A LITERATURA GALEGA NO EXILIO (1936-1950 )
Tema 4.
A LITERATURA GALEGA DO EXILIO.
CARACTERÍSTICAS.
AUTORES E OBRAS.
1.- Introdución
O triunfo dos fascistas na guerra civil supuxo a implantación dunha política cultural e lingüística
terribelmente centralizadora e homoxeneizadora, que impuxo un silencio obrigado na nosa literatura.
Como consecuencia da vitoria en 1939 dos militares sublevados contra a República, o labor literario que se comezara a desenvolver no primeiro terzo do s. XX ten que trasladarse fóra de Galicia ata 1950, ano da morte de Castelao e da autodisolución do Partido galeguista. Nese ano a loita galeguista abandonaba a escena política e centrábase no labor cultural, impulsado polo grupo Galaxia. Mentres, entre 1939 e 1950, o centro da actividade literaria galega pasará a ser México e Bos Aires. Na capital arxentina entran en contacto os emigrados antes da sublevación militar (Blanco Amor, Emilio Pita, Varela Buxán...) cos exiliados (Castelao, Seoane, Valenzuela...) e comezarán a desenvolver un amplo traballo intelectual e a impulsar a conciencia galeguista e a difusión da cultura galega a través de conferencias, a publicación de revistas, a creación de editoriais, publicacións periódicas (a revista Galicia, voceiro de Centro Galego de Bos Aires, e a súa homónima voceiro da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires; Galicia Emigrante...), emisións radiofónicas (o programa Galicia Emigrante emitíase os domingos desde Radio Libertad de Bos Aires), ou edicións de libros (entre 1940 e 1944 publicáronse en América 18 libros en galego).... Eles van ser o elo de continuidade da cultura galega, que a Galicia interior vira rachado pola represión do Réxime franquista. Castelao foi unha das grandes referencias do galeguismo en América e na propia Galicia. No exilio vanse publicar as obras que en Galicia non podían ver a luz. De entre todos os autores que desenvolveron a súa actividade no exilio podemos destacar os poetas Emilio Pita, Luís Seoane e Lorenzo Varela e aos narradores Ramón Valenzuela e Silvio Santiago.
No ámbito teatral temos que destacar a estrea en Bos Aires da obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse e o labor de Blanco Amor. Tamén debemos salientar a Varela Buxán, autor e director de numerosas obras. Dos anos no exilio datan tamén os ensaios de Castelao Sempre en Galiza (Bos Aires, 1944) e As cruces de pedra na Galiza (1950).
2. Características.
As circunstancias socio-políticas en que os exiliados e emigrantes en América desenvolven a súa obra marcan esta dun xeito importante, e motivan unha serie de características que definen a maioría das obras:
* A poesía da primeira etapa do exilio está marcada pola esperanza do regreso e caracterizada polo ton de denuncia, nunha liña que anticipa o socialrealismo. Os temas son a emigración e o exilio.
*Posteriormente, aparece a nostalxia pola patria perdida, cun compoñente mitificador a partir da rememorización e idealización das lembranzas do pasado, propias do mundo dos exiliados, e da reivindicación do pasado histórico de Galicia. Agora, a memoria é o eixo dunha poesía na que non deixa de estar presente o drama do eterno regreso. Continúa tamén a denuncia de claro signo civil, difícil de levar a cabo na propia Galicia.
* Na novela predomina o relato realista, no que sobresae a acción, a desacougante aventura persoal da guerra e da fuxida de España. Son, pois, novelas escritas para contar a experiencia dos seus autores na guerra e no exilio, unha especie de memorias da represión dos anos da contenda e da fuxida daquela dramática situación, non esquezamos que están contadas desde o bando republicano, o dos perdedores. Ao mesmo tempo, coma na poesía, está presente a nostalxia pola terra de orixe, á que idealizan.
*O teatro popular galego no exilio pretende manter viva a tradición e o conxunto de costumes e crenzas que configuran o patrimonio cultural do pobo. Pero hai tamén un teatro culto que pretende transmitir a existencia dunha Galicia libre de sometementos alleos, rescatando a memoria histórica deste país do esquecemento.
