos para motivar o estudo desta lección.

- Preguntar aos alumnos por que cren que é importante a predición do tempo, que actividades económicas o necesitan para planificar o traballo, etc.

- Levar á aula un globo terráqueo e sinalar onde está o ecuador. Aplicar lateralmente unha luz directa sobre el e facer ver aos alumnos que os raios máis perpendiculares chegan ao ecuador e soben e baixan ata os trópicos. Por último, explicar que nos polos fai tanto frío porque os raios do Sol chegan moi inclinados e quentan moi pouco.

- Propoñer diferentes situacións para que os alumnos as teñan que resolver. Por exemplo: «Lourenzo planea pasar as vacacións de Semana Santa na costa, nun pobo ao norte de España. Non sabe que roupa levar. Que cres que debería meter na maleta?».

- Propoñer distintas afirmacións a partir das cales os alumnos deban identificar o concepto de que se trata. Por exemplo:

- É un clima que se dá no interior de España. Os veráns son calorosos e as chuvias escasas.

- É un clima que se caracteriza porque non vai nin moito frío nin moito calor durante o ano e porque chove bastante.

- Contar aos alumnos, como dato curioso, que, nos últimos decenios, centos de especies animais desapareceron da Terra pola acción dos seres humanos. A caza indiscriminada para conseguir peles, consumir a súa carne ou obter outras partes do seu corpo que se consideran valiosas, como os cairos, puxeron en perigo a supervivencia de moitos animais.

Por esta razón, hai organizacións especializadas na conservación da natureza que están loitando para impedir que desaparezan do planeta estas especies de animais. Ademais, en moitos países creáronse parques nacionais ou rexionais para salvagardar o hábitat destes seres vivos.

Un dos casos máis singulares é o das tartarugas oliváceas, que estiveron preto da desaparición debido á acción dos cazadores furtivos, que as matan para extraer os seus ovos e vendelos como unha delicia alimenticia.

Desde hai uns anos, o Centro Mexicano da Tartaruga, apoiado por gardas armados, protexe as tartarugas oliváceas, o que permitiu que nazan nas praias do Pacífico e se mergullen no mar sen problemas.

- Para empezar o desenvolvemento da lección O clima e o medio natural de Galicia, páxinas 122 e 123, animar os alumnos a que describan o clima de Galicia. Preguntar se cren que é unha zona de moita ou pouca altitude, se chove moitos días ou poucos, se os veráns son calorosos ou frescos, se no inverno neva algunha vez. Despois, pedirlles que indiquen que clima, dos estudados na lección anterior, sería o máis característico de Galicia.

- Se hai oportunidade, visitar un parque ou espazo protexido de Galicia para que os alumnos observen a fauna e flora autóctonas.

- Sería conveniente repasar as características físicas de Galicia (unidades de relevo e principais ríos) de forma que os alumnos poidan ter unha visión global dos elementos que conforman a paisaxe do seu contorno.

- Propoñer aos alumnos realizar o mapa da fauna e flora de Galicia. Para iso, debuxar no encerado a silueta do mapa e formular preguntas do tipo: onde podemos encontrar carballos? O alumno que conteste correctamente saíra ao encerado e coloreará a zona en cuestión; e así sucesivamente con outras plantas e animais.

- Pedir aos alumnos que observen as fotografías da vexetación da páxina 122 e que as describan. Despois, poden relacionalas cos diferentes tipos de clima de Galicia

- Dividir a clase en grupos e pedirlles que debuxen a silueta do mapa de Galicia nunha cartolina. No mapa deberán sinalar, ademais dos principais accidentes xeográficos, montes e ríos, algunha das cidades máis importantes de Galicia. Nun folio aparte, debuxarán e pintarán os símbolos característicos dos mapas do tempo (soles, nubes, intensidade do vento…). Unha vez terminada a actividade, un membro do grupo explicará ao resto da clase o tempo que fará na Comunidade nos dous días seguintes á realización do exercicio. Para iso, poñerá sobre o mapa os símbolos que fagan referencia ás súas prediccións.

- Unha fonte para a información sobre o clima e o tempo pódese atopar no refraneiro popular, que é o resultado de séculos de experiencia. Hai refráns referente aos meses, como: «Xaneiro, claro e xeadeiro»; «En abril, augas mil e todas caben nun barril»; « Abril chuvioso saca a maio florido e fermoso»; «Por todos os Santos, neve nos altos»… Propoñer aos alumnos elaborar un refraneiro sobre o clima e o tempo.

- Explicar aos alumnos que, á hora de estudar temas que abundan en características de lugares ou conceptos, unha técnica de aprendizaxe interesante son os esquemas ou organizadores descritivos. Axudan a comprender mellor o texto e a repasar os trazos ou elementos esenciais.

Nun organizador descritivo, o tema vai no centro e as caixas que o rodean conteñen as características que se relacionan directamente con el.

Propoñer aos alumnos que elaboren un esquema descritivo dos climas de Galicia.

Unha vez finalizada a actividade, preguntar aos alumnos por que son útiles os esquemas descritivos e en que temas poden usalos.

- Se se ten oportunidade, levar os alumnos á aula de informática e propoñerlles que, nun buscador da Internet, escriban Espacios naturales protegidos de España.

Indicarlles que escollan a páxina oficial de Parques Naturais de España () e, logo, que seleccionen Otros espacios.

Alí poderán obter información dos espazos naturais da Comunidade.

Como complemento a esta actividade, o profesor pode suscitarlles escribir un informe sobre algún deses espazos protexidos.

- Comentar aos alumnos que, así como a lectura dun texto é un medio para informarnos e adquirir coñecementos, o traballo de campo permítenos aprender a «ler» unha paisaxe e analizala. Este é outro xeito de estudar as principais características dun determinado lugar.

Visitar cos alumnos un espazo natural da Comunidade e pedirlles que realicen unha observación en profundidade da paisaxe tendo en conta os coñecementos adquiridos nesta unidade e na anterior.

O traballo de campo consistirá en anotar, nun caderno, os trazos do lugar que consideren máis relevantes. A seguinte guía de preguntas pode servir para orientar o traballo dos alumnos:

- Onde está situado este espazo natural? Está no interior ou na costa?

- Que tempo vai ese día?

- Como é o relevo? Hai montañas? Son altas ou baixas? Como están os cumios?

- Hai algún río preto? Como é? Se hai un guía, pregunta onde nace, onde desemboca e que poboacións importantes atravesa ese río.

- Hai vexetación? Que detalles observas nela? Recoñeces algunhas plantas? Noméaas.

- Hai animais? Cales recoñeces?

- Antes de realizar as actividades do apartado Aprendín das páxinas 126 e 127, recordar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. Se o profesor o considera conveniente, pode ditalas para que as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- Os ríos son correntes continuas de auga.

- Nun río podemos distinguir tres elementos: caudal, curso e réxime.

- Os ríos de España pertencen a tres vertentes hidrográficas: cantábrica, mediterránea e atlántica.

- Os ríos galegos son curtos, caudalosos e pertencen ás vertentes cantábrica e atlántica.

- O río máis importante de Galicia é o Miño e o seu afluente o Sil.

- O tempo é o estado da atmosfera nun lugar e un momento dados. En cambio, o clima é o estado que presenta a atmosfera nun lugar ao longo de moitos anos.

- O planeta pódese dividir en tres zonas climáticas: cálida, temperada e fría.

- Os tipos de clima que hai en España son: atlántico, mediterráneo, subtropical e de montaña.

- Cada clima ten unha vexetación e unha fauna propias.

- En Galicia dáse o clima atlántico con distintas variedades: atlántico típico, atlántico de interior, case mediterráneo e atlántico de montaña.

- Propoñer aos alumnos que opinen sobre o traballo realizado na unidade. O profesor pode escribir dúas ou tres preguntas no encerado para que os alumnos as contesten nos seus cadernos. Por exemplo:

- Que cousas novas aprendestes nesta unidade?

- Que vos interesou máis? E menos?

- Sobre que cousas vos gustou afondar máis na unidade?

- Como podedes aplicar o aprendido a situacións cotiás?

- Comentar aos alumnos que as fotografías proporciónannos moita información, pois nos permiten apreciar múltiples aspectos dun elemento, unha paisaxe ou un feito. Por iso, sería interesante realizar a seguinte actividade.

- Organizar unha visita a un xardín botánico ou a un espazo natural da Comunidade e propoñer aos alumnos realizar unha reportaxe fotográfico sobre el.

- Formar grupos de catro alumnos nos que, polo menos, un dos integrantes ten unha cámara fotográfica.

- Asignar a cada grupo un obxectivo: plantas autóctonas, arbustos, árbores, etc.

- Despois da visita, e cando os alumnos teñan as súas fotografías, pedirlles que confeccionen unha revista na que obrigatoriamente deberán incluír: unha cuberta cun título que resuma o tema e unha imaxe ilustrativa e, nas páxinas interiores, as fotografías acompañadas de pequenos textos que describan a imaxe.

- Suxerirlles que se intercambien as revistas entre eles e que comenten o que máis lles gustou de cada unha delas.

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación ambiental

- Reflexionar cos alumnos sobre as consecuencias que teñen as accións humanas sobre o medio natural (por exemplo, a contaminación dos ríos). Deben de tomar conciencia da necesidade de alcanzar un equilibrio razoable entre o progreso e o medio natural, e colaborar para a preservación do seu contorno.

- Seguramente, os alumnos estarán familiarizados co concepto de cambio climático. Pedirlles que opinen sobre como cren que ese cambio está a afectar o clima do noso país (moita máis calor, moito máis frío). A partir das súas opinións, propoñer un debate sobre a contaminación ambiental e as súas posibles solucións.

Educación do consumidor

- Facer ver aos alumnos a necesidade de facer un consumo responsable da auga. Pedirlles que expliquen o que poden facer eles para aforrar auga.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Diferenza os elementos dun río.

• Distingue as características dos ríos segundo a vertente hidrográfica á que pertencen.

• Recoñece os ríos máis importantes que atravesan Galicia.

• Define tempo e clima.

• Diferencia os tipos de clima de España.

• Identifica as características do clima, a vexetación e a fauna de Galicia.

• Valora a función dos espazos naturais protexidos.

• Comprende a necesidade de aforrar auga.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 10: A POBOACIÓN

OBXECTIVOS

• Definir poboación absoluta, crecemento natural, densidade de poboación, migracións.

• Distinguir entre poboación urbana e poboación rural.

• Comprender por que a distribución de poboación non é uniforme.

• Coñecer a estrutura da poboación segundo o sexo e a idade.

• Identificar as causas das migracións e os seus tipos.

• Coñecer as características da poboación de España e de Galicia.

• Interpretar fotografías, mapas, esquemas e gráficos.

• Valorar a riqueza cultural que achegan as persoas que proceden doutros lugares.

CONTIDOS

Conceptos:

• A poboación.

• As migracións: causas e tipos.

• As características da poboación de España e de Galicia.

Procedementos:

• Observación e interpretación de mapas, ilustracións e fotografías.

• Interpretación dunha pirámide de poboación.

Actitudes:

• Respecto polas minorías, especialmente, polos inmigrantes.

• Valoración da diversidade étnica, relixiosa e cultural.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 10 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto Do campo á cidade. A continuación, suscítanse dúas actividades: na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura; e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: A poboación, Os movementos de poboación e A poboación da nosa Comunidade o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito coma gráfico. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras que teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina de actividades, estas clasifícanse nos apartados Comprender, Razoar, Aplicar e Opinar. Na segunda páxina de actividades preséntanse no apartado Saber facer, onde se inclúen a actividade de carácter procedemental Interpretar unha pirámide de poboación.

Como peche da unidade 10 suscítase outra dobre páxina de actividades baixo o título Aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Una ficha e un resumo sobre a poboación de Galicia.

- Unha ficha sobre a poboación de España.

- O apartado Infórmome e falo, onde os alumnos deben realizar unha entrevista a un inmigrante ou emigrante.

- O breve texto O valor da diversidade, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autorreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

2.ª e 3.ª semana de marzo.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5.

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 23, 24 e 25 de reforzo.

- Ficha 10 de ampliación.

- Ficha 10 de control.

- Ficha de Avaliación 2.º trimestre.