En resumo, salvo algunhas obras como Os vellos non deben de namorarse, A esmorga e algunha outra, o panorama da literatura no exilio presenta obras nas que prevaleceu máis a vontade e o sentimento ca o acerto estético, a indignación e a reivindicación ca o rigor formal. Son obras marcadas pola experiencia vital dos autores, nas que aparece a emigración, o exilio, a denuncia, a nostalxia pola terra de orixe e o desexo de manter viva a identidade e a cultura galega.
3.- Autores máis representativos
3.1.- A Poesía
3.1.1. Emilio Pita. (A Coruña, 1909 - Bos Aires, 1981).
Naceu na Coruña en 1909 e emigrou de neno a Arxentina.
A primeira obra publicada no exilio foi o libro de poemas titulado Jacobusland (1942), libro que pon de relevo a traxedia da guerra civil en Galicia en medio dunha nostálxica visión da natureza galega . Posteriormente publicará outros poemarios Cantigas de nenos (1944) e o máis salientable O ronsel verdegal (1964). Pode considerarse como un antecedente da poesía comprometida, sen desbotar por iso a súa preocupación por manter os valores poéticos.
3.1.2. Luís Seoane. (Bos Aires, 1910 - A Coruña, 1979).
Fillo de emigrantes, naceu en Buenos Aires en 1910 pero veu de neno a Galicia. Militante do Partido Galeguista, no 1936 exiliouse en Buenos Aires sendo un dos iniciadores do movemento cultural galego nesta cidade. Home polifacético, ademais de escritor foi xornalista, crítico de arte e literatura e o máis completo artista plástico da Galicia da época.
A súa obra poética iníciase en 1952 coa publicación de Fardel de eisiliado. Neste poemario canta a epopea anónima da emigración galega, vítima de determinadas forzas sociopolíticas, nunha liña crítica e combativa, herdeira da poesía cívica de Curros e que terá continuidade con Celso Emilio Ferreiro. Posteriormente publicará Na brétema, Sant-Iago (1956), na que o espazo poético é a Galicia medieval, As cicatrices (1959) e A maior abondamento (1972), obra esta na que volve á temática da emigración, do exilio e do protagonismo histórico do pobo galego. Tres son os eixos fundamentais da súa poesía: o socio-político, o histórico-cultural e o reflexo do mundo artístico.
3.1.3. Lorenzo Varela. (A Habana, 1917 - Madrid, 1978).
Fillo de emigrantes galegos, naceu na Habana en 1917. Sendo moi novo trasladouse a Galicia. Ao rematar a guerra civil exiliouse en México, sendo un dos redactores da revista Romance ata que Octavio Paz o incorpora á redacción da súa revista Taller. Marcha despois a Buenos Aires e inicia a súa produción poética.
En 1944 publica Catro poemas para catro gravados, son poemas sobre María Pita, Roi Xordo, o bispo Ataúlfo e María Balteira, que figuran no álbum de gravados de Luís Seoane coñecido co título de María Pita e tres retratos medievais.
A súa obra máis importante é Lonxe (1954), libro que, ilutrado por Luís Seoane, está dominado pola anguria do desterro, tinguido pola saudade dunha plenitude sensual e viva, nunha visión case onírica da lonxanía de Galicia. A poesía deste autor é cívica e ateigada de lirismo.
3.2- A Narrativa.
3.2.1. Ramón Valenzuela. (A Bandeira, 1914 / Sanxenxo, 1980)
Formou parte do Partido Galeguista e despois da guerra civil exiliouse en Buenos Aires, onde colaborou en Galicia emigrante con narracións que máis tarde reuniría no libro O naranxo (1974).
En 1957 publica a novela Non agardei por ninguén. A acción desenvólvese nos anos da guerra civil. Esta temática continúase en Era tempo de apandar, ambientada na posguerra. Ambas novelas constitúen un documento narrativo desta época e teñen moito de autobiográficas.