- Recursos na rede

- Instituto Nacional de Estatística.

ine.es

Portal no que aparecen todos os datos de poboación de España e das Comunidades Autónomas.

- A poboación.

ñecemento/poblacionhumana/index.html

Información e actividades sobre demografía.

- Actividades con mapas.

- Galicia.

- Atlas escolar primaria.

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- Antes de iniciar a lectura da páxina 129, pedir aos alumnos que observen a ilustración da páxina 128 e respondan á pregunta. Despois, animalos a que describan o lugar no que viven e que indiquen se é un pobo ou unha cidade e por que o saben. Aproveitar as súas opinións para que expliquen as diferenzas que hai entre o campo e a cidade: as casas, a xente, a paisaxe…

- Tras a lectura da páxina 129, realizar algunhas preguntas de compresión:

- Para o neno da lectura, cales son as vantaxes que ten vivir nunha cidade?

- E que inconvenientes?

- Por que se anoxou o neno cando lle comunicaron que ían vivir para a cidade?

- Por que son distintas as relacións entre as persoas que viven nunha aldea e as que viven nunha cidade?

- Suscitar os alumnos a seguinte cuestión: «O neno relata que ten compañeiros doutros países. A estas persoas denomínaas inmigrantes. É tamén o neno un inmigrante?, por que?». Pedir que razoen as súas respostas.

- Este texto trata sobre os movementos migratorios do campo á cidade, pero, hoxe en día, tamén se produce o efecto contrario: persoas da cidade que buscan alternativas laborais e de vida nas vilas e aldeas. Comentar cos alumnos esta situación e reflexionar con eles sobre os motivos que poden ter estas persoas para establecerse nas vilas e aldeas.

- Aproveitar as actividades do grupo para fomentar as habilidades de traballo en equipo. Os debates permiten expresar opinións, pero teñen regras que hai que cumprir. Por iso, hai que escoitar as achegas dos demais, comprender as reaccións dos outros e traballar con criterios de colaboración, o que nos permitirá resolver os conflitos de maneira respectuosa e civilizada.

- Outra forma de empezar esta unidade é mostrar fotografías de distintos tipos de persoas: meniños, anciáns, adultos, mozos, nenos, mulleres e homes de distintas razas… Iniciar o tema da unidade pedindo alumnos voluntarios que deberán clasificar as fotografías por sexo e por idade. Logo, explicar que unha forma de estudar as poboacións é organizándoas por sexo e por idade.

- A partir desas mesmas fotografías, o profesor pode propoñer aos alumnos que escriban unha historia sobre o que lles suxire unha das persoas que aparece nelas. Por exemplo, elixir unha fotografía dunha muller con trazos latinos e comentar: «Ela chegou a España hai pouco tempo. Procede dun país de América do Sur e veu a España porque aquí hai máis posibilidades de atopar un traballo ben remunerado». Esta actividade pode servir para introducir o tema das migracións e para reflexionar sobre a riqueza (cultural, económica…) que nos achegan ás persoas que veñen doutros países.

- Outra forma de iniciar a unidade é partindo da propia experiencia dos alumnos. Preguntar se algún deles chegou doutros sitios, tanto de España coma do estranxeiro. Pedirlles que conten a súa experiencia: de onde veñen, por que se mudaron, se volven de cando en vez ao seu lugar de orixe, que é o que máis lles gusta do lugar no que viven, que é o que menos, etc.

- En moitas cidades hai museos municipais nos que se mostra a historia da localidade. Para empezar o desenvolvemento da lección A poboación, (páxinas 130 e 131), e si se ten oportunidade, concertar unha visita cos responsables do museo e levar os alumnos para que coñezan o pasado e o presente da cidade en que viven.

- O profesor pode iniciar a unidade suscitando aos alumnos cuestións como estas: Como é a poboación de Galicia? Está pouco ou moi poboada? Onde vive a maior parte da poboación: en cidades, en vilas ou en aldeas? Cales son as principais cidades?

- Para introducir o traballo sobre a estrutura da poboación (epígrafe 5 da páxina 131), propoñer realizar un censo da clase. No encerado, escribir o número total de alumnos, e, por separado, cantas mozas e mozos hai. A partir destes datos, explicar o concepto de poboación absoluta e describir a estrutura da poboación da clase segundo o sexo. Se é posible, realizar este censo coas demais aulas de quinto para ter máis variedade de datos e poder comparalos.

- Pedir aos alumnos que observen as fotografías da aldea e mais da cidade da páxina 131. Preguntar: Cal dos dous sitios ten máis poboación? Cal dos dous estará máis densamente poboado? Por que? Cal terá un crecemento natural positivo? Por que? En cal predomina a poboación anciá?

- Ler estas definicións e pedir aos alumnos que digan o concepto de que se trata.

- Número de persoas que viven nun territorio.

- Cantidade de habitantes que vive en cada quilómetro cadrado.

- Poboación que habita nas aldeas.

- Practicar a fórmula da densidade de poboación cos alumnos. Para iso pódeselles dar os datos da poboación e do territorio dalgunhas Comunidades Autónomas e pedirlles que calculen a súa densidade.

- Explicar aos alumnos que os seres humanos estendémonos por todos os recunchos do planeta, pero existen grandes diferenzas de poboación entre os continentes, os países e as cidades.

Asia é o continente máis grande e nel viven máis de 3.800 millóns de persoas. Deste número, máis da metade habitan en China, con 1.500 millóns, e na India con máis de 1.000 millóns de persoas. En cambio, Oceanía é o continente con menos poboación, ao redor de 32 millóns de habitantes.

A densidade de poboación é sorprendente. Así, o país máis densamente poboado do mundo é un dos máis pequenos: Mónaco, que alcanza os 16.486 habitantes/km2, mentres que o menos densamente poboado é Mongolia, en Asia, con apenas 1,7 habitantes/km2. En canto ás cidades, as máis poboadas son: México D. F., Bombai e Nova York, con 18 millóns de persoas; Río de Xaneiro, con 15 millóns de persoas; e Toquio e O Cairo, con 12 millóns de persoas.

- Se hai oportunidade, invitar unha persoa inmigrante á clase para que explique os motivos do seu cambio de residencia. Se é un inmigrante interno, pedirlle que conte se vén dunha aldea ou dunha cidade e outros datos que se poidan asociar ás nocións básicas de poboación. Se é un inmigrante internacional: de que país vén, como é ese país e a súa xente, se aquí traballa ou estuda, se veu só ou coa súa familia, se se sente ben acollido ou non…

- Explicar aos alumnos que unha mesma persoa pode ser inmigrante e emigrante á vez.

- A propósito da fotografía do campo de refuxiados da páxina 132, explicar que a maioría das migracións ten un carácter forzoso, pois estas obedecen a motivos económicos ou políticos.

- Se o profesor o cre conveniente, tras a lectura do texto das páxinas 132 e 133, preguntar:

- Por que o éxodo rural é unha migración interna?

- Se un español emigra a un país da Unión Europea, realiza unha migración interna ou externa?

- Ler as seguintes afirmacións e pedir aos alumnos que digan se son falsas ou verdadeiras.

- España recibe moitos inmigrantes.

- A poboación de España repártese uniformemente.

- Barcelona e Madrid teñen máis dun millón de habitantes.

- Propoñer aos alumnos que investiguen a procedencia da súa familia: dos seus pais e avós paternos e maternos. Logo, cada un pode confeccionar unha árbore xenealóxica onde conste de onde procede cada un e algo característico dese lugar.

- Explicar aos alumnos que moitos dos fenómenos relacionados coa poboación están motivados por máis dunha causa que, á súa vez, producen diversas consecuencias. Por iso, á hora de estudar estes temas, é moi útil realizar esquemas nos que se poidan observar á vez as causas, dun fenómeno dado, e os seus efectos. Esta técnica de estudo denomínase Esquemas de causas e efectos.

Para ensinar aos alumnos a elaborar este tipo de esquemas, o profesor pode utilizar as causas do éxodo rural.

1. Pedir aos alumnos que lean novamente o apartado sobre migracións internas da páxina 132 e subliñen as causas do éxodo rural.

2. Copiar no encerado o esquema de causas e pedir aos alumnos que completen o esquema dos efectos do éxodo rural. Quedaría así:

Esquema de causas

|Menos postos de traballo nos labores do campo | | | |

| | | | |

| | | |Éxodo rural |

| | | | |

|A cidade ofrece máis | | | |

|e mellores oportunidades | | | |

|de estudo e traballo | | | |

| | | | |

Esquema de efectos

| | | |Efecto 1 |

| | | | |

| | | | |

|Feito | | |Efecto 2 |

|ou fenómeno | | | |

| | | | |

| | | | |

| | | |Efecto 3 |

| | | | |

Tras a realización do esquema de causas e efectos, preguntar aos alumnos: Que vos pareceu esta técnica?, é fácil aplicala? Cales son as súas vantaxes?

- Para introducir a lección das páxinas 134 e 135 levar á clase fotografías de distintas localidades de Galicia. Por exemplo, unha da capital ou dunha cidade moi poboada, outra dunha vila e unha dunha aldea. Guíe a observación das imaxes facendo preguntas como: Estas localidades teñen a mesma densidade de poboación?, en cal delas crecerá máis a poboación?, por que?, en cal delas vivirá máis xente nova?, e anciá?...

- Para exemplificar a densidade de poboación das cidades principais, pode preguntarlles aos alumnos por que cren que nestes sitios hai moitos edificios de pisos. Que pasaría se nestas grandes cidades houbese casas baixas, coma nas aldeas? Podería vivir a mesma cantidade de xente ca nos edificios altos?

- Para que os alumnos comprendan mellor o concepto de cidade, vila e aldea observe as fotos que levou á clase. Explique que unha vila é unha entidade de poboación máis pequena ca a cidade e máis grande ca a aldea, que en Galicia adoita ter un núcleo urbano e ser o centro económico e administrativo dun concello ou dunha comarca.

- Pedir aos alumnos que observen o mapa da densidade de poboación de Galicia da páxina 134 e que citen tres lugares moi densamente poboados e tres onde a densidade de poboación é moi baixa. Despois, preguntar: Que consecuencias ten que un lugar estea densamente poboado? A densidade da poboación de Galicia, é superior ou inferior á de España? O colexio, está nunha zona moi densamente poboada ou non?

- Analizar cos alumnos a pirámide de poboación de Galicia que se inclúe na páxina 135. Guiar a súa observación con preguntas como: Nacen máis nenos ou máis nenas? Hai diferenzas entre o número de mulleres e de homes nalgún dos grupos de idade?, en cales? Vendo a pirámide, a poboación de Galicia é nova ou é anciá?, por que?

- Escribir no encerado datos sobre a evolución da poboación de Galicia e pedir aos alumnos que confeccionen un gráfico de barras con eles. Como modelo, poden observar o do crecemento da poboación española da páxina 130.

- Contar aos alumnos que a poboación é cada vez máis urbana e as cidades do mundo non paran de medrar. A xente instálase nelas coa esperanza de ter máis e mellores oportunidades. Pero este crecemento desmesurado da poboación das urbes implica numerosos retos diarios que son difíciles de solucionar. Por exemplo:

- A contaminación do aire que causan os transportes e as industrias fai que aumenten as enfermidades respiratorias.

- A cantidade de residuos (lixo) que xeran as persoas non para de aumentar. Ademais, moitas veces non se tratan adecuadamente, o que pode xerar enfermidades ou intoxicacións.

- O rápido crecemento das cidades impediu que se organicen as infraestruturas necesarias para que os seres humanos vivan dignamente. Así, en moitas ocasións, hai falta de vivendas, existen zonas sen auga corrente, luz, etc.

- Os coches, a calefacción, a iluminación eléctrica, producen calor, o que eleva a temperatura da cidade e modifica o clima do lugar.

- O crecemento das cidades esixe a urbanización constante de novas zonas, o que produce a destrución de áreas de interese natural.

- Pedir aos alumnos que elixan un municipio de Galicia, e que investiguen sobre a súa poboación e realicen un informe. Os pasos poden ser os seguintes:

1. Elixir o municipio e identificar os datos que se buscan (número de habitantes, estrutura por sexo, por idade, inmigración, densidade, etc.).