3.2.2. Silvio Santiago. (1903-1974).
Naceu en Vilardevós (Ourense) en 1903. Foxe a Portugal a raíz da guerra, vivindo clandestinamente ata que consegue chegar a Venezuela .
Escribiu no exilio caraqueño unha novela que publica ao seu regreso a Galicia en 1961 Vilardevós. Escrita con sinxeleza técnica e con intención crítica social, é unha pintura dos costumes populares valéndose das súas lembranzas de neno e mozo no medio rural. Postumamente publicouse O silencio redimido (1976), novela autobiográfica na que relata a época da súa condena, fuxida e desterro.
3.2.3. Blanco Amor. (Ourense, 1900- Vigo, 1979)
Ao falarmos da narrativa galega no exilio, non debemos esquecer mencionar a Blanco Amor, que vai publicar en Bos Aires A esmorga (1959), novela considerada por moitos como o punto de arranque da moderna narrativa galega. Tamén desenvolverá no exilio un importante labor como dramaturgo.
Nado en Ourense, tivo unha nenez marcada pola fuxida de seu pai e unha saúde débil. De formación intelectual autodidacta, aos vinte e un anos emigra a Bos aires, incorporándose na capital arxentina ao movemento cultural galeguista. Colabora co xornal La Nación e como correspondente deste xornal viaxa a España (1928 e 1933), cousa que aproveita para contactar cos homes da xeración Nós e cos escritores españois da xeración do 27, en especial con García Lorca e Alberti. De regreso a Arxentina (1935) defende na prensa a causa republicana durante a guerra civil española. A súa actividade literaria vai ir parella ao seu labor cultural na comunidade galega exiliada e emigrada. Froito disto funda o Teatro Popular Galego de Bos Aires. Antes do seu regreso definitivo a Galiza, en 1962, foi profesor eventual en Universidades de Uruguai e Chile. En 1979 morre en Vigo, cidade na que pasaba longas tempadas.
A narrativa de Blanco Amor:
Desde as técnicas do chamado realismo social, as novelas (dúas en castelán, dúas en galego) de Blanco Amor, trázanos un amplo mural dos grupos sociais e as tensións de Ourense (Auria). Así, cada novela está protagonizada por unha clase social: A esmorga, polos obreiros non cualificados e mundos da marxinación; Xente ao lonxe, polo proletariado concienciado que loita polos seus dereitos; La catedral y el niño, pola pequena burguesía e Los miedos pola burguesía de procedencia fidalga.
Con todo, nese complexo mundo social, non faltan os conflitos individuais e, polo tanto, o retrato psicolóxico.
A cita de Camus que inclúe en Xente ao lonxe defínenos a posición do autor ante o mundo que (re)crea:
“No máis segredo do meu corazón non sinto humildade senón fronte ás vidas máis probes ou ás máis grandes aventuras do espírito. Entre eses dous estremos atópase hoxe unha sociedade que dá risa”.
.- A esmorga (Bos Aires, 1959):
Censurada aquí e mutilada na edición de Galaxia (1970).
En cinco capítulos e a xeito de declaración ante un xuíz mudo, Cibrán nárranos os sucesos acaecidos durante unha esmorga. O espazo histórico é Auria, durante a Restauración monárquica no XIX (contra 1870). Os ambientes son urbanos e suburbiais. A violencia, tanto persoal (autodestrutiva,) como institucional é unha constante na obra.
.- Xente ao lonxe (1972):
Trátase dunha obra moi complexa, con tendencia ao protagonista colectivo. De tal sorte que a podemos considerar:
▪ novela de aprendizaxe: os acontecementos ambientais van configurando a madureza psicolóxica e ideolóxica do narrador-protagonista principal: Suso.
▪ novela social: desenvolve conflitos de clase, conta a evolución do socialismo en Ourense e provincia nos comezos do XX, e do feminismo.
▪ novela histórica: matanza en Oseira, represión do ideario pedagóxico de Ferrer i Guardia, fundador da Escola Moderna.