2. Localizar a información. A busca, a poder ser realizala chamando ou achegándose ao concello do municipio ou na Internet, na páxina web do Instituto Galego de Estatística ().

3. Seleccionar os datos máis relevantes para o informe e completalo con outros. Por exemplo: con gráficos de barras, pirámides de poboación, fotografías… Así mesmo, sería interesante incluír información sobre a historia, as festas ou os costumes dese municipio.

4. Redactar o informe. Hai que poñer un título e ordenar os datos. Ademais, é importante coidar a caligrafía, a ortografía e a presentación.

- Antes de realizar as actividades do apartado Aprendín das páxinas 138 e 139, lembrar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. Se o profesor o considera conveniente, pode ditalas para que as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- A poboación é o número de persoas que viven nun territorio. Pode ser urbana e rural.

- O crecemento natural dunha poboación pode ser positivo ou negativo.

- A densidade de poboación é a cantidade de habitantes que vive en cada quilómetro cadrado dun territorio.

- A poboación pode dividirse en función do sexo, homes e mulleres e a idade dos habitantes, poboación nova, adulta ou anciá.

- As migracións son desprazamentos de poboación que supoñen un cambio de residencia. Poden ser internas e externas. As súas causas poden ser naturais ou sociais.

- España ten máis de 44 millóns de habitantes e o número de inmigrantes creceu moito. A densidade de poboación é baixa e a poboación repártese de xeito desigual.

- Galicia ten máis de 2 millóns setecentos mil habitantes. Ten unha densidade de poboación media, con densidade alta na costa e densidade baixa no interior. O crecemento natural é negativo, é dicir, prodúcese un menor número de nacementos ca de mortes. Hai máis mulleres ca homes e a maioría dos habitantes pertence á poboación adulta.

- Propoñer unha posta en común sobre o traballo realizado na unidade. O profesor pode partir de preguntas como estas: Que cousas sabiades sobre a poboación antes de iniciar a unidade? Que cousas novas aprendestes? Que contido foi o máis difícil de comprender? E o máis fácil? Para que actividades pode ser útil coñecer os datos de poboación dunha localidade?

- Completar a actividade do censo das distintas clases de 5.º de Primaria, realizado ao comezo da unidade, para comprobar o grao de asimilación dos conceptos estudados. O obxectivo, neste caso, sería comprobar se a poboación da clase reflicte ou non os trazos xerais da poboación da Comunidade. Os alumnos poderían completar unha ficha como a que se inclúe a continuación.

Unha vez elaborado o censo, os alumnos poden poñelos en relación cos datos de poboación da propia Comunidade e observar se hai diferenzas ou semellanzas.

|Curso: 5.º de Primaria. |

|Poboación absoluta: _________________________________________________ |

|Poboación inmigrante: _______________________________________________ |

|– Inmigrantes interiores: ______________________________________________ |

|– Inmigrantes exteriores: ______________________________________________ |

|Distribución da poboación: (onde vive a maioría): __________________________ |

|Estrutura da poboación: |

|– Por sexos: nenos: ___________________; nenas: ________________________ |

|– Por idade: 10 anos: __________________; 11 anos: ______________________ |

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación para a paz

- Explicar que os inmigrantes veñen coa súa cultura, a súa relixión e as súas tradicións. Respectalas é indispensable para a convivencia. Aceptalas, valoralas na súa diversidade e aprender a compartilas supón unha gran riqueza para todos.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Explica os conceptos de poboación absoluta, crecemento natural e densidade de poboación.

• Explica a diferenza entre poboación urbana e poboación rural.

• Describe como se estrutura a poboación segundo o sexo e a idade.

• Diferencia entre inmigrante e emigrante e distingue os tipos de migracións.

• Sabe o que son os movementos de poboación e analiza as causas das migracións.

• Describe como é a poboación de España e de Galicia.

• Interpreta fotografías, mapas, esquemas e gráficos.

• Valora a riqueza que achega a diversidade cultural.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 11: A ECONOMÍA

OBXECTIVOS

• Definir traballo, poboación activa, poboación inactiva, sector primario, sector secundario, sector terciario, comercio interior, comercio exterior.

• Identificar as actividades que conforman cada un dos sectores económicos.

• Explicar a distribución da poboación de Galicia por sectores económicos.

• Estudar o sector primario de Galicia.

• Analizar o sector secundario de Galicia.

• Caracterizar o sector terciario de Galicia, distinguindo entre comercio, transportes, turismo, servizos financeiros e administrativos.

• Interpretar fotografías, mapas, esquemas e gráficos.

• Reflexionar sobre a importancia de realizar un consumo responsable.

CONTIDOS

Conceptos:

• O traballo.

• A poboación activa e inactiva.

• As características dos sectores económicos en España e en Galicia.

Procedementos:

• Observación e interpretación de mapas, ilustracións, gráficos e fotografías.

• Preparación e realización dunha exposición.

Actitudes:

• Valoración dos aspectos positivos do consumo responsable.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 11 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto Conservar o peixe. A continuación, suscítanse dúas actividades. Na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura; e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: Os sectores económicos, O sector primario e a industria da Comunidade e Os servizos da nosa Comunidade o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito coma gráfico. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras que teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina de actividades, estas se clasifícanse nos apartados Comprender, Razoar e Aplicar. Na segunda páxina de actividades preséntase o apartado Saber facer, onde se inclúe a actividade de carácter procedemental Interpretar un gráfico de barras.

Como peche da unidade 11 suscítase outra dobre páxina de actividades baixo o título Aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Una ficha e unha descrición sobre a economía de Galicia.

- O apartado Infórmome e falo, onde os alumnos deben realizar unha exposición sobre un sindicato.

- O breve texto O consumo responsable, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autorreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

4.ª semana de marzo e 1.ª semana de abril.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5.

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 26 e 27 de reforzo.

- Ficha 11 de ampliación.

- Ficha 11 de control.

- Recursos na rede:

- Sectores económicos en España.

.é/eos/MaterialesEducativos/mem2002/mapa/

Actividades para poñer en práctica os coñecementos que os alumnos teñen sobre a economía española.

- Actividades con mapas.

- Galicia.

- Atlas escolar Primaria.

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- Antes de iniciar a lectura da páxina 141, Conservar o peixe, preguntar aos alumnos como imaxinan unha fábrica, como é o lugar, que se utiliza para fabricar os produtos, como son as persoas que traballan alí, que tipo de roupa levan...

- Tras a lectura, formular preguntas como as seguintes:

- Os personaxes desta historia, traballan? Por que o dis?

- Que diferenza consideras que hai entre o secadoiro da avoa e a fábrica da neta?

- Que significa a expresión «o negocio empezou a decaer»?

- Que materiais utilizaron para conservar o peixe ao longo dos anos??

- Pedir aos alumnos que describan a fotografía da páxina 140 tendo en conta que o tema que se estuda nesta unidade é o da economía. Iniciar o traballo con algunhas destas preguntas: Que fan as persoas? De que sexo son? Como van vestidas? Como é o sitio no que están? É un comercio ou unha fábrica? Que fabrican? Utilizan máquinas?

- Se o considera conveniente, que o profesor explique que a fabricación de conservas, así como a súa comercialización, constitúen unha actividade económica. E que as actividades económicas se distribúen en sectores económicos. Pregúntelles aos alumnos se lembran de cursos anteriores cales son eses sectores.

- Tras realizar a segunda actividade do apartado Falamos da páxina 141 propoñer unha reflexión sobre para que traballan as persoas. Se o considera conveniente, iniciar a reflexión desde o máis próximo para os alumnos preguntándolles para que cren que traballan os seus pais e que cren que pasaría se non traballasen.

- Propóñalles aos alumnos decidir os tipos de negocios que quererían montar para cando sexan adultos e que os relacionen co seu contorno.

- Outra forma de empezar o desenvolvemento desta unidade é, se se ten oportunidade, visitar cos alumnos lugares onde se realicen actividades do sector primario ou secundario. En cada caso, os alumnos deberán facer preguntas relacionadas co traballo que se realiza alí, os materiais necesarios para facer o traballo, que é o que se obtén, etc. Sería interesante elixir o sector en función das características da economía da localidade.

- Pedir aos alumnos que fagan unha lista cos diferentes traballos que se desenvolven no colexio (administración, profesorado, conserxe, cociñeiros, etc.) e que expliquen as actividades que desempeñan cada un deles. Despois, propoñerlles incluír na lista o traballo que exercen os seus pais. Por último, clasificar entre todos eses traballos no sector económico ao que pertencen.

- Para activar os coñecementos previos que os alumnos teñen sobre o tema a tratar na lección das páxinas 142 e 143, realizar preguntas como as seguintes: Lembrades cales son os sectores económicos? O traballo dun agricultor, a que sector pertence? E o dun zapateiro? E o dun vendedor dunha tenda?...

- Ler, xunto cos alumnos, as definicións de poboación activa e inactiva do primeiro epígrafe da páxina 142. Despois, pedirlles que observen a ilustración 1 e explicarlles por que a ama de casa está dentro da poboación inactiva malia que ela realiza un traballo, e por que os desempregados forman parte da poboación activa aínda que non estean traballando.

- Pedir aos alumnos que observen a fotografía número 2 da páxina 142. Despois, preguntar:

- Que actividade económica aparece representada na imaxe? A que sector económico pertence?

- Que produtos se obteñen das minas? Para que se utilizan?

- Pedir aos alumnos que elixan un produto e investiguen a súa historia, é dicir, todos os traballos e sectores económicos que interveñen na súa produción e comercialización.

- Propoñer aos alumnos que distingan cales destas actividades son un traballo segundo o concepto estudado: recoller a habitación; conducir un autobús; cociñar nun restaurante; conducir o propio coche.

- Contar aos alumnos que millóns de nenos de todo o mundo se ven obrigados a vivir en condicións verdadeiramente lamentables. Nenos e nenas menores de 13 anos traballan confeccionando alfombras, fabricando cigarros, cosendo balóns de fútbol, decorando pulseiras…, soportando duras condicións: horarios de máis de 12 horas, escaso salario, malos tratos e torturas.

Hoxe en día, 250 millóns de nenos de entre 5 e 17 anos son explotados, é dicir, un de cada seis menores traballa e deles tres de cada catro fano en actividades con risco para a súa saúde.

A maioría deses nenos carecen do máis elemental e vive en condicións precarias, por iso, se ven na necesidade de traballar desde moi pequenos.

O traballo infantil ocasiona graves problemas aos propios nenos e ao país que o tolera. Por unha banda, condena ao analfabetismo aos nenos que traballan, xa que non se poden formar adecuadamente. Por outro, os adultos teñen dificultades para atopar un posto de traballo, xa que os nenos, por ser menores, reciben un salario inferior por desenvolver a mesma actividade.

- Para introducir a lección O sector primario e a industria de Galicia, das páxinas 144 e 145, pedir aos alumnos que digan que sector económico cren eles que é o máis importante en Galicia e por que. Guiar os seus comentarios con preguntas como: Canta xente coñecedes que traballe na agricultura ou a na gandaría?, e que traballe en fábricas?

- Acompañar a explicación do sector secundario en Galicia ca análise do mapa da páxina 145, localizando os lugares nos que este sector ten maior importancia.

- Facer unha serie de afirmacións para que os alumnos digan se son verdadeiras. Por exemplo:

- En Galicia o sector que ocupa a un maior número de traballadores é o sector primario.

- O tipo de pesca en Galicia é de baixura.

- No eixe Vigo-A Coruña localízanse as explotacións agrícolas.

- A minaría é unha actividade do sector secundario.

- Os parques tecnolóxicos son lugares onde se concentran industrias de desenvolvemento e investigación.

- Propoñer aos alumnos aplicar o aprendido sobre o sector secundario en Galicia á súa propia localidade. Deberán pescudar se hai algunha industria importante, a que se dedica e que tipos de produtos elabora.

- Explicar aos alumnos en que consiste a técnica de aprendizaxe da lectura comprensiva.

Contarlles que ler comprensivamente é fundamental para aprender, pois só así se poden asimilar os conceptos e o seu significado.

A lectura comprensiva é moito máis lenta e reflexiva, xa que o que se pretende é captar a idea fundamental dun texto.

Os pasos que se deben seguir son: reflexionar sobre o título, pois este sempre facilita unha referencia sobre o texto; ler pausadamente, subliñar as palabras que se descoñezan e buscalas nun dicionario; distinguir as partes nas que se organizou o texto; identificar a idea ou ideas principais; intentar resumir a idea principal coas propias palabras.

Pedir aos alumnos que realicen unha lectura comprensiva deste tema. Primeiro, deben verificar que coñecen o significado de todas as palabras. Logo, subliñar as ideas principais e, finalmente, realizar un resumo.

A continuación, se o profesor o considera conveniente, pedir aos alumnos que escriban novos títulos para cada un dos apartados da lección que expresen claramente os contidos de cada un deles.

Unha vez finalizada a actividade, preguntar aos alumnos por que é importante ler os textos de forma comprensiva.

- Para empezar a desenvolver a lección das páxinas 146 e 147, Os servizos da nosa Comunidade, pedir aos alumnos que nomeen servizos públicos que utilizan habitualmente. Preguntarlles que cren que pasaría se algún deses servizos deixase de funcionar.

- Explicar aos alumnos que os ministerios e demais institucións do Estado son servizos, pois as súas actividades están en función dos intereses e as necesidades dos cidadáns. Por exemplo, o Ministerio de Sanidade ocúpase de planificar e poñer en marcha campañas de vacinación.

- Propoñer aos alumnos as seguintes situacións:

- María quere visitar os principais centros comerciais da capital de Galicia. Que medio de transporte lle aconsellarías? Por que?

- Xoán quere facer turismo cultural por Galicia, que sitios lle recomendarías? Por que?

- Ignacio quere coñecer as cidades máis importantes de Galicia. Que medio de transporte é o máis indicado para trasladarse a elas? Por que?

- Pedir aos alumnos que citen as actividades e tipos de traballo concretos que se realizan no sector servizos, así como o uso persoal que fan eles deste sector. Despois, propoñerlles completar un cadro de síntese como o seguinte:

| |Actividades |Traballos |Uso destas actividades por parte |

| | | |dos alumnos |

|Comercio | | | |

|… | | | |

- Propoñer aos alumnos un debate sobre as vantaxes e inconvenientes de vivir nunha Comunidade moi turística.

Contar aos alumnos que hai anos, cando a penas estaban desenvoltas as vías de comunicación, xurdiron varios oficios ambulantes que precisaban utilizar as escasas vías de comunicación. Un dos oficios era o dos afiadores.

O dos afiadores era un oficio característico da provincia de Ourense. No seu traballo, chegaban ata recantos moi distantes e talvez por iso crearon o barallete, unha linguaxe peculiar coma as creadas por canteiros, telleiros e cesteiros.

A roda e unhas poucas ferramentas –alicates, tenaces, martelo– eran o seu medio de traballo, que consistía en afiar coitelos, tesoiras, fouces... Era frecuente que compartisen esta dedicación coa de paraugueiros, cantorleiros e cerralleiros. Estes labores non consisten en facer pezas novas, senón en arranxar as vellas.

O cerralleiro, coa zafra espetada no chan e sentado no caixón das ferramentas, ía compoñendo o que lle levaban, botaba un remendo nunha tarteira, tapaba o burato dunha ola cun remache ou cunha pinga de estaño. O cantorleiro ocupábase da vaixela escachada. Facía uns buratos na peza e logo, cos alicates, facía unhas grampiñas de arame, xuntaba os anacos e íaos amarrando con elas.

Hoxe en día, a profesión dos afiadores practicamente desapareceu, debido ao desenvolvemento dos transportes e das infraestruturas.

- Aproveitar que esta unidade trata o tema do traballo para programar espazos e actividades nos que os alumnos poidan poñer en marcha ideas e proxectos propios, é dicir, para xerar a súa iniciativa. Algunhas das estratexias que serven para o desenvolvemento desta capacidade son: promover a aprendizaxe por descubrimento; estimular os procesos intelectuais creativos; incitar á comunicación con preguntas diverxentes; impulsar o desenvolvemento da inventiva; ou fomentar o traballo en equipo.

- Propoñer aos alumnos que realicen unha enquisa sobre os transportes de Galicia, formulando preguntas como as que se inclúen a continuación a familiares e amigos.

- Utiliza algún transporte para ir a traballar?

- É propio ou un servizo público?

- Que vantaxes atopa no transporte privado? E que inconvenientes?

- Cambia de medio de transporte as fins de semana?

- Se é así, por que cambia? Cales utiliza?

- Se é público, cal é?

- Utiliza un ou varios medios de transporte para chegar ao lugar de traballo?

- Que vantaxes atopa no transporte público? E que inconvenientes?

- Puntúe do 1 ao 10 a rede de transporte público.

Formar grupos en clase, pedirlles que analicen os datos de todas as súas enquisas e escriban unha conclusión.

Con esta actividade os alumnos tomarán conciencia da importancia das redes de transporte.

- Antes de realizar as actividades do apartado Aprendín das páxinas 150 e 151, recordar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. Se o profesor o considera conveniente, pode ditalas para que as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- O traballo é calquera actividade humana que se realiza para obter diñeiro.

- Desde o punto de vista do traballo, a poboación pode dividirse en dous grupos: a poboación activa e a poboación inactiva.

- Os tres sectores da economía son:

- O sector primario, que agrupa as actividades que permiten obter recursos da natureza;

- O sector secundario, que comprende as actividades que transforman as materias primas en produtos elaborados;

- O sector terciario, que agrupa as actividades que ofrecen servizos ás persoas.

- Falar cos alumnos sobre o traballado na unidade. O profesor pode partir de preguntas como estas: Que cousas novas aprendestes nesta unidade? Que proveito podedes sacar da información da unidade? Con que feitos cotiáns podedes relacionar o aprendido?

- Dividir a clase en catro grupos e asignar dous tipos de turismo a cada un. Por exemplo: turismo de sol e praia, de montaña e aventura, cultural, rural, de saúde, gastronómico, de negocios e de compras.

Cada grupo deberá confeccionar un mural onde aparezan fotografías de lugares de España que se correspondan cos tipos de turismo asignados. A investigación sobre os lugares turísticos pódena realizar na casa preguntando aos seus familiares ou en axencias de viaxes ou buscando na Internet.

O mural contará cun apartado por cada tipo de turismo. E as fotografías deberán ter un pé completo, no que conste o nome do lugar, a Comunidade á que pertence e o seu atractivo turístico.

Ao terminar o traballo, cada grupo deberá mostrar e explicar o seu mural ao resto dos seus compañeiros.

Se o profesor o considera conveniente, montar cos murais unha exposición na clase e animar os alumnos a que inviten a compañeiros doutras clases a vela.

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación moral e cívica

- Todos temos dereito ao traballo e á igualdade de oportunidades para obter un. Con todo, os discapacitados teñen máis dificultades que as demais persoas. Reflexionar cos alumnos sobre a súa situación, e facer fincapé en que malia a limitación que teñan, poden realizar moitos tipos de traballos.

Educación ambiental

- Reflexionar cos alumnos sobre o impacto que producen as actividades económicas sobre o medio natural (fertilizantes e praguicidas que contaminan as augas e o aire, fume, residuos de produtos tóxicos, etc.).

Educación viaria

- Aproveitar o tema dos transportes, páxinas 146 e 147 do libro, para recordar aos alumnos a necesidade de respectar as normas de circulación. Sinalar que en España as causas dun gran número de accidentes son o exceso de velocidade e a inxestión de alcohol da persoa que conduce. Pedir aos alumnos que falen sobre as consecuencias dos accidentes de tráfico e o que se pode facer para intentar evitalos.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Distingue entre poboación activa e inactiva; sector primario, secundario e terciario; comercio interior e exterior.

• Recoñece as actividades que conforman cada un dos sectores económicos.

• Coñece a distribución da poboación de Galicia por sectores económicos.

• Identifica os trazos máis relevantes dos sectores primario, secundario e terciario na Galicia.

• Interpreta fotografías, ilustracións, mapas, esquemas e gráficos.

• Recoñece a necesidade de realizar un consumo responsable.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 12: A PREHISTORIA E A IDADE ANTIGA

OBXECTIVOS

• Saber que a Prehistoria é o período que vai desde a aparición dos seres humanos ata a invención da escritura.

• Coñecer as características das dúas etapas nas que se divide a Prehistoria.

• Recoñecer o modo de vida dos homes e mulleres da Prehistoria.

• Identificar o comezo da Historia coa aparición da escritura.

• Coñecer os pobos que habitaron a península Ibérica na Antigüidade.

• Explicar a conquista romana da Península e analizar a organización territorial de Hispania.

• Valorar a historia de España e de Galicia.

CONTIDOS

Conceptos:

• A Prehistoria.

• A Idade Antiga: épocas prerromana e romana.

Procedementos:

• Observación e interpretación de mapas históricos.

• Elaboración de fichas e esquemas.

Actitudes:

• Respecto polo patrimonio artístico e cultural.

• Aprecio pola historia de España e de Galicia.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 12 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto A cova dos bisontes. A continuación, propóñense dúas actividades: na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura; e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: A Prehistoria, A Idade Antiga, A época prerromana e A Idade Antiga. A época romana o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito coma gráfico. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras que teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina de actividades, estas se clasifican nos apartados Comprender, Razoar e Aplicar. Na segunda páxina de actividades preséntanse no apartado Saber facer, onde se inclúe a actividade de carácter procedemental Estudar un obxecto do pasado.

Como peche da unidade 12 suscítase outra dobre páxina de actividades baixo o título Aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Un esquema sobre a Prehistoria e unha ficha sobre a época dos prerromanos.

- O apartado Infórmome e falo, onde os alumnos deben realizar unha entrevista ficticia a un personaxe do pasado.

- O breve texto Patrimonio vivo, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autorreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

2.ª quincena de abril.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5.

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 28 e 29 de reforzo.

- Ficha 12 de ampliación.

- Ficha 12 de control.

- Recursos na rede:

- Atapuerca.



Todo sobre as escavacións realizadas en Atapuerca e os achados atopados nos seus xacementos.

- Altamira.

.é/indexprova.html

Páxina na que se poden ver animacións que recrean o modo de vida dos homes e mulleres prehistóricos.

- Tarefas de Historia.

- Descubramos o tempo 3.

- Atlas escolar.

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- Tras ler o texto da páxina 155, A cova dos Bisontes, pedir aos alumnos que observen a ilustración da mesma páxina. Despois, preguntar:

- Que se representa nesa pintura?

- Como realizarían as súas pinturas os artistas da Prehistoria?

- Con que materiais?, de onde os conseguirían?

- Que información podemos obter desa pintura?

- Que quererían expresar con esas pinturas de animais?

- Se o profesor o cre conveniente, despois de que os alumnos contesten as preguntas anteriores, pode dar algúns datos sobre as pinturas de Altamira. Contar que para colorear as súas figuras utilizaban carbón, sangue ou po de minerais. Por exemplo, dos minerais ricos en óxido de manganeso obtiñan tonalidades violáceas, e dos ricos en óxido de ferro conseguían tonalidades vermello-ocre. Para pintar utilizaban os seus propios dedos ou pinceis rudimentarios feitos con pelos de animal.

Os artistas prehistóricos pintaban as súas figuras nos salientes das paredes da cova, desta forma conseguían dotalas de volume e movemento.

Aínda que non se sabe exactamente o significado das pinturas rupestres, pénsase que a representación dun animal propiciaba o éxito na caza.

Propoñer aos alumnos que con pinturas de dedo e papel continuo intenten crear obras de arte inspiradas nas da cova de Altamira.

- Na segunda tarefa do apartado Falamos da páxina 155 proponse unha actividade de traballo en equipo. Algunhas estratexias que pode empregar o profesor para orientar aos alumnos son: facerlles ver que se necesitan os uns aos outros; facerlles ver que deben chegar a acordos sobre como van desempeñar a tarefa; procurar que expresen libremente as súas opinións e que respecten as dos demais; e estimular a súa capacidade de colaboración por encima da competencia.

- Se se ten oportunidade, sería interesante organizar unha visita a un museo arqueolóxico, ou ata a un xacemento próximo á localidade, para observar directamente os materiais e restos dos diferentes pobos que habitaron o noso país hai miles de anos.