▪ A pesar de que se sitúa na primeira década do XX, é fácil establecer abundantes paralelismo entre moitos dos sucesos e situacións narradas e os que estaban a acontecer nos último anos do franquismo, de tal maneira que podemos falar dunha novela denuncia
.- Os biosbardos (1962):
Conxunto de sete relatos breves, narrados en primeira persoa por narradores infantís e adolescentes. Desenvólvense no ambiente urbano de Auria (Ourense), nas dúas primeiras décadas do século XX, amosándonos o tránsito entre o mundo infantil e o adulto.
Poesía:
Con menor influencia que a súa prosa, Blanco Amor publica tres volumes de poesía: Romances galegos (1928), Poema en catro tempos (1931) e Cancioneiro (1956). Neles conflúen desde correntes das vangardas (hilozoísmo, neotrobadorismo) ata a poesía social
3.2.4. ANTÓN ALONSO RÍOS (1897-1981).
Natural de Silleda, case nonaxenario publicou O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte (1979), novela de aventuras que, coa guerra civil como pano escénico, narra con bastante inxenuidade certas anécdotas autobiográficas... No 91 publícase Nidia.
3.3. Teatro.
Polo que respecta ao teatro na diáspora, atopamos dous modelos estéticos e temáticos heteroxéneos, a pesar de compartiren unha lingua común. Así, podemos afirmar que hai un teatro culto (en canto ás técnicas e á temática) e un teatro máis popular, achegado á tradición, ao conxunto de costumes e crenzas que configuran o patrimonio cultural do pobo.
3.3.1. O teatro popular:
Manuel Varela Buxán 1909-86
Naceu en Lamas (A Estrada). Emigrou a Arxentina e alí formouse dun xeito autodidáctico, en contacto coas obras de Villar Ponte e Castelao. Fundou a compañía de teatro Maruxa Villanueva – na que figura a actriz que lle dá nome e mais Fernando Iglesias Tacholas, dous dos mellores actores galegos da época- na que faría a estrea de varias das súas obras : Se o sei... non volvo á casa, A xustiza dun muiñeiro, O ferreiro de Santán... e mais da obra teatral de Castelao Os vellos non deben de namorarse, estrea realizada en Bos Aires en 1941.
En 1950 volve a Galicia. Desde aquela publicáronse tres tomos do seu teatro: O ferreiro de Santán e Taberna sen dono (1975), O cego de Fornelos e outras comedias curtas, diálogos e monólogos (1981). É o seu un teatro directo, popular, de intención social, de liña cómica e sentimental, encadrado nun ambiente rural.
3.3.2. O teatro culto.
Diferénciase do teatro popular en que incorpora a estética e as técnicas dramáticas máis modernas da época, con intención de dotar ao noso teatro de categoría e calidade de valor universal. Se o teatro popular apelaba aos afectos e sentimentos para espertar a conciencia galeguista, este chamado “culto” apelará á razón e ao intelecto.
Haberá que citar aquí a obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse, e tamén cultivaron o xénero dramático entre outros Luís Seoane, A soldadeira (1956); e Isaac Díaz Pardo, autor de Midas. O ángulo de pedra (Bos Aires, 1957).
Tamén hai que sinalar o importante labor realizado na diáspora por Blanco Amor a prol do teatro galego, mesmo chegando a fundar en 1957 a compañía de Teatro Popular Galego de Bos Aires, que se estreou coa posta en escena da obra de Blanco Amor O cantar dos cantares ou Galicia 1948, obra na que Blanco Amor deseña a situación cultural e social da Galiza de posguerra. Blanco Amor escribiu numerosas pezas teatrais que foron recollidas nos volumes publicados xa en Galiza: Farsas para títeres (1973) e Teatro para a xente (1974)
................
................
In order to avoid copyright disputes, this page is only a partial summary.
To fulfill the demand for quickly locating and searching documents.
It is intelligent file search solution for home and business.
Related searches
- how start a business with no money
- buying a house with no money down
- buying a home with no down payment
- buying a house with no down payment
- buying a car with no credit
- buy a car with no credit check
- buy a home with no down payment
- open a business with no money
- ask a yes or no question
- a question with no answer
- buy a car with no credit
- melhores livros literatura brasileira