Xa na clase, suxerir aos alumnos que confeccionen diarios murais con todo o material e a información que obteñan da visita: fotografías, debuxos, impresións, anécdotas…

- A propósito da ilustración inicial da páxina 154, propoñer aos alumnos que imaxinen o proceso dunha escavación arqueolóxica e que redacten un breve texto no que expliquen como a levarían a cabo: onde escavarían e por que, como organizarían o traballo, que ferramentas utilizarían, que pezas poderían atopar alí…

Para realizar esta actividade é recomendable consultar a páxina web: na que se describe o traballo que realizan os arqueólogos, con textos e debuxos adecuados para os alumnos desta idade.

- Para empezar a desenvolver a lección A Prehistoria das páxinas 156 e 157 escribir no encerado os principais períodos da Prehistoria e as características básicas de cada un deles. Con esa información, propoñer aos alumnos que, por grupos, constrúan unha liña do tempo. Elixir entre todos a mellor e colgala nun lugar visible para que os alumnos poidan consultala ao longo da explicación desta lección.

- Explicar as formas de vida dos primeiros grupos humanos. Incidir nas diferenzas entre os grupos nómades paleolíticos e o proceso de sedentarización produto do descubrimento da agricultura. Así mesmo, sinalar que a vida sedentaria do Neolítico permitiu innovacións como a fabricación de tecidos ou a cerámica, que non existían entre os pobos nómades.

- Despois de ler a lección A Prehistoria preguntar aos alumnos: Que é a Prehistoria? En que etapas se divide a Prehistoria? Que quere dicir que os seres humanos se fixeron sedentarios? Que material se empregaba no Paleolítico para elaborar as ferramentas? Cando se inventou a roda?…

- Debuxar no encerado un cadro como o seguinte. Despois, pedir aos alumnos que o copien nos seus cadernos e que sitúen cada un destes feitos na época correspondente.

|Paleolítico |Neolítico |Idade dos Metais |

| | | |

- Invención do lume.

- Invención da agricultura.

- Sedentarios.

- Invención da cerámica.

- Invención da roda.

- Invención do arado.

- Nómades.

- Fundación das primeiras cidades.

- Pedir aos alumnos que expliquen por que razón a invención da agricultura cambiou o estilo de vida dos seres humanos.

- Propoñer aos alumnos que imaxinen como sería a vida dos homes e mulleres do Paleolítico e que realicen un debuxo no que reflictan o interior dunha cova daquela época.

- Explicar aos alumnos que Paleolítico significa «pedra antiga» e fai referencia ao material co que os homes e mulleres deste período elaboraban os seus obxectos: a pedra.

A técnica era moi simple: golpeando dúas pedras entre si conseguían que dunha delas saltasen pequenos anacos ou lascas, e que se convertesen en obxectos cortantes. Con eles cazaban e cortaban as peles e a carne dos animais.

Ademais da pedra, os seres humanos do Paleolítico tamén empregaron a madeira e os ósos de animais para fabricar arpóns, agullas, lanzas, etc.

- Contar aos alumnos que o dominio do lume, hai aproximadamente medio millón de anos, foi un dos inventos máis importantes do ser humano do Paleolítico. Grazas a el puideron quentar as covas para protexerse das condicións climáticas adversas, iluminalas, cociñar alimentos ou escorrentar os animais salvaxes.

Para facer lume, utilizaban diferentes técnicas. Por exemplo: ao golpear dúas pedras obtiñan chispas coas que acendían material combustible (herbas secas). Tamén facían lume xirando un pauciño a gran velocidade sobre un tronco seco ou fregando un pau de madeira ao longo dun tronco.

- Antes de empezar a desenvolver a lección das páxinas 158 e 159, A Idade Antiga. A época prerromana, si se ten oportunidade, levar a clase algún exemplar de Astérix en Hispania. A través do cómic, os alumnos poderán familiarizarse coa historia Antiga de España.

- Debido á cantidade de pobos que existiron na Península durante a Antigüidade, sería conveniente acompañar a explicación desta lección observando e analizando os mapas das páxinas 158 e 159.

- Por outra parte, se pode explicar que os pobos colonizadores se instalaron na Península por diferentes razóns. A colonización de fenicios e gregos tivo un carácter comercial. Os cartaxineses, pola contra, buscaban lugares estratéxicos que lles facilitasen o control do Mediterráneo.

- Ademais das preguntas do libro do alumno, o profesor pode facer as seguintes:

- Cando comezou a Historia?

- Como se chama a primeira etapa da Historia?

- Quen eran os pobos colonizadores?

- Dividir a clase en grupos e asignar a cada un o papel dun pobo colonizador. Cada grupo tenlle que explicar ao resto dos compañeiros quen son, de onde proveñen, onde se asentan...

- Propoñer aos alumnos que imaxinen que teñen a posibilidade de viaxar no tempo e que se trasladan á época dun dos pobos antigos que estudamos nesta lección. Pedirlles que escriban unha breve historia sobre o que encontrarían e que enumeren tres cousas que lles aprenderían a eses pobos que aínda non coñecen. Por exemplo:

- Pobos que habitaron a Península.

- Lugares que elixiron para establecerse.

- Cidades que fundaron.

- Restos que se conservan.

- Comentar aos alumnos que Viriato naceu na serra da Estrela (actual Portugal). Na súa xuventude foi pastor e, despois de que o pretor romano Galba atacase ao seu pobo no ano 150 a. C., encabezou a loita que os lusitanos emprenderon contra Roma.

Galba ofreceu aos lusitanos, que realizaban continuas incursións na zona dominada por Roma, a repartición de terras a cambio da paz. Cando os lusitanos acudiron á repartición, pediulles que entregasen as súas armas en sinal de amizade. Unha vez desarmados, rodeounos co seu exército e deu orde de que os executasen.

Viriato conseguiu fuxir e, a partir dese momento, combateu incansablemente contra os romanos. A súa primeira vitoria foi xunto á cidade de Tríbola (actual Ronda) no ano 147 a. C.

Seis anos despois, no 141 a. C., os romanos víronse na obriga de pactar unha paz con Viriato, que se retirou a Lusitania. No ano 139 a. C. Roma enviou un novo cónsul, Cepión, que consideraba deshonrosa a paz, polo que subornou a tres lugartenentes de Viriato (Audax, Ditalcón e Minuros) para que o traizoasen e o matasen.

- Para introducir a lección das páxinas 160 e 161, A Idade Antiga. A época romana, propoñer aos alumnos que expliquen o que poden significar as seguintes palabras: verbum, veritas, dies, nocte, mulier, homo, mater, pater, templum, serpentem, locen, bonum, malum, aqua e calquera outra palabra latina de fácil tradución. Facerlles ver que moitas das palabras galegas que utilizamos na actualidade proceden do idioma que falaban os antigos romanos: o latín.

- Pedir aos alumnos que imaxinen que son habitantes de Roma hai 2.000 anos e que expliquen como serían, que farían, onde se divertirían, como vestirían…

- Destacar que os romanos, ao contrario que outros pobos primitivos, non pretendían a destrución do pobo conquistado, senón asentar a forma de vida do imperio naquelas terras. Describir o proceso de asimilación da cultura romana. Explicar que eles nos deixaron un magnífico legado. Por exemplo, o galego, o castelán e o catalán, proceden do latín. Só o éuscaro é unha lingua anterior á conquista de Roma. Por outra parte, innumerables obras de enxeñaría, monumentos arquitectónicos e obras de arte constitúen a rica herdanza deste pobo.

- Pedir aos alumnos que observen a fotografía 3 da páxina 161 e preguntarlles: Que é o que se ve na fotografía? Que material se utilizou na súa construción? Que utilidade tería? Que diferenza hai entre un acueduto e unha ponte?

- Dividir a clase en grupos e pedir aos alumnos que imaxinen que traballan nunha axencia de viaxes e teñen que preparar unha ruta de tres días co título A Hispania romana. Cada grupo elixirá unha das provincias da Hispania romana e buscará información sobre os restos romanos que se poderían atopar nelas.

- Lembrar aos alumnos que os xentilicios son as palabras coas que dicimos de onde é unha persoa ou cousa. Moitos son de orixe latina. Por exemplo:

|Nome actual |Nome romano |Xentilicio |

|Calatayud |Bilbilis |bilbilitano |

|Huelva |Onuba |onubense |

|Alcalá de Henares |Complutum |complutense |

|Mérida |Emerita Augusta |emeritense |

|Lugo |Lucus Augusti |lucense |

- Explicar aos alumnos que un mapa histórico é unha representación gráfica que permite recrear unha rexión ou un país nun momento concreto da Historia.

Para analizar un mapa histórico debemos fixarnos nos seguintes aspectos:

- O título ou o pé do mapa indícannos que feitos se representan nel.

- A lenda describe os signos, cores, liñas, frechas…, que se utilizaron no mapa.

Pedir aos alumnos que observen o mapa da páxina 160 sobre as provincias romanas de Hispania. A continuación, preguntar:

- Que se representou no mapa?

- Hai cantos anos os romanos dividiron a península Ibérica en cinco provincias?

- Con que territorio limitaba a Bética?

- A que provincia pertencía Zaragoza?

- Cales son as cidades principais que aparecen no mapa?

- As illas Baleares, a que provincia romana pertencían?

Para finalizar a actividade, o profesor pode suxerirlles que digan dous aspectos para os que os mapas históricos poden ser útiles.

- Propoñer aos alumnos modelar vasillas con arxila. Poden tomar como modelo a que aparece na actividade 2 da páxina 162.

- Pedir aos alumnos que imaxinen que son xornalistas que deben escribir un artigo para unha revista de actualidade explicando como era a península Ibérica na Antigüidade.

Pódeselles dar un guión para que non esquezan ningún aspecto importante:

- Que pobos conquistaron a Península? En que momentos?

- Que lugares preferiron os colonizadores: as costas ou o interior? Por que?

- Que cidades se fundaron daquela? Conservan o seu nome orixinario na actualidade? Como se chaman?

- Que buscaban estes pobos na Península?

- Existían outros pobos asentados na península Ibérica antes da chegada dos pobos colonizadores? Cales? Como e onde vivían?

- Que colonización deixou unha pegada máis forte? En que se nota?

- Antes de realizar as actividades do apartado Aprendín das páxinas 164 e 165, recordar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. Se o profesor o considera conveniente, pode ditalas para que as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- A Prehistoria é un longo período que vai desde a aparición dos seres humanos ata a invención da escritura.

- A Prehistoria divídese en dúas etapas: a Idade de Pedra e a Idade dos Metais.

- A Idade de Pedra empezou hai uns dous millóns e medio de anos. Esta etapa divídese en dous períodos: o Paleolítico e o Neolítico.

- A Historia comeza coa invención da escritura hai uns 5.000 anos.

- A primeira etapa da Historia é a Idade Antiga.

- Na península Ibérica, a Idade Antiga divídese en: época prerromana e época romana.

- Na época prerromana, na Península vivían os iberos e os celtas.

- Os pobos colonizadores foron: os fenicios, os gregos e os romanos.

- Hai máis de 2.000 anos os romanos conquistaron a Península.

- Os romanos dividiron a Península en cinco provincias: Tarraconense, Bética, Lusitania, Gallaecia e Cartaxinense.

- Propoñer aos alumnos avaliar o traballo que desenvolveron ao longo da unidade. Para iso, pedirlles que marquen cun X os aspectos que lograsen:

- Tiven interese por aprender cousas novas.

- Traballei con entusiasmo.

- Realicei todas as actividades que se propuxeron.

Despois, propoñerlles contestar a seguinte pregunta: Que tema da unidade teño que reforzar máis?, por que?

- Animar os alumnos a confeccionar por grupos murais coas obras de arte e con monumentos que haxa en Galicia das épocas históricas que estudaron nesta unidade.

Pedirlles que investiguen os edificios, obxectos, esculturas…, de interese hai nas diferentes localidades de Galicia e que consigan fotografías deles.

Os alumnos debuxarán nunha cartolina a silueta do mapa da Comunidade e localizarán as poboacións nas que poidan verse esas mostras de arte antiga.

Recortarán as fotografías e pegaranas rodeando o mapa. Debaixo de cada fotografía escribirán o nome do monumento e, mediante frechas, unirán as fotografías coa localidade correspondente.

Ao final, organizar unha exposición con todos os murais.

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación moral e cívica

- A propósito do tema da lección das páxinas 158 e 159 fomentar nos alumnos actitudes de respecto e de curiosidade sobre os pobos primitivos actuais, a maioría deles ameazados polo avance da civilización.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Explica que a Prehistoria é o período que vai desde a aparición dos seres humanos ata a invención da escritura.

• Describe as características da Prehistoria.

• Identifica o comezo da Historia coa aparición da escritura.

• Sabe que pobos habitaron España na Antigüidade: celtas e iberos, pobos colonizadores e romanos.

• Manifesta interese pola historia de España e de Galicia.

• Valora e respecta o patrimonio cultural.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 13: A IDADE MEDIA

OBXECTIVOS

• Asociar o inicio da Idade Media coa caída do imperio romano.

• Coñecer que os pobos xermanos que invadiron Hispania foron os suevos, os alanos e os visigodos.

• Saber que os suevos fundaron un reino na Gallaecia e os visigodos fundaron en Hispania un reino con capital en Toledo.

• Identificar aos reis visigodos coa unificación do territorio, a relixión e as leis.

• Saber que no ano 711 os musulmáns invadiron a Península e fundaron Al-Andalus.

• Saber o que son os reinos de taifas.

• Recoñecer os catro grandes reinos nos que estaba dividido o territorio cristián cara a 1230.

• Saber que en 1492 os Reis Católicos conquistaron Granada, o último reino musulmán.

CONTIDOS

Conceptos:

• A época dos xermanos.

• Os musulmáns e Al-Andalus.

• O final da Idade Media e a conquista de Granada.

Procedementos:

• Interpretación de mapas.

• Observación de imaxes.

• Elaboración de liñas do tempo.

Actitudes:

• Respecto polas crenzas relixiosas doutras persoas.

• Valoración do diálogo como forma de superar conflitos.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 13 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto Un día no mosteiro. A continuación, propóñense dúas actividades: na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura; e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: A época dos visigodos, Al-Andalus e os primeiros reinos cristiáns e O final da Idade Media o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito coma gráfico. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras que teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina de actividades, estas clasifícanse nos apartados Comprender e Razoar. Na segunda páxina de actividades se presenta o apartado Saber facer, onde se inclúe a actividade de carácter procedemental Ordenar feitos antes e despois de Cristo.

Como peche da unidade 13 proponse outra dobre páxina de actividades baixo o título Aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Tres fichas: A época dos xermanos, Al-Andalus e os primeiros reinos cristiáns e O final da Idade Media.

- O apartado Infórmome e escribo, onde os alumnos deben realizar unha redacción dunha biografía.

- O breve texto A convivencia entre culturas, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autorreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

1.ª quincena de maio.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5.

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 30 e 31 de reforzo.

- Ficha 13 de ampliación.

- Ficha 13 de control.

- Recursos na rede:

- Al-Andalus.



Información sobre a historia de Al-Andalus.

- Idade Media na península Ibérica.



Recursos e información sobre a Idade Media.

- Tarefas de Historia.

- Descubramos o tempo 3.

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- A propósito da lectura inicial da páxina 167 formular aos alumnos preguntas para sondar os seus coñecementos previos. Por exemplo: Que é un monxe?, onde vive?, a que se dedica?, como viste?, os monxes están en contacto co mundo que os rodea ou viven illados?...

- Complementar a lectura coa observación da ilustración da páxina 166. Explicar que os mosteiros adoitaban localizarse en lugares apartados. Os monxes afastábanse voluntariamente do mundo e vivían en comunidade. Todos os monxes obedecían a un abade, que era a máxima autoridade do mosteiro.

- Pedir aos alumnos que observen a liña do tempo da páxina 166. Despois, preguntar:

- Cando comezou a Idade Media?

- Que feito supuxo o comezo da Idade Media?

- Que aconteceu no ano 711?, e en 1492?

- Entre que anos se crearon os primeiros reinos cristiáns?

- Entre que anos se produciu a expansión dos reinos cristiáns?

- Se o profesor o considera conveniente, explicar que os mosteiros son grandes recintos con numerosas dependencias. Polo xeral, distribúense en torno a un claustro, que é unha galería porticada que rodea un patio interior. Ao redor do claustro están as cortes; as hortas; a cociña; o comedor ou o refectorio; a hospedaría, na que dormen os peregrinos; a sala capitular, onde se reúnen os monxes; a igrexa…

- A propósito da lectura inicial da páxina 167, propoñer aos alumnos fabricar pergamiños para escribir historias medievais (pode ser un pequeno texto relacionado con algunha narración ou cómic que lesen, algunha película que visen ou copiar algún romance medieval).

Para fabricar os pergamiños necesítase papel tamaño folio (se é un pouco groso mellor) e café soluble.

Indicar aos alumnos que rachen coa man os bordos da folla de papel. A continuación, terano que engurrar facendo bólas. Despois, alisarano coas mans e o colocarano entre as follas dun libro para que quede plano.

Para conseguir o aspecto avellentado dos pergamiños, abonda con disolver café soluble en auga e pintar con esa mestura as dúas caras da folla.

Despois de deixar secar o papel, estará listo para escribir as súas historias medievais.

- Escribir no encerado palabras relacionadas coa Idade Media como castelo, mosteiro, cabaleiro, monxe, conquista, invasión, etc. A continuación, dividir a clase en grupos e propoñerlles facer un gran debuxo co que lles suxiran esas palabras. Cando terminen, pegar os debuxos na parede e comentar entre todos os resultados.

- Para empezar a lección das páxinas 168 e 169 pedir aos alumnos que lean o título da lección. Despois preguntar que significan palabras como vándalo ou bárbaro e que relación poden ter esas palabras cos xermanos. Ao final, contar aos alumnos que nesta lección aprenderán moitas cousas relacionadas cos pobos que viviron na península Ibérica durante a Idade Media.

- Explicar aos alumnos que os suevos foron os primeiros en crear un reino medieval en Europa no ano 409, no noroeste da península (Galicia, norte de Portugal e parte de Asturias e León).

- A propósito da ilustración 2 da páxina 168, explicar que os visigodos foron expertos na fabricación de obxectos artísticos con metais preciosos (ouro, prata, platino…). Sinalar que na fotografía se poden ver fibelas de cinto e fíbulas, que eran os broches cos que se sostiñan os mantos sobre os ombros.

- Se o profesor creo conveniente, formular as seguintes preguntas: En que ano invadiron os pobos xermanos Hispania? Onde estableceron a súa capital os visigodos? Ata cando se mantiveron na Península os visigodos? Por que os visigodos non construíron cidades coma os romanos?

- Para sintetizar a información máis relevante da lección, pedir aos alumnos que completen unha ficha sobre os visigodos con datos como os seguintes:

- Os visigodos procedían de:

- Chegaron á Península no século:

- Instaláronse en:

- Estableceron a súa capital en:

- As súas actividades principais foron:

- Permaneceron na Península deica o ano:

- Pedir aos alumnos que elixan a un dos reis visigodos que se mencionan na lección (Leovixildo, Recaredo ou Recesvinto) e que busquen información sobre o mesmo nunha enciclopedia ou na Internet. Con eses datos, propoñerlles que redacten un pequeno texto no que poden incluír unha fotografía. Ao final, facer unha posta en común na que os alumnos mostren e expliquen os seus traballos.

- Explicar aos alumnos que unha forma de comprobar que se entendeu un texto é formulando preguntas que respondan aos seus contidos esenciais.

A formulación de preguntas é unha estratexia global xa que obriga aos alumnos a concentrarse no texto, identificar as ideas principais e relacionar esas ideas para realizar preguntas relevantes.

As preguntas poden partir de palabras que se utilizan en calquera cuestionario (que é?, como é?, onde está?...) seguidas daqueloutras que indican os aspectos específicos do tema en cuestión.

Propoñer aos alumnos que lean as páxinas 168 e 169. A continuación, indicarlles que subliñen as ideas principais do texto. Por último, pedirlles que redacten preguntas relacionadas co seu contido que empecen por: Por que…? Cal era…? Quen foi…? Cando ...?

Tras a posta en común das preguntas elaboradas polos alumnos, animalos a explicar de que xeito esta técnica os pode axudar á hora de estudar.

- Para iniciar o desenvolvemento da lección das páxinas 170 e 171 preguntar aos alumnos: Quen sabe que teñen en común palabras como: albará, almofada, albarda, alxibe, albeite, almanaque…? Explicar que todas elas son palabras procedentes do árabe que se incorporaron ao idioma galego. A continuación, conversar cos alumnos sobre outros elementos da cultura árabe que chegaron ata nós.

- Se o considera conveniente, utilizar o mapa incluído na páxina 170 para explicar a expansión dos musulmáns pola Península. Indicar que na batalla de Guadalete, librada no ano 711, o exército do rei visigodo don Rodrigo foi derrotado polos musulmáns. Con esta vitoria púxose fin ao reino visigodo e iniciouse o dominio dos musulmáns da Península. Así mesmo, explicar que no ano 722 tivo lugar a batalla de Covadonga, onde o exército asturiano comandado por don Pelaio venceu os musulmáns. Esta vitoria supuxo o inicio da conquista da Península por parte dos reinos cristiáns.

- Pedir aos alumnos que expliquen as diferenzas entre as seguintes parellas de termos:

- Rei-califa.

- Musulmán-cristián.

- Igrexa-mesquita.

- Pedir aos alumnos que observen o mapa 1 da páxina 170. Despois, preguntar:

- Que cidades conquistaron os musulmáns?

- Que cidade conquistaron primeiro os musulmáns, Córdoba ou Toledo?, por que?

- En que territorio se encontraba a cidade de Oviedo?

- Desde o sur da Península, a onde se dirixiron os musulmáns?

- Explicar que os números que utilizamos na actualidade foron introducidos en Europa polos árabes, por iso se denominan números arábigos. A continuación, propoñer aos alumnos actividades nas que teñan que escribir en números arábigos diferentes números romanos.

- Comentar aos alumnos que o xogo do xadrez é orixinario da India e remóntase ao século V. Nesa época era coñecido co nome de Chaturanga (xogo do exército) e podían intervir dous ou catro xogadores. Desde A India pasou a Persia e desde alí a toda Asia. Os musulmáns, grazas ás súas conquistas, foron os encargados de introducilo en Europa a través da península Ibérica. Durante a Idade Media, España e Italia foron os países nos que máis se xogaba ao xadrez.

A expresión «xaque mate», con que se vence no xogo do xadrez, deriva do árabe al-shâk mât, que quere dicir «o rei está morto».

- Contar aos alumnos que o papel inventouse en China no século II e chegou a Europa a través da Al-Andalus. O primeiro taller da Península instalouse en Córdoba no ano 1036. Máis barato que o pergamiño, axiña se estendeu o seu uso entre os cristiáns.

Un dos primeiros exemplos de papel utilizado en España son os manuscritos do século X que se atopan no mosteiro de Santo Domingo de Silos, preto de Burgos.

Posteriormente, difundiuse por Europa, onde se xeneralizou o seu uso a partir do século XIV.

- A propósito da ilustración 2 da páxina 172, explicar que Alhambra significa vermello e que se denomina así en alusión aos seus muros de cor rubia. A continuación, preguntar aos alumnos se algún deles estivo en Granada e visitou a Alhambra. En caso afirmativo, pedirlle que explique aos seus compañeiros todo o que saiba ou lembre desta construción.

- Explicar que o ano 1492 é clave para a historia non só por ser o final do dominio musulmán da Península, senón tamén por ser o ano no que Cristovo Colón descubriu América.

- Ademais das preguntas do libro, o profesor pode formular as seguintes:

- Cando e por que se uniron as Coroas de Castela e Aragón?

- Quen foron os Reis Católicos?

- Que aconteceu en 1492?

- Que estilo artístico se desenvolveu ao final da Idade Media?

- Debuxar no encerado un mapa da península Ibérica e sinalar nel as cidades de Valencia e Málaga. A continuación pedir aos nenos que indiquen os reinos que tería que atravesar un mercador que no ano 1490 tivese que ir desde Valencia ata Málaga.

- Pedir aos alumnos que observen a ilustración número 4 da páxina 173 e lean o pé de foto. A continuación, preguntar:

– A miniatura de Xelmírez ten moitos personaxes. Identifícaos.

– Que construción pode ser a que se ve ao fondo?, por que?

– En que parte do cadro se sitúa Xelmírez?, por que?

– Por que fará Xelmírez ese xesto coa man??

Contar aos alumnos que Afonso X o Sabio (Toledo, 1221- Sevilla, 1284) era fillo de Fernando III o Santo e de Beatriz de Suabia e dise que se educou na vila ourensá de Allariz. En 1252 sucedeu o seu pai no trono de Castela. Continuou a expansión polas terras do sur, dominadas polos musulmáns, e incorporou ao seu reino cidades como Xerez, Medina-Sidonia, Lebrija, Niebla e Cádiz.

Con todo, o reinado de Afonso X destacou sobre todo na orde cultural. Desenvolveu un extraordinario labor como protector das ciencias e das artes.

Fíxose rodear de grandes sabios das tres relixións peninsulares (cristiáns, musulmáns e xudeus) e impulsou a Escola de Tradutores de Toledo, creada polo seu pai, onde se traduciron ao castelán obras coma a Biblia, o Corán e o Talmud.

Escribiu moitas obras, entre elas as Cantigas de Santa María, colección de 420 composicións escritas en galego que narran os milagres da Virxe, e As sete partidas, código de leis inspirado no dereito romano.

- Propoñer algún exercicio para que os alumnos conten en anos, décadas ou séculos. Por exemplo:

- Se a toma de Granada se produciu en 1492, dicirlles que calculen cantos séculos, décadas e anos hai da conquista de Granada: 515 no ano 2007, que son cinco séculos, unha década e cinco anos.

- Se os musulmáns chegaron á Península no ano 711 e permaneceron nela ata o ano 1492, indicarlles que calculen canto séculos, décadas e anos permaneceron no noso territorio: 781 anos, que son sete séculos, oito décadas e un ano.

- Dividir a clase en grupos de catro alumnos e encargar a cada un deles realizar un informe sobre un edificio medieval de Galicia. Por exemplo, a igrexa de Santa Comba de Bande, en Ourense; as Torres de Catoira, na ría de Arousa; a igrexa de Santo Antoíño de Toques, na Coruña; a igrexa de Santa María do Sar, en Santiago; a fachada das Praterías e o pórtico da Gloria da catedral de Santiago; os castelos de Pambre, en Lugo, e de Monterrei, en Ourense…

- Cada grupo elaborará un mural con fotografías do edificio en cuestión (pódense conseguir nas oficinas de turismo ou nas axencias de viaxes) e incluirá nel un cadro resumo coma este:

|Nome: | |

|Lugar en que está: | |

|Data de construción: | |

|Autor: | |

|Estilo: | |

|Características: | |

Unha vez completado o traballo, cada grupo expoñerá ao resto dos seus compañeiros os resultados da súa investigación.

- Antes de realizar as actividades do apartado Aprendín das páxinas 176 e 177, lembrar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. Se o profesor o considera conveniente, pode ditalas para que as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- No ano 409 distintos pobos xermanos invadiron Hispania.

- Os visigodos estableceron na península Ibérica un reino con capital en Toledo e unificaron o territorio, a relixión e as leis.

- No ano 711, a Hispania visigoda foi invadida polos musulmáns.

- Os musulmáns controlaron a maior parte da Península e as illas Baleares e ao seu territorio chamáronlle Al-Andalus.

- A partir do ano 1000 Al-Andalus dividiuse en pequenos reinos chamados reinos de taifas.

- Cara a 1230, o territorio cristián estaba organizado en catro grandes reinos: reino de Navarra, Coroa de Aragón, Coroa de Castela e Portugal.

- En 1492, os Reis Católicos conquistaron Granada, o último reino de taifas.

- Unha vez finalizadas as actividades propostas, sería interesante realizar unha posta en común para valorar o interese o grao de comprensión dos conceptos tratados na unidade. Por exemplo, propoñer aos alumnos que escriban un pequeno texto no que expliquen o que máis e o que menos lles gustou da Idade Media.

- Indicar aos alumnos como se din en inglés algún dos termos que estudaron nesta unidade:

- Idade Media: the Middle Ages.

- rei: king.

- raíña: queen.

- musulmán: muslim.

- cristián: christian.

- Os xogos de preguntas son un bo recurso para facer un repaso final dos contidos da unidade. Por iso, se o profesor o cre conveniente, propoñer aos alumnos crear entre todos un xogo deste tipo. Para iso:

1. Repartir dúas tarxetas de igual tamaño a cada alumno.

2. Cada un deles deberá escribir dúas preguntas relacionadas coa unidade e as súas respectivas respostas.

3. Revisar entre todos as preguntas formuladas para corrixilas e retirar as que estean repetidas e as que non sexan axeitadas.

4. Dividir a clase en grupos de catro alumnos. Cada grupo elixirá un voceiro, que se encargará de responder ás preguntas.

5. Facer, por quendas, o mesmo número de preguntas a cada grupo. Se o grupo atina, levará dous puntos. Gañará o grupo que máis puntos obteña.

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación moral e cívica

- Aproveitar que nesta unidade estúdanse algunhas das invasións que se produciron na península Ibérica ao longo da Idade Media para provocar nos alumnos o rexeitamento á violencia e a necesidade do diálogo para resolver os conflitos.

- Aproveitar a observación das fotografías da Alhambra e da catedral de León das páxinas 172 e 173 para recordar aos alumnos que cando visitamos un centro relixioso debemos mostrar respecto polo lugar e polas persoas que alí se atopan.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Identifica o inicio da Idade Media coa caída do imperio romano.

• Enumera os pobos xermanos que invadiron Hispania.

• Coñece as principais características do reino visigodo.

• Sabe que no ano 711 os musulmáns invadiron a Península e fundaron Al-Andalus.

• Explica que Al-Andalus se dividiu en pequenos reinos independentes chamados taifas.

• Identifica os catro grandes reinos nos que estaba dividido o territorio cristián cara a 1230.

• Relaciona o ano 1492 coa conquista de Granada polos Reis Católicos.

• Recoñece e respecta as crenzas relixiosas doutras persoas.

COÑECEMENTO DO MEDIO 5.º CURSO

UNIDADE 14: A IDADE MODERNA E A IDADE CONTEMPORÁNEA

OBXECTIVOS

• Asociar o inicio da Idade Moderna co descubrimento de América.

• Identificar o imperio español cos reinados dos Reis Católicos, de Carlos I e de Filipe II.

• Coñecer os territorios que formaban o imperio español.

• Explicar que é unha monarquía absoluta e cando se instaurou en España.

• Relacionar o inicio da Idade Contemporánea en España coa guerra da Independencia en 1808.

• Citar as etapas e os principais feitos ocorridos en España durante a Idade Contemporánea.

• Explicar que en España despois da ditadura se deu paso á transición e á democracia.

• Valorar o sistema democrático fronte a outras formas de goberno.

CONTIDOS

Conceptos:

• A Idade Moderna.

• A Idade Contemporánea.

• A época actual: transición e democracia.

Procedementos:

• Interpretación de liñas do tempo.

• Observación de mapas.

• Descrición de ilustracións.

Actitudes:

• Aprecio e respecto polos valores democráticos.

METODOLOXÍA

Proceso de ensinanza e aprendizaxe:

Nas páxinas iniciais da unidade 14 o proceso comeza coa lectura en grupo do texto A afección de David. A continuación, suscítanse dúas actividades: na primeira aparecen varias preguntas sobre a lectura; e na segunda proponse unha actividade oral que pretende comprobar como se expresan os alumnos e como mostran as súas opinións. Ao final desta dobre páxina, no apartado Informámonos, preséntanse os conceptos principais que se van estudar.

Nas páxinas de información: A Idade Moderna, A Idade Contemporánea e A época actual o proceso de ensinanza-aprendizaxe constrúese mediante o traballo sobre unha serie de breves bloques informativos onde se presenta claramente a información, tanto de xeito escrito coma gráfico. Ao final de cada un destes bloques inclúese un pequeno resumo e, a continuación, cuestións para que os alumnos repasen os conceptos máis importantes tratados nestas páxinas.

Tras as páxinas de contidos propóñense actividades para reforzar a comprensión dos coñecementos adquiridos, e outras que teñen como obxectivo aplicar os contidos a situacións próximas á realidade do alumno. Na primeira páxina de actividades, estas clasifícanse nos apartados Comprender, Razoar e Aplicar. Na segunda páxina de actividades preséntase o apartado Saber facer, onde se inclúe a actividade de carácter procedemental Relacionar anos e séculos.

Como peche da unidade 14 proponse outra dobre páxina de actividades baixo o título Aprendín. Estas actividades divídense en varios tipos:

- Dous fichas: A Idade Moderna e A Idade Contemporánea.

- O apartado Infórmome e escribo, onde os alumnos deben realizar unha reportaxe.

- O breve texto A liberdade de expresión, dentro do apartado O mundo que queremos, onde se facilita a autorreflexión dos alumnos sobre os seus comportamentos e actitudes.

Suxestión de temporalización:

2.ª quincena de maio.

Recursos:

- Coñecemento do medio 5.

- Guía didáctica de Coñecemento do medio 5.

- Fichas 32 e 33 de reforzo.

- Ficha 14 de ampliación.

- Ficha 14 de control.

- Ficha de Avaliación 3.o trimestre.

- Recursos na rede

- A guerra da Independencia.



Todo sobre a guerra da Independencia.

- A Constitución de 1978.



Páxina con información adaptada aos diferentes ciclos de ensinanza sobre a Constitución.

- Tarefas de Historia.

- Descubramos o tempo 3.

- Novo dicionario da lingua galega.

ACTIVIDADES E SUXESTIÓNS DIDÁCTICAS

- Para introducir a unidade preguntar aos alumnos se saben o que é unha maqueta e se algún deles fixo unha. En caso afirmativo, pedirlles que expliquen que tipo de maquetas realizaron: de que fixeron a maqueta, que materiais utilizaron, canto tempo lles levou, se os axudou alguén, etc. No caso de que non saiban o que é unha maqueta, indicarlles que é unha reprodución reducida a escala dun obxecto (un barco, unha construción, un automóbil…) realizada con diferentes materiais: madeira, plástico, aluminio…

- A propósito da ilustración do buque Hespérides da páxina 178, explicar aos alumnos que este barco pertence á Armada española e a súa principal misión é apoiar as actividades científicas que se desenvolven na Antártida: estudos cartográficos, de xeoloxía e bioloxía mariña, de ecosistemas, etc.

- Pedir aos alumnos que lean o título da unidade e observen a liña do tempo da páxina 178. Despois, formular preguntas para que os alumnos fagan conxecturas. Por exemplo: Que é a Idade Moderna?, e a Contemporánea?, en que se diferencian? que é o imperio?, que diferenza haberá entre monarquía constitucional e monarquía absoluta? que é unha república? Con que acontecemento se inicia a Idade Moderna?

- Para introducir a lección das páxinas 180 e 181, A Idade Moderna, levar á clase un mapa do mundo e preguntar aos alumnos en que países se fala ou se falou castelán. Sinalar no mapa os países que vaian dicindo os nenos, e completar a lista con outros que quizais non mencionen, como Sáhara, Guinea Ecuatorial ou Filipinas. Concluír dicindo que o castelán é a terceira lingua máis falada no mundo (tras o chinés mandarín e o inglés). Aproximadamente un 7 % da poboación mundial (uns 400 millóns de persoas) falan o noso idioma grazas á grande influencia que tivo España na Idade Moderna. Facer o mesmo co portugués.

- Se o profesor o considera oportuno, explicar que Carlos I, ademais de ser rei de España, foi emperador de Alemaña. Por iso, é coñecido como Carlos I de España e V de Alemaña.

- Preguntar aos alumnos:

- En que dous períodos se divide a Idade Moderna en España?

- Por que dicimos que España foi un grande imperio?

- Que era a corte?

- Propoñer aos alumnos que escriban unha biografía dun dos personaxes históricos da Idade Moderna española que se citan no libro. Para iso, indicarlles que busquen nunha enciclopedia ou na Internet os datos máis importantes da vida do personaxe elixido e elaboren unha ficha con eles (data e lugar de nacemento e morte, por que é coñecido, feitos relevantes…). A partir da información recollida, redactarán unha biografía na que poden incluír unha ilustración alusiva a ese personaxe.

- Contar aos alumnos que Cristovo Colón (Xénova, 1451-Valladolid, 1506) estaba convencido de que a Terra era redonda e que podería chegar a Asia polo oeste. As súas teorías convenceron os Reis Católicos que, tras a conquista de Granada, apoiaron a súa viaxe.

Partiu de Palos de la Frontera (Huelva) o 3 de agosto de 1492. Acompañábano uns noventa homes, a bordo de dúas carabelas, La Pinta e La Niña; e unha nao, a Santa María. Dous meses máis tarde, o 12 de outubro, Rodrigo de Triana divisou terra. Non chegaran a Asia, senón ás illas Bahamas que Colón bautizou como San Salvador, Santa María de la Concepción e Fernandina e Isabela.

Cóntase que tras a súa primeira viaxe a América, Colón foi invitado a unha reunión onde se lle reprochou que calquera podería descubrir o Novo Mundo. Colón retou aos alí presentes a que puxesen un ovo en pé. Todos deron mil voltas ao ovo e convencidos de que era imposible, devolvéronllo a Colón. Este golpeou o ovo contra a mesa e deixouno en pé. Os convidados defendéronse dicindo que desa forma calquera podía facelo, ao que Colón contestou que calquera podería facelo se se sabe como hai que facelo. O mesmo acontecía co camiño ao Novo Mundo, calquera podía ir sabendo por onde ir.

- Para empezar a lección das páxinas 182 e 183, A Idade Contemporánea, preguntar aos alumnos se saben que significa a expresión “Viva la Pepa!”. Despois, explicar que a Constitución de 1812 coñecíase como La Pepa porque foi aprobada o día de San Xosé. Ao chegar ao poder Fernando VII, prohibiuna. Os defensores do sistema constitucional utilizaron a frase “Viva la Pepa!” en clave para dicir en realidade “Viva a Constitución de 1812!”.

- Explicar que unha guerra civil é un enfrontamento armado entre dous ou máis grupos contrarios dun mesmo país. Insistir nas súas consecuencias para que os alumnos tomen conciencia da importancia dos valores democráticos.

- Preguntar aos alumnos:

- Cando comezou en España a Idade Contemporánea?

- Coa monarquía constitucional, aumentou ou diminuíu o poder dos reis?, por que?

- Coa ditadura, os cidadáns podían elixir os seus gobernantes?, por que?

- Pedir aos alumnos que observen o mapa da páxina 182 e que o comparen cun actual no que se vexa a división de España en Comunidades e Cidades Autónomas. A continuación, preguntar:

- Cantas rexións formaban España antes de 1978?

- Que rexións desapareceron?

- Que Comunidades Autónomas conservaron o mesmo nome?

- Contar que hai unha canción relacionada con Fernando VII («Cuando Fernando VII usaba paletó, cuando Fernando VII usaba paletó, cuando Fernando VII usaba paletó, paletó, usaba paletó») á que se lle ían cambiando as vogais (primeiro co a, despois co e, etc.). Propoñer aos nenos cantala e aproveite para explicar que un paletó era un abrigo de pano gordo, longo e entallado.

- Explicar aos nenos que a guerra da Independencia foi a contenda que enfrontou España e as tropas francesas de Napoleón Bonaparte entre os anos 1808 e 1814.

Orixinouse ante a ocupación do país polo exército francés, ao que o rei Carlos IV lle permitira cruzar España para invadir Portugal. A guerra iniciouse cun levantamento popular en Madrid o 2 de maio de 1808, cando o alcalde de Móstoles (Madrid), Andrés Torrejón, chamou o pobo a acudir en socorro do rei, que estaba retido en Francia por Napoleón, quen impuxera o seu irmán, Xosé Bonaparte, no trono español.

- Levar á aula unha reprodución do cadro Os fusilamentos da montaña de Príncipe Pío realizado por Francisco de Goya en 1814. Contar aos alumnos que este representa a violenta represión emprendida polos franceses contra o pobo español. Os fusilamentos foron levados a cabo na montaña de Príncipe Pío, na madrugada do 3 de maio de 1808. A composición está organizada en dous grupos: os executados, de cara ao espectador, e os verdugos, de costas a este. Entre os primeiros obsérvanse diferentes posturas, que corresponden á actitude coa que se enfrontan á morte. É de destacar a expresividade e o dramatismo de toda a escena, especialmente conseguidos no personaxe vestido cunha camisa branca.

- Para introducir a lección das páxinas 184 e 185, A época actual, pedir aos alumnos que expliquen que é unha Constitución e que conten todo o que saiban sobre a actual.

- É posible que os alumnos oísen falar de sindicatos e incluso que saiban o nome dalgún deles, pero non saiban exactamente o que é. Explicar que un sindicato é unha asociación cuxo fin é a defensa dos dereitos dos traballadores.

- Ademais das preguntas do libro, o profesor pode formular as seguintes:

- En España, quen é o xefe do Estado, o rei ou o presidente do goberno?

- Que é a transición? Que ocorreu durante a transición?

- Quen elixe os membros do Parlamento?

- Propoñer aos alumnos confeccionar murais con artigos da Constitución de 1978. Dividir a clase en grupos e entregar a cada un deles o texto dun artigo da Constitución (por exemplo, o capítulo segundo do Título I «Dereitos e liberdades»). Os alumnos copiarán o artigo, explicarán o seu significado e ilustrarano con debuxos ou fotografías.

- Seguramente, os alumnos oirían falar dos «pais da Constitución». Explicar que eles foron as persoas que elaboraron o borrador da Constitución. Este documento despois foi discutido, corrixido e aprobado polas Cortes Xerais e, o 6 de decembro de 1978, pola cidadanía española.

Dividir a clase en grupos e propoñer aos alumnos e alumnas que busquen información sobre un dos «pais da Constitución» (poden obtela no sitio web constitucion.es/constitucion/ponentes/ponentes.html) e que elaboren unha ficha biográfica sobre el.

- Explicar aos alumnos en que consiste a técnica de aprendizaxe de resumir. Resumir consiste en sacar ou extraer dun texto o que se considera máis importante. Trátase de reducir o texto orixinal sen que falte nada para a súa comprensión.

Os pasos que hai que seguir para facer o resumo dun texto son:

- Ler con atención o texto.

- Subliñar as ideas fundamentais.

- Sintetizar o seu contido.

Facer fincapé en que resumir non é copiar literalmente un texto.

Propoñer aos alumnos redactar o resumo dunha das leccións da unidade. Indicarlles que primeiro lean con atención o texto. A continuación, subliñen as ideas principais e, finalmente, redacten os resumos.

Despois, algúns alumnos lerán os seus textos e, entre toda a clase, elixirán o que mellor resume ou sintetiza a información de cada unha das leccións.

Por último, propoñerlles que copien no seu caderno os tres resumos. Deste xeito, terán un de toda a unidade.

Tras a posta en común dos resumos dos alumnos, animalos a explicar cales son as maiores dificultades que encontrarán á hora de resumir.

- A propósito do cadro de Picasso Mandolina e guitarra, que se inclúe na páxina 186, propoñer aos alumnos que fagan unha colaxe sobre a Constitución, na que poderán utilizar materiais diversos: papel, la, tea, plástico. Despois, organizar unha exposición na aula cos traballos dos alumnos.

- Propoñer aos alumnos xogar á roda da Historia. Para iso, formar parellas de alumnos e pedirlles que debuxen sobre unha cartolina unha roda na que aparezan representadas, de forma consecutiva, as diferentes etapas históricas desde o inicio da Idade Moderna ata a época actual.

Unha vez elaborados os taboleiros, pedir aos alumnos que redacten catro preguntas sobre cada unha das épocas representadas no taboleiro que, posteriormente, terán que facerlle ao seu contrincante no xogo.

Despois, sortearase a cara ou cruz quen será o primeiro en empezar a preguntar, e o xogo comezará pola primeira casa da Idade Moderna, seguindo o sentido das agullas do reloxo. Se un alumno non contesta unha pregunta, quedará unha quenda sen xogar. Gañará o xogador que complete antes o taboleiro.

Se o profesor o considera oportuno, pode realizar o xogo de forma eliminatoria, de tal maneira que os gañadores da primeira rolda se enfronten entre eles, e así sucesivamente, ata que só quede unha parella.

- Antes de realizar as actividades do apartado Aprendín das páxinas 188 e 189, recordar cos alumnos as ideas principais que se traballaron na unidade. Se o profesor o considera conveniente, pode ditalas para que as copien nos seus cadernos. Por exemplo:

- A Idade Moderna comezou en 1492 co descubrimento de América e divídese en dous períodos: o imperio e a monarquía absoluta.

- A monarquía absoluta é unha forma de goberno en que o rei ten todo o poder.

- A Idade Contemporánea en España comezou en 1808 coa guerra da Independencia e divídese en catro etapas: monarquía constitucional, República, guerra civil e ditadura.

- A época actual vai desde o final da ditadura ata os nosos días. Distínguense dous períodos: a transición e a democracia.

- A transición foi a etapa na que se fixeron os cambios necesarios para elixir o primeiro goberno da democracia.

- Na democracia redactouse a Constitución, que estableceu como forma política a monarquía parlamentaria e foi aprobada en 1978.

- Ao ser esta a última unidade, propoñer unha dobre posta en común. Por un lado, preguntar aos alumnos que feitos dos estudados nesta unidade lles pareceron máis importantes e por que.

Por outro, facer unha reflexión sobre os contidos adquiridos este curso. Para iso, o profesor pode formular as seguintes preguntas: De todos os temas que vimos este curso, que é o que vos pareceu máis interesante: o bloque de Ciencias, o de Xeografía ou o de Historia? Que actividades vos gustaron máis? Que contidos dos que estudamos vos parecen máis útiles para a vida cotiá? Que outras cousas vos gustarían aprender?

- Se ao profesor lle parece oportuno, organizar un concurso en que os alumnos teñan que poñer en xogo todos os coñecementos adquiridos ao longo do curso.

- Escribir nun papel algunhas das preguntas que aparecen no apartado Actividades das leccións de cada unidade. Para que este proceso sexa máis rápido, pode pedir a colaboración dos alumnos.

- Cando estean todas as preguntas preparadas, dóbreas e introdúzaas nunha bolsa.

- Dividir a clase en grupos de cinco alumnos e darlles uns días para repasar as preguntas do libro.

- Pasado ese tempo, terá lugar o concurso. Un representante de cada grupo introducirá a súa man na bolsa e extraerá unha pregunta que deberá responder. Se atina, el levará dous puntos. Se non, contestará o seu grupo, e no caso de atinar levará un punto. Cada grupo deberá contestar polo menos 10 preguntas.

- Proclamarase gañador do curso ao grupo que máis puntos obteña.

Actividades específicas para o desenvolvemento de hábitos e valores:

Educación moral e cívica

- Aproveitar que nas páxinas 180 e 181 se fai referencia á monarquía absoluta para sinalar aos alumnos que a igualdade entre as persoas procede da dignidade do ser humano e non das condicións do seu nacemento.

- Aproveitar o tema da transición para insistir en que só con diálogo, consenso, respecto e tolerancia as sociedades poden avanzar.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN

• Relaciona o inicio da Idade Moderna co descubrimento de América.

• Sabe que o imperio español coincidiu cos reinados dos Reis Católicos, Carlos I e Filipe II e identifica os territorios que o formaban.

• Sabe o que é unha monarquía absoluta e cando se instaurou en España.

• Identifica o inicio da Idade Contemporánea en España coa guerra da Independencia en 1808.

• Explica as etapas e os principais feitos ocorridos en España durante a Idade Contemporánea.

• Cita os acontecementos máis relevantes que sucederon en España despois da ditadura.

• Valora o sistema democrático fronte a outras formas de goberno.

................
................

In order to avoid copyright disputes, this page is only a partial summary.

Google Online Preview   Download